Mentiras de perogrullo

A Troika, formada por: o Banco Central Europeo (BCE), o Fondo Monetario Internacional (FMI) e a Comisión Europea (CE); representa os intereses do gran poder financeiro, os mesmos intereses que provocaron a crise,  non parece razoable esperar que lles ataque agora unha afección xenerosa de solidariedade que os leve a renunciar aos seus intereses; ben contrapostos cos das maiorías sociais.

Os intereses da Troika están en poder impoñer o desmantelamento dos Servizos Públicos e os mecanismos de protección e integración social

Uns intereses, os da Troika, que non están só en recuperar o que prestaron, mellor dito, investiron cando a especulación inmobiliaria lles proporcionaba beneficios escandalosos, con seguridade e xuros, convertendo a débeda privada en débeda soberana. Tamén está en poder impoñer o desmantelamento dos Servizos Públicos e os mecanismos de protección e integración social. En poñer no mercado un substancioso nicho de negocio para este capital financeiro. Cando todos estes servizos estean nas súas mans, afrouxarán as gadoupas da débeda, pero seremos os seus indefensos escravos. A chantaxe que están exercendo parécese a un guión moi repetido en filmes de serie B; empresario sen escrúpulos que presta cartos xenerosamente e despois esixe unha devolución imposible para quedarse coas terras, que esconden un xacemento ou ofrecen a posibilidade dun gran negocio. Por certo, no guión sempre está o suborno do cherif, do alcalde; quen sexa a autoridade competente.

Desde a corrupción instituída, xeran outra mentira que esparexe a súa peste e satura as ventas da cidadanía para que non distinga e quede co famoso “son todos iguais”

Pero a Troika non é un ente intanxible e afastado, “ten os seus representantes na terra” que aplican a súas políticas porque forman parte da mesma trama de intereses e teñen todos os medios para construír o corrupto mundo da mentira e dos saqueos. E para iso, desde a corrupción instituída, xeran outra mentira que esparexe a súa peste e satura as ventas da cidadanía para que non distinga e quede co famoso “son todos iguais”.

Constantemente, en case todos os medios de comunicación, é dicir; os que forman parte do que deron en chamar “caverna mediática” e, en xeral, todos os que teñen alugada ou secuestrada a súa palabra polos poderes instituídos; coma un mantra transversal que o envolve todo, nos venden como incuestionables dúas grandes mentiras: 1) As políticas esixidas pola troika sacarannos da crise, 2) É a única alternativa, non queda outra.

É imprescindible ter un auténtico programa político de goberno, de amplo consenso. Consenso na posición fronte á débeda e ás exixencias a Troika e nas prioridades. Consenso en dotar a Galiza dun auténtico goberno galego

É urxente paralos, frealos, facerlles fronte … Pero, na miña modesta opinión, tamén é imprescindible, e a cidadanía ten que percibilo para fuxir da depresión e activar todo o seu poder creativo,  ter un auténtico programa político de goberno, de amplo consenso. Consenso na posición fronte á débeda e ás exixencias a Troika e nas prioridades. Consenso en dotar a Galiza dun auténtico goberno galego. Isto, aínda que pareza de perogrullo, neste país sería toda unha revolución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.