Cada vez me custa mais escribir.
Cada vez me resulta mais difícil expresar, sexa do xeito que sexa, o que sinto
É como se as verbas se me quedasen retidas dentro, porque a dor, a carraxe, a impotencia, non as deixan sair.
Os asasinatos machistas están a ser case diarios, e non soamente somos as mulleres as que caemos vítimas da sinrazón dunhos malnacidos que nos consideran obxectos da súa propiedade, se non tamén os nosos fillos, porque, non o esquezamos, o fin primordial dun maltratador, do que sexa, é facernos dano, canto mais mellor, e, non hai nada que nos destroce mais, que nos rompa por dentro do xeito mais atroz as nais, que o dano que se lles causa aos nosos fillos, nin xeito mais cruel de matarnos, de que fiquemos mortas en vida que arrebatárllela a eles, o que mais queremos.
Cristian, o neno de Beniel, foi unha das vítimas desa sinrazón, un instrumento nas mans dun animal que tan só buscaba vengarse, danar a quen decidiu non seguir presa con él nunha prisión de medo e humillacións.
Pero no asasinato de Cristian existiron cómplices. Seu pai foi o autor material do crime, certo, pero non actuou en solitario. De feito, se lle brindaron os medios para que ese crime se consumara.
Non había nin un mes que o asasino fora condeado non en unha, se non en dúas ocasións, por coaccións a primeira e por quebrantar a orde de afastamento a segunda, pero deu o mesmo, ninguén impediu que Cristian, por mais que súa nai avisou do perigo que o neno corría, se achegara a seu pai, e todo porque, unha vez mais, ese test case máxico, elaborado, seica, por unhas mentes privilexiadas (outra cousa é que teñan nin a mais remota idea do que é realmente a violencia de xénero), e que no eido policial defenden con uñas e dentes, algo que cada vez teño mais claro que, polo menos en moitos casos, é porque resulta infinitamente mais cómodo para eles e os libera de moitísimo traballo, decidiu, dándolle a tecla oportuna, rebaixar o nivel de risco de medio a baixo, e, xa se sabe, cando o VioGén fala....todos calan e, principalmente, todas.
Non lles queda outra, porque canto digan, será predicar no deserto, malia que a vida lles vaia nisto.
O mesmo da que unha vítima de violencia de xénero, ante os resultados arroxados polo VioGén, advirta que o risco que corre, e mesmo tal vez os seus fillos, é maior que o que valora a maldita computadora.
É inútil que suplique protección, porque ninguén coma ela coñece a agresividade, a maldade do seu maltratador. Ninguén coma ela é quen de interpretar o significado desas miradas que lle conxelan o sangue, de ler entre liñas o significado desas mensaxes malditas que lle envía, pero de nada serve que o repita unha e outra vez.
Os resultados do test, dese VioGén que todo o sabe, dí que non corre perigo, e, porén, ninguén a protexerá, polo que, desde que sae desa comisaría a que acudiu facendo un esforzo sobrehumano que moi poucos, por moita formación que teñan, son quen de entender, a súa vida vai ser unha ruleta rusa, na que a bala mortal dun maltratador ainda mais agresivo do que xa era unha vez que se sabe denunciado, e circula libre pola rúa, a pode alcanzar en calquera momento, e con toda probabilidade rematará por facelo.
Hai xa case tres anos que, desde Si, hai saída advertimos por primeira vez da mais que dubidosa fiabilidade do VioGén.
A violencia de xénero non é unha ciencia exacta, hai moitos matices e moitas circunstancias diferentes en cada caso, casos, non esquezamos, protagonizados por seres humanos, con sentementos, con reacción diferentes.
Tentar medir na súa xusta medida a agresividade dun maltratador e, porén, o perigo real que corre a vítima, valéndose dun programa informático, é, como mínimo, temerario.
Que un home que agrede a unha muller non consuma certas sustancias, ou non teña armas na súa casa, por citar algunhas das cuestións xenéricas que o devandito test plantexa, non significa que non sexa quen de agredila de novo ou mesmo de matala. A realidade non é así.
Non sempre se da esa “escalada de agresividade” que dín valora o VioGén por mor desas preguntas tipo.
Sempre hai unha primeira vez, e que un maltratador non traiga as súas costas un longo historial de agresións, que o seu delito sexa, a simple vista, un feito puntual e non teña o perfil, según o VioGén, dun “candidato” a exercer esa escalada de violencia na que se basea para a súa valoranción, non implica que non sexa quen de facelo de novo e mesmo de matar, ainda que non consuma ningún tipo de sustancia que altere o seu ánimo, nin teña a escopeta cargada ao carón da súa cama.
