A nova normalidade arquitectada por gobernos e capital, a que incrementa o controle social e precariza aínda mais as condicións de vida, traballo e participación, segue o seu curso.
Normalízase a violencia estrutural contra as persoas mais vulnerabilizadas. Os cortes de luz, os desafiuzamentos e os dispositivos “antiokupación”, o labirinto telemático para solicitar unha prestación social deixando a moita xente de fóra, os ERTE que pagamos toda a poboación para garantir os negocios das empresas.
Está claro que a pandemia supuxo unha volta mais na espiral do empobrecemento para aquelas persoas que xa se atopaban no fío da navalla da exclusión. Un 42% da poboación en Galiza segundo un informe publicado no 2019 por Cáritas e a Fundación Foesa.
Seguimos demandando unha regularización permanente e incondicional a todas as persoas migrantes e refuxiadas residentes no Estado español, o cese das políticas represivas nas fronteiras e a desarticulación do racismo estrutural que segue a violentar as vidas das persoas racializadas, é que en novembro do ano pasado puxemos en marcha a campaña Normalizar os dereitos
Entre os colectivos mais afectados estamos as persoas migrantes e mais aínda as que se atopan en situación administrativa irregular xa que perderon as súas fontes de ingreso coas medidas de confinamento. Sen cartos, sen papeis e sen dereito a prestacións como a RISGA, as Axudas de Emerxencia Social e o Ingreso Mínimo Vital. Tamén sen casa polo racismo inmobiliario que cada dia dificúltannos o aceso a vivenda pola suba do prezo dos alugueiros (un ascenso do 4% no ano pasado a pesar da crise da Covid 19) e a solicitude de requisitos cada vez mais esixentes. Noutros territorios mesmo alimenta actos de terrorismo, incendiando campamentos e naves industriais habitadas por centos de persoas pola falta de alternativa habitacional.
Un racismo e unha xenofobia que están ben entrañados no sistema educativo o que vese claramente na exclusión das crianzas cuxas familias están en situación irregular de acceder as escolas infantís e no trato discriminatorio dispensado ao estudantado racializado. Nas dificultades de convalidación de estudos realizados en países considerados do “terceiro mundo”, na falta de Plans de Acollida dirixido ao alumnado de orixe estranxeira e de protocolos para identificar e erradicar os casos de racismo e xenofobia que se poidan dar nos centros de ensino. Tamén no maltrato exercido contra as familias por medio da infantilización, xuízos de valor sobre as súas estratexias de coidado e chantaxe de denuncia antes a inspección educativa e a servizos sociais.
E se enfermamos, estando en situación irregular, ao malestar físico e psíquico engadirase outra preocupación mais pois a día de hoxe seguen chegando a casa facturas pola atención en urxencias cando por lei establecese a gratuidade dese servizo.
Con un marco de dereitos tan minguado como podemos falar de inclusión, de participación, de cidadanía, de dereitos humanos?
Por todo isto é porque seguimos demandando unha regularización permanente e incondicional a todas as persoas migrantes e refuxiadas residentes no Estado español, o cese das políticas represivas nas fronteiras e a desarticulación do racismo estrutural que segue a violentar as vidas das persoas racializadas, é que en novembro do ano pasado puxemos en marcha a campaña Normalizar os dereitos.
Desde entón e ata o mes de decembro estivemos a denunciar e a esixir cambios políticos en ámbitos como o dereito á seguridade e a loita contra as fronteiras, á igualdade e a diversidade de identidade de xénero e orientación sexual e a acceder a uns servizos administrativos e económicos que hoxe en día nos seguen a ser negados pese a ser elementais como abrir unha conta bancaria, por exemplo.
Ata o mes de decembro estivemos a denunciar e a esixir cambos políticos en ámbitos como o dereito á seguridade e a loita contra as fronteiras, á igualdade e a diversidade de identidade de xénero e orientación sexual e a acceder a uns servizos administrativos e económicos que hoxe en día nos seguen a ser negados pese a ser elementais como abrir unha conta bancaria, por exemplo
Normalizar é unha palabra que non nos gusta. Sentimos que alude ao que é hexemónico, ao que está no centro. Todo o contrario do que queremos reivindicar como colectivos e espazos que loitamos contra o racismo, o colonialismo, as políticas migratorias e de fronteiras.
Mais fronte a normalización do racismo e das violencias cotiás contra as persoas migradas, refuxiadas e racializadas queremos deixar claro que o único que compre normalizar nunha sociedade verdadeiramente democrática e na que prime a xustiza social son os dereitos.
Por iso, nos vindeiros meses as diferentes organización sociais e colectivos antirracistas, polos dereitos das persoas migrantes e contra as fronteiras agrupadas no Foro Galego da Inmigración daremos continuidade a campaña dando a coñecer vulneracións de dereitos e esixencias nos ámbitos de protección social, vivenda, educación, cultura e ocio e de participación política.
Ademais dunha intensa campaña en redes sociais estaremos desenvolvendo actividades complementarias como faladoiros on line, accións de rúa e concentracións. Animamos a seguir a campaña e a sumarse a ela partillando os contidos e participando nas actividades. Apelamos a rachar coa normalización da exclusión. Que as violencias contra as vidas racializadas e migradas non nos sexa indiferente.
Finalmente, amosamos o noso recoñecemento a todas as nosas compañeiras, compañeiros e compañeires, persoas racializadas e/ou migradas que visibilizan e denuncian a través de diferentes canles as discriminacións e vulneracións que viven cada día, pasando por cima das trabas burocráticas e posíbeis represalias. Estes xestos de coraxe e defensa dos dereitos fundamentais son a materia para transformar os cimentos desta sociedade tan profundamente atravesada pola desigualdade, o racismo e o colonialismo.