Este texto naceu como resposta a «¿Viene el fascismo?», columna que Roberto Blanco Valdés publicou en La Voz de Galicia o pasado 13 de setembro. Remitino á sección de Opinión do mesmo xornal, que acusou recepción pero non tivo a ben publicalo
Este texto naceu como resposta a «¿Viene el fascismo?», columna que Roberto Blanco Valdés publicou en La Voz de Galicia o pasado 13 de setembro. Remitino á sección de Opinión do mesmo xornal, que acusou recepción pero non tivo a ben publicalo. O episodio remite a un patrón máis amplo. Robert Entman explicou que encadrar un problema implica seleccionar determinados aspectos da realidade para facelos relevantes, favorecendo unha definición, unhas causas e unha avaliación. Pierre Bourdieu mostrou, desde outra perspectiva, que a capacidade para impor categorías de percepción depende da posición e do capital simbólico acumulado. Cando unha voz avalada por unha suposta autoridade académica e décadas de presenza mediática escolle, xerarquiza e orienta decote os termos dun debate, non se trata soamente dunha opinión máis.
O catedrático toma como referencia os réximes que destruíron as democracias europeas de entreguerras e constata que as actuais dereitas radicais son diferentes. Ata aí, nada que obxectar. O problema vén cando desa diferenza deduce que as advertencias sobre os riscos actuais responden á ignorancia, cegueira ou interese por asustar a poboación. A comparación histórica deixa de servir para comprender o presente e delimita que interpretacións considera lexítimas. Desde Populist Radical Right Parties in Europe (2007), de Cas Mudde, ata Youth Wings of the Populist Radical Right (2026), case dúas décadas de investigación estudan estas formacións como unha familia política de seu. Blanco Valdés quere demostrar que non son fascismo histórico sen abordar a cuestión relevante en 2026: en que medida os proxectos da dereita radical cuestionan o pluralismo, dereitos e contrapoderes das democracias liberais.
Tampouco resulta convincente presentar os fascismos históricos como «efecto» exclusivo das crises excepcionais de entreguerras. Robert Paxton argumentou en The Anatomy of Fascism (2004) que as condicións estruturais importaron, pero tamén as decisións dos actores e as alianzas que lles abriron aos fascistas as portas do réxime. Johann Chapoutot reconstrúe en Les Irresponsables (2025) os cálculos das elites conservadoras que crían poder utilizar a Hitler ata facilitar a súa chegada á chancelería, e en La Bascule. Allemagne, 1933 (2026) examina a consolidación do novo poder nos seis meses seguintes, coa indispensable colaboración do exército, a Igrexa, a administración e a prensa. A crise non escribiu por anticipado o desenlace. As estruturas condicionan. Os actores deciden.
Blanco Valdés mobiliza historiografía sobre Weimar, a Italia de entreguerras e a España de 1936, pero deixa fóra a ampla e rigorosa investigación que leva lustros estudando dereita radical, iliberalismo, autocratización e regresión democrática
A referencia do columnista á España de 1936 presenta un problema semellante. A primavera daquel ano rexistrou polarización, violencia política e deterioración da convivencia, como documentan Fernando del Rey e Manuel Álvarez Tardío en Fuego cruzado. La primavera de 1936 (Galaxia Gutenberg, 2024). Os propios autores rexeitan calquera teleoloxía: nin a guerra nin o triunfo da violencia estaban determinados de antemán. Houbo unha conspiración e unha sublevación militar contra a legalidade democrática, non un desenlace inevitable. Cando a desorde ocupa o centro da explicación e a decisión dos golpistas pasa a segundo plano, reaparece en Blanco Valdés un mecanismo habitual do revisionismo sobre a Segunda República. As condicións do golpe non o converten en inevitable.
As democracias do século XXI tampouco teñen que morrer como as do XX. Nancy Bermeo identificou en «On Democratic Backsliding» (2016) a substitución dos golpes de Estado polo engrandecemento gradual do Executivo e outras formas de erosión desde dentro. David Runciman advertira en How Democracy Ends (2018) do erro de buscar no presente as imaxes de colapso do pasado. Sergei Guriev e Daniel Treisman revelan en Spin Dictators (2022) como o autoritarismo contemporáneo preserva aparencias democráticas mentres concentra poder e manipula o espazo público. Steven Levitsky e Daniel Ziblatt explican en Tyranny of the Minority (2023) como institucións formalmente democráticas serven a quen prefire preservar o poder antes que respectar as regras. Ningunha destas ameazas reproduce as formas de colapso documentadas no século XX.
O que importa non é se AfD é o NSDAP ou Meloni é Mussolini, senón que fan estas forzas co pluralismo, os dereitos e os contrapoderes. Unha democracia pode degradarse sen repetir o camiño que levou á destrución da República de Weimar e as diferenzas históricas non agochan a dimensión iliberal do proxecto político da ultradereita
Non estamos diante dunha discusión eminentemente teórica. O Democracy Report 2026 do V-Dem Institute identifica 44 países en procesos activos de autocratización e sitúa entre os novos casos os Estados Unidos e Italia. Iso non converte os seus gobernos en fascistas nin equipara os procesos. Confirma que a erosión democrática xa afecta a democracias consolidadas e está protagonizada por actores da dereita radical ou iliberal. As diferenzas entre AfD, Vox e Fratelli d’Italia tampouco impiden recoñecer un parentesco. Cas Mudde analiza en The Far Right Today (2019) a normalización e banalización do ideario ultra, mentres Duncan McDonnell e Annika Werner estudan en International Populism: The Radical Right in the European Parliament (2019) a súa articulación transnacional. Non existe programa idéntico nin dirección común, pero si núcleos ideolóxicos, gramática política, alianzas, redes de apoio e fluxos de financiamento que configuran unha internacional iliberal descentralizada.
Blanco Valdés mobiliza historiografía sobre Weimar, a Italia de entreguerras e a España de 1936, pero deixa fóra a ampla e rigorosa investigación que leva lustros estudando dereita radical, iliberalismo, autocratización e regresión democrática. A pregunta do columnista é formulada de xeito que a resposta resulta inapelable. Se esiximos que volva ese patrón histórico para recoñecer un perigo, descartamos as formas contemporáneas de erosión das que dá conta a literatura académica. Chamar fascista a todo empobrece a análise. Reducir o debate ao fascismo histórico tamén. O que importa non é se AfD é o NSDAP ou Meloni é Mussolini, senón que fan estas forzas co pluralismo, os dereitos e os contrapoderes. Unha democracia pode degradarse sen repetir o camiño que levou á destrución da República de Weimar e as diferenzas históricas non agochan a dimensión iliberal do proxecto político da ultradereita.