Menos sanidade pública

O galego Dr. Juanatey, un dos máis senlleiros cardiólogos da Europa, ven de dicir que se a mortalidade cardiovascular luguesa e ourensá é ben máis alta ca a das áreas coruñesa, viguesa ou compostelá a razón ben podería ser a falla de mantemento dun Servizo de Hematoloxía operativo as 24 horas no HULA lugués ou no CHOU ourensán.  O mesmo doutor lembra que a pobreza xera doenza cardiovascular e esta morte e que, desde que principiou a Grande Recesión, a mortaldade resultante da doenza cardiovascular repuntou un chisco. Cos recortes imos, pois, cara atrás nun eixo tan importante da sanidade e do benestar como é a redución da mortaldade cardiovascular.

Se a mortalidade cardiovascular luguesa e ourensá é ben máis alta ca a das áreas coruñesa, viguesa ou compostelá a razón ben podería ser a falla de mantemento dun Servizo de Hematoloxía operativo as 24 horas no HULA lugués ou no CHOU ourensán

A Xunta pechou 2600 camas entre xuño e setembro por mor das feiras do persoal sanitario. Os usuarios son coincidentes en afirmar que a atención sanitaria reduciuse e que o verán é un tempo perigoso para enfermar. Por suposto, dende o Goberno galego o problema non existe ou non está enfocado a xeito. Mais a cidadanía-e o persoal sanitario-din o que dín.

Mentres, a cidadanía asiste pampa como se lle negan os dados esenciais para coñecermos as características da prestación sanitaria que vai desenvolver o Hospital vigués de Povisa a prol dos usuarios desa área do sur do noso País. E os usuarios coruñeses reclaman o reactivamento da Medicina Interna no Hospital Abente y Lago ou o mantemento integral do Centro de Planificación Familiar de Orillamar.

Os usuarios son coincidentes en afirmar que a atención sanitaria reduciuse e que o verán é un tempo perigoso para enfermar

Por non falar da deterioración da asistencia farmacolóxica aos nosos maiores e dependentes desde que existe o copagamento. Ou do gravísimo problema que enfronta un país que xubila aos 65 anos aos seus mellores médicos e sanitarios.

     

A arrincadeira

Rajoy segue a apostar polo inmobilismo e a “non política”fronte ao problema catalá, mentres Europa mira con desconfianza a incapacidade do Goberno español para enfrontar este problema. Disque un 20% das persoas catalás que defenden a independencia asumiron esta proposta dende a sentenza do Tribunal Constitucional do 2010. Non por acaso dicía Castelao que o Madrid político fabrica independentistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.