Modas de vangarda ou “romantización” da pobreza?

Os medios de comunicación de masas, ao servizo dos poderes fácticos do sistema, tentan presentar esas carencias como un novo esquema de vida CC-BY-SA Dani Vázquez

Nos últimos tempos, con motivo das crises financeiras e agora coa escusa do estoupido do conflito da Ucraína, chegou a “precarización” da vida da clase traballadora. Chegou para quedar. Máis agora esa diminución de recursos, dos estándares da calidade de vida ou a incapacidade para acceder aos recursos básicos, aparecen nos medios de comunicación como modas de vangarda. De novo os medios de comunicación de masas, ao servizo dos poderes fácticos do sistema, tentan presentar esas carencias como un novo esquema de vida. Xa sexa para ser máis sostible ou para estar a moda.

En realidade só se trata dunha serie de eufemismos ou palabras novas (xeralmente en inglés) que agochan realidades tan vellas como o mundo (pobreza enerxética, explotación laboral, carencia de recursos ou non ter acceso a unha vivenda digna...). Todas esas realidades quedan agochadas baixo un velo que non fan máis que “romantizar” a pobreza ou a escaseza.

Un deses exemplo son as nomeadas “tiny houses” termo que fai referencia a espazos de entre un mínimo de 30 a 40 metros cadrados. Esta moda era presentada na Revista HOLA co subtítulo de “ Por que somos máis felices nunha casa pequena?”. Curioso que esa ledicia non sexa contaxiada aos protagonistas desta revista, que case sempre amosan mansións ou propiedades que nada ten que ver con esa ledicia que promete a revista ao presentar este tipo de “vivendas”. Que acontece? Este modelo de vivenda naceu en 1996 en EEUU pola imposibilidade de gran parte de poboación de acceder a unha vivenda digna por causa das hipotecas. Hoxe en día na meirande parte das grandes cidades que xa acontece cos prezos dos alugueres. A opción é vivir nun zulo e non te queixes, porque “es máis feliz” e estás “a moda”.

Transformamos a precariedade, a temporalidade ou a flexibilización das condicións laborais nun elemento que aumenta a nosa empregabilidade. CC-BY-SA Arrels

El País tamén aporta o seu grao de area na información para estar a moda. Así, na sección Negocios, fala de que “OS PERFÍS LABORAIS MÁIS DEMANDADOS ESTÁN APUNTADOS AO “JOB HOPPING”: MUDAR DE TRABALLO CADA UN O DOUS ANOS”. Así transformamos a precariedade, a temporalidade ou a flexibilización das condicións laborais nun elemento que aumenta a nosa empregabilidade. Así non se cuestiona o mercado de traballo, nin se clama para a mudar a lexislación laboral, tampouco pensar en ter unha vida con certa estabilidade. Todas esas cuestións están “out”.

Sen saír deste xornal tamén falamos doutras seccións, como BUENAVIDA; que afirma que “NON SAÍR DA CASA EN TODO O FIN DE SEMANA REBAIXA A ANSIEDADE E ILUMINA A MENTE”. Engade que “ATRINCHERARSE NAS CATRO PAREDES XA NON É DE MUERMOS, É A ÚLTIMA TENDENCIA DE MODA: “O NESTING”. Pero ademais acompaña este artigo cunha sección con 9 trucos para aforrar enerxía. Quedar na casa si, pero a escuras e sen conectar a calefacción, non vai ser que a factura faga subir a ansiedade. 

Na sección El Pais “Tentaciones” tamén presentan outra nova moda que é o “FRIGANISMO: A ÚLTIMA DIETA HIPSTER É RECOLLER COMIDA DO LIXO”. Engade no corpo do artigo que “agora non se trata dunha carencia de recursos de medios económicos para levar pan a boca, é unha nova tendencia sostible e os seus adeptos reciben o nome de “freegans”. Isto non é mais que converter a pobreza en moda ou postureo. Recoller comida do lixo é unha tendencia sostible, e ademais aforras cartos. O que non sabemos é canto aforrarás en gasto médico por intoxicacións varias. Iso sí, agora cando vexamos recoller a alguén comida do lixo pode ser un hipster e non una persoa que non ten acceso nin a un recurso básico como a alimentación.

No xornal CINCO DIAS, tamén falaban do CODUCHING, algo que vai moi na liña da ministra Montero dicindo que empregaremos edredón máis gordos, ou dun ministro alemán, dicindo que a xente empregue dous xerseis. Ben, o coduching é a nova medida de entrar na ducha todos xuntos para aforrar enerxía. Ante os prezos da electricidade e do gas, a carestía polas sancións a Rusia, non hai que demandar aos gobernos que apliquen outras medidas, ou as empresas que cesen nos seus abusos. Iso é de rancios. Ademais se vives só tamén tes a opción de usar panos húmidos.

Antena 3 Noticias, tamén presentounos outro tipo de pagamento polo noso traballo, como é “O SALARIO EMOCIONAL CADA VEZ MÁIS VALORADO POLOS ESPAÑOIS POR ENRIBA DO SOLDO”. Levar unha palmadiña no lombo polo traballo ben feito é todo o que quere o traballador. Así os camareiros explotados (pagados por media xornada) traballando a xornada completa ou os bolseiros que traballan gratis poden cobrar en salario emocional. 

Os medios INFOACTUALIDAD e El Pais “COMER INSECTOS? A PRÁCTICA QUE ESTÁ DE MODA”, falamos da entomofaxia. Así cando vexas unha araña ou unha mosca pola casa, non abras a xanela, pode ser parte do teu menú. Segundo estes medios esta práctica fai menús máis sostibles, así como que servirá para aforrar nas familias. Ben visto agora que a meirande parte dos fogares non poden facer fronte aos prezos de produtos básicos para a alimentación.

Un deses exemplo son as nomeadas “tiny houses” termo que fai referencia a espazos de entre un mínimo de 30 a 40 metros cadrados Dominio Público

Por último temos a revista VOGUE, que presenta o “COLIVING, A ÚLTIMA TENDENCIA QUE PERMITE TRABALLAR E VIVIR EN COMUNIDADE”. Neste caso esta publicación presenta unha nova volta de parafuxo ao teletraballo. Trátase de compartir espazos de traballo e vivenda para xerar sinerxias e favorecer o networking. Así, non separas a túa vida laboral da familiar, sen horarios, e vivindo para traballar. Levar un paso máis aló a explotación laboral que ven implícita en certos casos o teletraballo. Segundo esta revista é unha nova forma de vida que promete mudar os teus esquemas.

O rechamante de todas esas modas, que son uns poucos exemplos, é que ningunha delas implica unha mellora da calidade de vida ou de condicións vitais para as persoas; é dicir, ter unha vida digna, todo o contrario. O emprego desta linguaxe e deste xeito de agochar a realidade só reflicte o fracaso dun sistema e do papel servil dos medios de comunicación cos amos do “cortello”.

Son inimigo dos eufemismos porque entramos na hipocrisía (Jose Larralde)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.