Menos deputados, menos democracia?

O PP ven de  promover a redución dos deputados do Parlamento de Galicia dos 75 actuais a 61. O certo é que nas democracias occidentais téndese a que o Dereito electoral sexa materia consensuada e, de feito, moitos Estatutos autonómicos esixen maiorías de dous terzos para reformar as regras do xogo electoral, mais non é o caso de Galicia onde xa o Presidente Fraga limitara a proporcionalidade democrática ao esixir o limiar do 5% de votos para acceder ao Parlamento, no canto do 3% que existía antes do 1993.

Nas democracias occidentais téndese a que o Dereito electoral sexa materia consensuada e, de feito, moitos Estatutos autonómicos esixen maiorías de dous terzos para reformar as regras do xogo electoral, mais non é o caso de Galicia

O “leit motiv” da reforma disque é o aforro. 14 deputados menos poden ser, canto máis, 3M€ de aforro/ano, moi inferior ao que se acadaría de rebaixar a retribución dos 75 deputados a 3000 €/ano, como propuxeron os galeguistas de CXG en xuño deste ano. E, dende logo, de se tratar de  eliminar duplicidades e afinar as nosas Institucións nada semellante ao aforro que acadaríamos de suprimirmos as Deputacións (30 M€/ano só en cargos representativos-108 deputados e 4 presidentes- e asesores), os Subdelegados e Delegado do Goberno ou os totalmente prescindíbeis -na súa función actual- senadores.

Esixía outra axilidade política ás tres forzas da oposición parlamentar (PSdeG, BNG e AGE), quer pactando contraprestacións, como a rebaixa do limiar de acceso ao Parlamento ao 3 por cento ou unha mellora da proporcionalidade territorial

Ninguén pode dubidar da legalidade estatutaria da reforma, da súa presenza no programa electoral popular nin da súa conexión cidadá co falso “mantra” da austeridade. O que esixía outra axilidade política ás tres forzas da oposición parlamentar (PSdeG, BNG e AGE), quer pactando contraprestacións, como a rebaixa do limiar de acceso ao Parlamento ao 3 por cento ou unha mellora da proporcionalidade territorial, quer asumindo unha posición unitaria en contra da reforma que fixera ouvir que o seu obxectivo era degradar a representatividade electoral. Velaí como a oposición parlamentar amosou outravolta a súa incapacidade para xerar un relato alternativo, deixando a iniciativa no centro do campo ao PP de Feijoo.

As regras do xogo electoral serán, pois, menos xustas despois da Semana Santa. E o Dereito electoral galego agardará pola reforma que lle dea meirande proporcionalidade e representatividade, suprimindo eses inxustos limiares do 5 por cento e garantindo normas democráticas esenciais como as candidaturas abertas, a posibilidade de revogación a metade dos mandatos ou mesmo a circunscrición  electoral única.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.