A maldade non entende de lóxica, nin moito menos de baremos.
Obviamente, o resultado dese test, avalado polas conclusións que a policía lle traslada ao xuiz, van xogar un papel decisivo para a posible adopción, por parte deste, dunhas medidas de protección, ou para que as desestime, dando por sentado que non son precisas.
Moito choveu desde esa primeira vez que alertamos disto, e moi numerosas foron as ocasións nas que, posteriormente, de novo, expresamos a nosa alarma.
Os resultados do VioGén non eran reais na maioría dos casos, e, o peor de todo, cando nos mesmas acompañábamos a unha vítima a denunciar e se daba esta circunstancia, era, e segue sendo, inútil que advertíramos que a muller corría mais perigo do que valoraba o test.
Lonxe de sair desa comisaría cunha muller desfeita, vulnerable, si, pero protexida dabondo para continuar o seu camiño, o dos seus fillos, hacía a liberdade dunha vida sen medo, o facíamos con unha espada de Damocles enriba da súa cabeza.
A crónica negra da violencia machista deixa cumplida testemuña de que estas situacións non son, nin de lonxe, infrecuentes, e Cristian, con tan só 11 anos, e a tráxica evidencia, a, polo momento, derradeira vítima dunha ferramenta que se supón concebida para protexer, pero que, lonxe deso, remata en demasiadas ocasións por ser unha condea, cando non unha sentencia de morte.
O verdadeiramente demencial é que ninguén con potestade semelle ter nin a mais mínima intención de facer nada ao respecto.
Estamos fartas, moi fartas, de escoitar eso de “algo está fallando”, obvio!, sen que se faga nada por remedialo.
Estamos fartas de que a nosa costa, das nosas vidas, das dos nosos fillos, políticos, colectivos de dubidosa traxectoria, se suban ao carro da dor para medrar, para alimentar os seus egos, sen amosar un ápice de empatía, de sensibilidade.
A súa implicación dura o que duran esos hipócritas e a todas luces inútiles minutos de silencio.
Acaso pretenden facernos crer que están convencidos de que a unha alimaña que é quen de matar a sangue fría a súa parella, aos seus fillos a van disuadir as concentracións, os minutos de silencio, as repulsas políticamente correctas?.
Se realmente queren tomar medidas, que comecen a facelo depurando responsabilidades e actuando con toda a contundencia non soamente co asasino material, se non con quen, tendo a obriga de velar pola seguridade, pola vida da vítima, fai caso omiso das chamadas de socorro e se ampara nun programa informático que case sempre, como xa dixen, os libera dunha gran parte do traballo, xa que o contrario, escoitar esas chamadas, implica un seguimento, un acompañamento, que non están dispostos a levar a cabo.
A ver cando comezamos a chamarlles as cousas polo seu nome, e asumimos que, se a violencia de xénero medra de día en día e porque non se está a facer nada por impedilo, porque moitos dos que poderían tomar medidas reais e efectivas están mais preocupados por acadar o mellor sitio para a foto cando ainda o cadaver da vítima está quente, que de traballar para que non volva a suceder.
E non esquezamos tampouco algunhas desas “gafas violetas”, que semella que non deixan ver a cor real da dantesca situación que estamos a vivir.
As consignas, as arengas, por moi violetas que sexan, non salvan vidas.
Ese feminismo, esa sororidade da que tanto falan, de nada servirá se non se traduce en traballo real, en loitar de verdade para rematar con este feminicidio, e eso non se consigue saindo a rúa dúas datas do ano, nin concentrándose cando unha de nos, ou un dos nosos fillos é asasinado.
É vistoso, certo, e moi rendible para algunhas, que, malia dicir ser antisistemas, non teñen ningún problema en facer todo o posible para tentar vivir del, pero efectivo, a vista está, en absoluto.
Moito se fala da loita contra a violencia machista, pero, polo momento, e mentras non se demostre o contrario, mais alá dos minutos de silencio, cando o irreparable xa sucedeu, pouco mais se está a facer, e, por se isto non abondara, tamén nos temos que protexer dunha ferramenta, do VioGén, que, mais que axudarnos, nos condea.
E, xa para rematar, un recordatorio, que tal vez semelle obvio, pero que, curiosamente, semella ser esquecido con demasiada frecuencia: A violencia de xénero non pecha por vacacións.