Moitas eleccións e poucas autocríticas

CC-BY-SA EC

Despois da celebración dunhas eleccións, os partidos políticos -actores principais desas citas e cuxa lexitimación deriva da súa función de vehiculizar as distintas ideas existentes no seo do corpo social- deberían proceder a unha análise pública dos acertos e dos erros cometidos na súa andaina previa. A realidade, poren, demostra que non se cumpre esta premisa. Na grande maioría dos casos, formúlanse explicacións que atribúen os resultados das urnas, prioritariamente, a factores exteriores (clima mediático dominante, manobras agresivas dos partidos competidores e/ou de grupos de presión económicos...) e que colocan as deficiencias ou erros propios nun plano secundario ou subordinado.

O sucedido despois dos comicios do pasado 10 de Novembro confirma esa tendencia. A forza política que pagou un maior custe pola súa estratexia política anterior -Cidadáns- aínda ten pendente unha reflexión autocrítica que vaia mais alá da retirada do seu líder Albert Rivera. O argumentario utilizado por Inés Arrimadas no proceso de investidura de Pedro Sánchez non permite pensar no cuestionamento da liña anterior: no canto de considerar inapropiada a disputa pola hexemonía da dereita con PP e Vox, a voceira actual de C’s seguiu practicando a máxima belixerancia co PSOE -e as súas alianzas con UP e ERC-, fuxindo de calquera perspectiva de moderación centrista.

O Partido Socialista e Unidas Podemos recibiron un castigo significativo, de diferente dimensión, pola repetición electoral. Tampouco, nestes casos, existiron análises que permitiran establecer os erros cometidos por cada quen. A urxencia coa que se chegou a un principio de acordo sobre a conformación dun goberno de coalición entre ambas formacións desprazou o foco do inmediato pasado e abriu unha lóxica dinámica de confrontación coa dereita política e mediática que serviu para blindar a cooperación política que comezaba a camiñar.

Aínda que mellorou a súa posición a respecto do mes de Abril, o PP non foi quen de acadar as expectativas que manexaba nas semanas anteriores ao 10-N. Pablo Casado renunciou a calquera revisión da estratexia de achegamento a unha parte relevante dos prantexamentos de Vox e, xa que logo, non lle deu carta de natureza ás posición mais moderadas defendidas por algúns dos baróns territoriais do seu partido.

No ano 2019 tivemos ocasión de vivir 5 citas electorais (2 xerais, europeas, autonómicas e locais) con resultados variados e, nalgúns casos, sorprendentes. Existiron, xa que logo, moitas oportunidades para tirar conclusións das experiencias protagonizadas polas organizacións políticas, socializando -entre a afiliación e os votantes- os éxitos e os fracasos. Unha pescuda polo miúdo do efectivamente sucedido revelaría que só nalgúns casos -minoritarios a respecto do total rexistrado- existiu unha vontade contrastada de aproveitar a aprendizaxe para corrixir as traxectorias futuras.

É sabido que na política realmente vixente domina a obsesión polo inmediato e a desconsideración polo medio prazo. Que as forzas da dereita utilicen esta lóxica encaixa perfectamente coa filosofía que practican habitualmente. No caso dos grupos que defenden cambios na orde social, semellante actitude non se compadece coas súas pretensións transformadoras. É, mais ben, unha mostra dun conservadorismo preocupante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.