O pasado 11 de xaneiro saíu nos xornais a presentación dunha campaña organizada por Sogama e a Consellaría de Medio Ambiente, coa colaboración do Concello de Marín, titulada “Menos residuos, máis recursos, eu reciclo”. A pretensión é inculcar na poboación hábitos para xerar menos lixo e informar da importancia da prevención e redución, así como da reutilización e a reciclaxe.
Esperando atopar a Alameda de Marín chea de paneis informativos, tan só puidemos ver cinco minúsculos paneis informativos que pasan sen pena nin gloria, podendo ser confundidos cunha instalación artística “moderna”. Se así pretenden concienciar e informar á poboación das bondades da reciclaxe creo que non o podían facer peor. Claro que vindo de quen ven seguro que a intención é esa, e con esta actividade tan só busquen unha forma de xustificar e branquear as actividades contaminantes e os negocios de Sogama, unha empresa mixta participada por Gas Natural Fenosa, que se lucra co lixo que producimos en Galiza.
Na fotografía que acompañaba á información na prensa aparecía o presidente de Sogama, militante do PP, a alcaldesa de Marín e outros membros do seu grupo de goberno, tamén militantes do PP. Vendo esta foto chea de profesionais da propaganda e a venda de fume temos que comezar a sospeitar que estamos ante unha campaña de publicidade enganosa. Como cando o presidente Feijoo anuncia que estamos na lexislatura do rural, e este non fai máis que esmorecer pola perda de poboación e explotacións agrarias; ou cando presumen de que temos a mellor sanidade do mundo mentres os centros sanitarios e os hospitais están saturados e os corredores cheos de pacientes.
Tentan colarnos as bondades de Sogama e da escandalosa taxa do lixo que temos que pagar pola recollida e tratamento dos residuos. Queren facernos crer que Sogama recicla e reutiliza, cando a realidade é que o 97% dos residuos que chegan a súa planta de Cerceda van directos á incineración e a un vertedoiro, e tan só reciclan o 3%. O negocio desta empresa está en queimar residuos e producir electricidade, reciclar non compensa.
En Sogama acumúlanse 5 millóns de toneladas de residuos no vertedeiro de Areosa, o máis grande de Galiza, que non son reciclados nin reutilizados, incluíndo un millón de toneladas de cinzas tóxicas producidas ao queimar o lixo. A incineración dos residuos xera emisións contaminantes de metais pesados, dioxinas, furanos e gases con efecto invernadoiro.
A reciclaxe en Galiza non chega ao 12% do total dos residuos, estando a anos luz das porcentaxes que vai demandar a Unión Europea. A Xunta de Galiza non aposta pola reciclaxe e boicotea os proxectos de compostaxe para favorecer a Sogama, ou mellor dito a Gas Natural.
As solucións para mellorar a xestión dos residuos xa están inventadas e están sendo aplicadas noutros países cun resultado ecolóxico e económico moito mellor que o modelo Sogama. A compostaxe, a recollida porta a porta e a redución en orixe son as alternativas do futuro.
Na Galiza hai propostas e proxectos que pretenden integrarnos na modernidade da reutilización, a redución e reciclaxe do lixo, acadando deste xeito uns custes moito menores e facendo posíbel a redución das taxas que pagamos actualmente e aumentando os postos de traballo.
Proxectos favorecedores da compostaxe doméstica e comunitaria, e non só en ámbitos rurais, como desenvolve a Deputación de Pontevedra. A compostaxe estase facendo en zonas urbanas sen ningún tipo de problema, aínda que a alcaldesa de Marín diga o contrario.
* Os dados están sacados da web da asociación ecoloxista Adega.