Mentiras e desgrazas de España

Podemos felicitarnos e desexarnos un feliz e prospero ano novo, ser optimistas e crer nos mellores augurios e a propaganda interesada do goberno e os poderes económicos e financeiros; podemos tentar enganarnos, pero a realidade é que non nos espera un bo ano.

Podemos tentar enganarnos, pero a realidade é que non nos espera un bo ano

Hai nadiña, xa no primeiro día laboral do ano, a maioría dos medios de comunicación recollían nas portadas algunhas das penurias que nos agardan: 'Audasa sobe as peaxes', 'Sogama incrementa nun 33,5 % o recibo do lixo', 'a costa de xaneiro agudízase con peaxes á alza e salarios conxelados', '3,6 céntimos máis polo litro de combustible', etc. Anticipaban, daquela, unha pequena parte dos atracos que sufrirá a cidadanía neste novo ano.

Doutra banda, en múltiples declaracións, os nosos insignes líderes políticos auguran a todo bombo —e con máis cara ca lombo— unha recuperación máxica e inmediata da nosa economía, unha redución espectacular do paro e a felicidade á volta da esquina… En máis ou menos seis meses!

Articulistas e comentaristas de todo pelo critican ou enxalzan noticias e declaracións, analizan o que eles entenden por realidade: se estás de parte do Goberno do Estado, escolles a lectura de La Razón ou El Mundo; se queres crítica, les El País. É sinxelo, a liña editorial dos medios está perfectamente definida e non cambia un ápice nin un só día do ano.

Por tras de todo isto topamos coa realidade cotiá da cidadanía: paro, penurias, miseria, precariedade, recortes, baixadas de salario, peches de empresas, expedientes de regulación, copagamentos, privatizacións, corrupción...

Por tras de todo isto topamos coa realidade cotiá da cidadanía; non son frías cifras ou opinións máis ou menos obxectivas, senón a teimuda realidade: paro, penurias, miseria, precariedade, recortes, baixadas de salario, peches de empresas, expedientes de regulación, copagamentos, privatizacións, corrupción, desafiuzamentos, recorte de liberdades e dereitos, abusos de autoridade, declaracións aberrantes, insensibilidade, cobiza, inxustizas, etc. Todo isto e máis conforma a realidade diaria da sufrida cidadanía.

Ningunha das xa innumerables reformas aplicadas polo Goberno —e mira que se fixeron cambios!— trouxo unha mellora obxectiva do panorama nin das expectativas

Nos últimos dous anos nin unha soa noticia boa; nada queda por tocar, ningunha das xa innumerables reformas aplicadas polo Goberno —e mira que se fixeron cambios!— trouxo unha mellora obxectiva do panorama nin das expectativas; ningún dos recortes aplicados sobre os servizos, leis ou normas serviron para evitar tocar ou manter outros. Son tantas e tan habituais as malas noticias que é imposible dixerilas ou analizalas con tranquilidade e pausa.

Quen daría prognosticado hai seis anos unha catástrofe semellante? Quen ousaría predicir que seriamos capaces de aturar tanta penuria e miseria, de vivir sen futuro día a día, sen expectativas, sen ambicións? Quen podería adiviñar que a nosa sociedade estaba sostida por unha corrupción xeneralizada das nosas clases dirixentes políticas, institucionais e empresariais? Quen podería adiviñar que as autoridades europeas serían as responsables en primeira persoa de esixir a supresión das nosas conquistas sociais? Quen pensaría que un goberno saído das urnas podería gobernar contra os cidadáns, mentindo cada vez que fala, facendo o contrario do que di, humillando e maltratando a cidadanía?

Como é posible que unha boa parte dos nosos representantes públicos estean implicados en múltiples casos de corrupción, tráfico de influencias, malversación de fondos, financiamento ilegal, enriquecemento ilícito e toda caste de delitos?

Con máis de seis millóns de persoas en todo o Estado que están no desemprego, cos salarios polo chan, sen practicamente dereitos laborais, cun enorme grao de precariedade e pobreza recoñecido, cunha emigración en niveis non rexistrados desde hai máis de trinta anos, cunha destrución inédita dos mecanismos de protección social, coa corrupción como noticia diaria… como son posibles as declaracións e esixencias continuadas dos representantes empresariais deste país, pedindo máis e máis sacrificios á cidadanía e esixindo ao Goberno máis reformas que os enriquezan persoalmente? Como se entende que as altas autoridades da Igrexa lle esixan ao Executivo de Rajoy máis poder e capacidade de influencia ideolóxica na sociedade, no canto de compadecerse da cidadanía, no canto de poñerse do lado dos millóns de persoas que padecen acotío as chamadas reformas? Como é posible que a realeza estea implicada en múltiples corruptelas sub iudice? Como é posible que unha boa parte dos nosos representantes públicos estean implicados en múltiples casos de corrupción, tráfico de influencias, malversación de fondos, financiamento ilegal, enriquecemento ilícito e toda caste de delitos?

 

Unha mentira en descomposición

A nosa sociedade democrática está moi enferma. Xa nunca gozou de moita saúde, pero un espellismo velaba a nosa percepción

A nosa sociedade democrática está moi enferma. Xa nunca gozou de moita saúde, pero un espellismo velaba a nosa percepción. Estes últimos trinta anos agachaban, por tras dunha propaganda interesada e un optimismo falso, unha mentira atroz e cruel: España non é un estado democrático consolidado, España é unha mentira en descomposición, os nosos políticos, en xeral, non representan a ninguén, unicamente a si mesmos e a elites afíns. Os cidadáns e as cidadás estivemos votando os nosos representantes, non baseándonos na confianza que xeran en nós, senón no que pensamos circunstancialmente que pode ser o menos malo; a porcentaxe do chamado voto útil emitido é enorme e, se o unimos á abstención, chegariamos á conclusión, sen demasiada dificultade, de que nunca tivemos un Goberno elixido pola confianza que xeraban o seu discurso e promesas.

O coñecemento previo por parte da cidadanía e o cumprimento do programa electoral con que un partido político se presenta a un plebiscito son fundamentais para garantir un sistema democrático e de confianza

O coñecemento previo por parte da cidadanía e o cumprimento do programa electoral con que un partido político se presenta a un plebiscito son fundamentais para garantir un sistema democrático e de confianza. Así, se me gusta o teu programa e ofreces garantías, tes o meu voto; se non cumpres, debes abandonar. Porén, temos Gobernos saídos das urnas que están a facer todo o contrario ao que prometían... e aínda por riba xustifícano! Nin merecen a confianza de ninguén nin merecen seguir aí. Consentir esta situación é calquera cousa menos democracia.

Contra o que pregoan algúns, todo parece indicar que este ano será tan duro como o pasado ou peor. Para que puidésemos percibir unha lixeira mellora sería necesario un cambio radical nas estratexias e formas de gobernar, algo imposible se Rajoy cumpre co que xa dixo en varias ocasións: "continuaremos coas reformas, tal e como as estamos a facer". Pois iso: máis leña!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.