Está indo a polos servizos públicos esenciais, como a Sanidade, a Educación ou á Atención á Dependencia, uns servizos que están deteriorando á mantenta, reducindo a súa calidade para así empuxarnos aos servizos privados
Parece que está chegando ao seu fin.
A brutal ofensiva do capitalismo neo-liberal, iniciada nos tempos de Reagan e Tatcher a finais xa do século pasado está chegando a uns momentos decisivos. Porque de seguir ganando eles achegariamonos a opción de Stephen Hawkings da “vida miserabelmente pobre para a maioría das persoas”. Temos que revertelo e acadar a alternativa que ofrecía Hawkings “vida de luxo ocioso para todas”.
Porque a ofensiva para incrementar os beneficios do capital a costa de privatizar todo o privatizábel non acabou. A incapacidade do capitalismo para manter e aumentar beneficios cada vez maiores sen ir esquilmando o que era de todos faino insaciábel. Polo camiño leváronnos a enerxía, a banca pública, as comunicacións, autoestradas...
E, especialmente doloroso e grave, está indo a polos servizos públicos esenciais, como a Sanidade, a Educación ou á Atención á Dependencia, uns servizos que están deteriorando á mantenta, reducindo a súa calidade para así empuxarnos aos servizos privados cunha chulería incríbel como podemos ver en personaxes como Ayuso, en Madrid, ou Feijoo, ou Rueda.
O afán insaciábel do capitalismo neo-liberal de privatizar todo para aumentar os seus beneficio non ten límites. As pensións públicas son un bon exemplo
Os efectos desta política son cada vez máis claros. Especialmente o incremento da inseguridade, desa inseguridade real e grave, a da precariedade no traballo, a do aumento da pobreza, a inflación, a de tardar en ter unha cita co médico, a de estar ou ter a alguén querido en situación de dependencia e non dar atopado un bon Servizo de Axuda no Fogar ou unha Residencia, a inseguridade que está provocando aumentos de problemas de saúde mental.
E o afán insaciábel do capitalismo neo-liberal de privatizar todo para aumentar os seus beneficio non ten límites. As pensións públicas son un bon exemplo. Xa o intentaron cos Plans privados e, ante o seu fracaso, agora vano intentar cos Plans de empresa recentemente aprobados. Non queren desaproveitar bocado.
Contra unha mesma política, o capitalismo neo-liberal, hai que erguer un movemento tamén unitario, que denuncie os aspectos negativos desa política. Debemos ser capaces de deter xa a súa contraofensiva contra a nosa conquista histórica do estado do benestar
Contra esta desgracia enfrontámonos desarticulados, divididos en organizacións ensimesmadas nos seus propios problemas. Pensionistas, ecoloxistas, feministas, sindicatos, movementos sociais... cada un polo seu lado, cada un no seu recuncho, como se a sanidade, a educación, os salarios, a pobreza, as residencias, o ecoloxismo... fosen parcelas separadas. Pero cada vez máis persoas, e cada vez máis organizacións, dámonos conta de que o inimigo é común.
Contra unha mesma política, o capitalismo neo-liberal, hai que erguer un movemento tamén unitario, que denuncie os aspectos negativos desa política. Debemos ser capaces de deter xa a súa contraofensiva contra a nosa conquista histórica do estado do benestar, denunciando os seus aspectos máis sangrantemente negativos, mais tamén conseguir darlle a volta e ir en positivo. Porque segue a ser certo aquilo de “outro mundo é posíbel”, porque non queremos renunciar ao noso dereito ao “luxo ocioso”, ese soño ao que como especie temos dereito e que podemos conseguir se somos intelixentes e deixamos de perseguir un crecemento constante que serve unicamente para os capitalistas obteñan uns beneficios tamén en crecemento constante.
A loita unitaria dos movementos sociais en Defensa do público vai tecendo uns obxectivos compartidos. Unhas reivindicacións comúns
Temos que ser capaces de unificar a loita contra aspectos concretos da ofensiva neo-liberal e articular unha unidade de acción que primeiro denuncie os obxectivos desa ofensiva e os seus aspectos máis negativos e que sexa quen de ofrecer alternativas en positivo, de pasar a ofensiva.
O pistoletazo de saída deste Movemento unitario das organizacións sociais ofrecérono os movementos de pensionistas do conxunto do estado. A el acudiron na Galiza organizacións moi diversas que abranguen desde os movementos de pensionistas (Modepen, Plataforma pensionistas Compostela), sindicatos (CGT, CUT), da defensa do mundo rural (SLG) das dependencias (Vellez Digna, Trega, Plataforma SAF), ecoloxistas e de defensa do territorio (Verdeval), sociais (Os Ninguéns, Colectivos pola Renda Básica), da defensa da educación (Foanpas).
Unhas organizacións que van mobilizarse xa o vindeiro 19 de novembro. E que non pensan deixalo aí, queren, necesitan, unir máis movementos e continuar na ofensiva.
Porque a loita unitaria dos movementos sociais en Defensa do público vai tecendo uns obxectivos compartidos. Unhas reivindicacións comúns como son:
- Atención Sanitaria, contra o deterioro da sanidade pública e polo seu reforzamento.
- Atención á Dependencia, esixindo o incremento do gasto, a re-municipalización de servizos, dar maior importancia ao SAF, construción de novas residencias publicas
- Salarios e Pensións, que non deben pagar a inflación e menos diante dos beneficios escandalosos da banca, das eléctricas..., eliminación da Fenda de xénero, eliminación dos Plans de pensións privadas de empresa, Suba da pensións mínimas e salario mínimo até o 60% do salario medio (recomendación da Carta Social Europea) realización xa da Auditoría de Contas da Seguridade Social
- Ensino, Aposta firme polo ensino público, incluídas as Universidades públicas, por un ensino de calidade e inclusivo (contra as estratexias de segregación do alumnado por sexo, capacidades, ideoloxías, diagnósticos e trastornos varios, etc)
- Vivenda, Desenvolvemento dun parque público de vivenda mediante a creación dun Consorcio Autonómico e Municipal de vivendas sociais en réxime de alugueiro, cesión pola SAREB de parte do seu patrimonio,
- Soberanía alimentaria
- Erradicación da pobreza.
É dicir: A defensa do Público, dunha Vida Digna, dos Servizos Públicos e do Estado do Benestar