Comecemos cun dato positivo: a economía galega está no cuarto ano da fase alcista do ciclo económico. Poren, esta volta a taxas positivas de crecemento do PIB está sendo utilizada de forma demagóxica para intentar xustificar a política económica, orzamentaria e laboral aplicada dende 2010.
Segundo este falso relato, a austeridade compulsiva, os recortes no gasto público, as reformas laborais e a devaluación salarial que provocaron un menor gasto público e o afundimento do consumo dos fogares, tivo o sorprendente efecto de impulsar o crecemento económico.
A realidade é ben diferente: esta política económica do único do que é responsábel e de prolongar a recesión durante 6 anos. A austeridade e as reformas laborais non foron o que nos sacaron da recesión senón as culpables do ciclo recesivo máis longo de toda a nosa historia moderna.
Despois dunha década perdida, a economía volve crecer pero este crecemento non é inclusivo, xa que non se reparte de forma xusta, nin está sendo utilizado para corrixir os desequilibrios da estrutura produtiva do noso pais nin as debilidades no modelo produtivo. Da primeira cuestión se falou máis pero apenas da segunda: de cal é o modelo da saída da recesión, sobre que sectores medra a actividade económica, si ese modelo ten solidez e consistencia, si se pode soster no medio prazo.
Isto é, falar non só de canto se crece, e como se distribúe, senón de como se crece. Non é un debate nin técnico nin irrelevante. É certo que no medio da gran recesión a prioridade era volver a taxas positivas de crecemento e daba igual a forma ou os sectores sobre os que se lograra medrar.
Pero agora é imprescindible abordar esta cuestión. Por dúas razóns: para evitar caer nos mesmo errores que agravaron no Estado español a crise capitalista global, especialmente en termos de emprego e benestar social, pero tamén para combater o modelo social precario no que estamos vivindo.
A primeira cuestión ten que ver con aprender dos erros. A economía española ––e nós con ela–– disfrutou do ciclo expansivo máis intenso e máis extenso antes de caer na gran recesión. Dende 1994 a 2007 España encabezou todos os rankings de crecemento económico e mesmo os apoloxistas do modelo chegaron a falar do “milagre económico español”.
Agora sabemos ben que eses 14 anos de crecemento por riba do 4% de media non eran un milagre senón un desastre: un castelo cos pés de area, un modelo de crecemento baseado en inchar ata o extremo unha burbulla inmobiliaria, que provocou unha hipertrofia da construción, insostible no medio prazo, que cando estoupou se levou por diante unha boa parte da estrutura produtiva e do emprego, é non só na construción. Por iso é imprescindible analizar sobre que actividades e sectores está crecendo hoxe a economía galega, para saber si ten bases sólidas ou, outra vez, volvemos a un crecemento de patas curtas, a un modelo especulativo e, polo tanto, inestable.
A resposta a esta pregunta non é tranquilizadora: as actividades que protagonizan a fase actual de crecemento do PIB son os servizos, pero sobre todo as actividades de baixo valor engadido, especialmente o subgrupo de comercio, transporte e hostalaría.
Nese sentido, a fase alcista do ciclo está dando continuidade a unha transformación sectorial que viña de atrás pero que a gran recesión acelerou de forma preocupante: a desindustrialización do país e a terciarización da estrutura produtiva da Galicia. Na gran recesión foron a construción para tamén a industria os sectores que máis peso económico e emprego perderon. E agora na fase alcista apenas son capaces de recuperar parte do perdido quedándose detrás das actividades do sector terciario.
A industria manufactureira achegaba en 2008 o 15,3% do PIB e agora tan só o 12,7%. Pola contra os servizos que aportaban o 58% do PIB agora xa están no 62%. É certo que dende fai dous anos o sector industrial deixou de caer, estabilizouse e mesmo ten unha tendencia lixeiramente alcista.
Pero é claramente insuficiente para compensar os estragos da crise: dos 70.000 empregos industrias que perdemos na recesión apenas recuperamos 20.000: menos de 1 de cada 3. Pola contra, a maioría dos empregos xerados a partires de 2013 están na hostalaría, no comercio e agora tamén na construción e as actividades vinculadas ao sector público, como son a educación, a sanidade ou os servizos sociais.
É sostible un modelo así? O turismo, a hostalería e o comercio van ser as actividades centrais da economía galega? É sobre esta especialización produtiva sobre a que imos construír o futuro? Semella que a resposta ten que ser non.
Pero non é só un problema de futuro, porque o modelo de desenvolvemento económico determina as condicións laborais e salariais das persoas. Existe unha relación directa e de dobre dirección entre o modelo económico, o modelo laboral e o modelo social. E iso é o que estamos sufrindo hoxe en Galicia: a economía medra sobre actividades de baixo valor que fan que aumente cada vez mais o emprego precario e mal pagado.
Ante isto observamos a evolución dos salarios reais. Dende o ano 2010 ata o ano 2015, o salario medio para os traballadores indefinidos caeu nun 8,9%, mentres que para os traballadores temporais descendeu nun 9,9%. Isto ademais, reflíctese, na evolución do peso dos salarios sobre o PIB galego; no ano 2014 a porcentaxe dos salarios sobre PIB era en Galicia do 44,1%, cifra que se sitúa nos niveis de comezo da década dos 90.
Non é só un problema da regularización legal do mercado de traballo, que tamén. Non é culpa só das reformas laborais, tamén ten moita relevancia a estrutura produtiva que se está dando nos últimos anos. Se deixamos que esta especialización en actividades de baixo valor se consoliden cada será máis difícil saír do modelo do traballo precario.
Por iso é imprescindible, e mesmo urxente, abrir unha reflexión sobre a estrutura produtiva e a especialización da economía galega para valorar non só canto se crece senón como se crece, isto é, como se reparte a riqueza pero tamén sobre a solidez do modelo de crecemento económico.