Menos Audasa e menos AVE e máis tren de proximidade

Unha hora e dezaoito minutos. Ese é o tempo que o tren tarda en facer o percorrido entre Coruña e Ferrol. Son 69 quilómetros que nos fan ver como de anacrónica é a rede de tren convencional en Galicia. A situación en Galicia é verdadeiramente preocupante, como tamén o é o feito de que este tema non fose parte do televisivo debate electoral do pasado luns entre as candidatas “representativas”. Ninguén falou de mobilidade. Tampouco nos estraña porque ninguén falou de ecoloxía, decrecemento, nin sequera unha sola referencia a unha transición xusta e verde á crise da COVID-19. Despois nos preguntan porqué nos presentamos ás eleccións.

Volvamos ao tren en Galicia. E volvamos ao percorrido entre Coruña e Ferrol. Un percorrido fermoso pero... dá servizo a alguén? Coas condicións actuais, probablemente a moi pouca xente. Botemos unha ollada ás frecuencias. Nun día de semana o primeiro sae ás sete da mañá, o seguinte sobre as cinco da tarde e o terceiro as nove da noite. Para volver? Se queremos volver no mesmo día só temos unha opción as sete da tarde. Sumémoslle a antigüidade dos trens, a incapacidade para transportar unha bicicleta en moitos deles, e a inaccesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Pouco máis podemos dicir xa que a descrición fala por si soa.

Sen embargo dadas as circunstancias, moitos consideran que as habitantes de ambos núcleos aínda tiveron sorte. Vendo as noticias, só podemos constatar que hai áreas onde as condicións son peores porque directamente desaparecen os traxectos. Hai pouco líamos a noticia de que Renfe está a eliminar a maioría das viaxes en Ourense. Ao recortar os traxectos con Madrid e con Euskadi, tamén se recortan entre Ourense e A Rúa e Valdeorras. Sabemos que Renfe di que é unha redución temporal pero xa estamos afeitos a ver como se reduce e despois non se recupera. As que queremos desprazarnos en tren por Galicia estamos afeitas a ver como sistematicamente se reducen as posibilidades de ir e regresar no mesmo día, algo que é de todo imposible se resides fóra das cidades galegas, ou se es un dos usuarios do abandonado e esquecido feve. 

Temos claro que somos as traballadoras e as viaxeiras as que máis perdemos co desleixo no que está sumida a rede de tren convencional, se podemos chamarlle rede. Prométennos o AVE pero unha boa rede de proximidade faría moito máis pola economía e polo clima que un transporte de alta velocidade só ao acceso duns poucos (se reparamos no prezo), e que non está pensada para o transporte de mercadorías. Que opcións teñen as habitantes das vilas que non están no Eixo Atlántico? Mais quen son os gañadores desta situación? Quen son eses actores que se benefician cada vez que alguén se despraza no seu coche particular ou non ten máis remedio que usar un autobús? 

O feito de que Galicia teña unhas das peaxes máis caras do Estado é claramente unha consecuencia do desleixo do tren. Estamos a piques de converternos na comunidade autónoma con máis autoestradas de peaxe do Estado e aínda temos que pagar 1472 millóns para que as autoestradas sexan gratuítas. Mentres, Audasa é a concesionaria con máis reclamacións dos seus usuarios, a que menos persoal contrata (moi por debaixo da media con respecto a outros operadores) e a que reparte alegremente beneficios entre os seus inversores.

A señora Beatriz Pino rompía os recibos da autoestrada que tivera que pagar para acudir ao debate electoral na TVG e, acto seguido, prometía peaxes gratis. Non pensamos que teña que ser esa a resposta a un problema moito máis profundo que é a falta de opcións porque en EQUO Galicia estamos convencidas de que se tiveramos unha rede ferroviaria en condicións e accesible para todas, moitas persoas non o pensarían dúas veces e deixarían o coche confinado na casa. Todas as demais forzas políticas esquecen o medio ambiente e cacarexan a gratuidade das autoestradas. Nós non queremos encher os petos de Audasa, queremos que as peaxes sexan galegas e públicas pero non gratuítas xa que eses ingresos deberan reverter na mellora das infraestruturas do tren.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.