Se o ridículo matase, unha certa xustiza “patria” atoparíase a estas alturas en estado terminal, ferida de morte. Non deixan de sucederse os reveses internacionais ao encontro de tan españolas señorías, sempre á espreita de quen ouse transgredir as constantes da súa bandeira e idiosincrasia retrógrada e totalitaria, tan acaída con tempos supostamente revoltos. Malia que a obcecada Europa teima en levarlle a contraria, nosas intocábeis señorías non acusan recibo da mensaxe, altivas e desprezativas, ciscándose no Tribunal de Xustiza da Unión Europea e outras cortes nacionais de igual xeito que dentro da súa propia casa se zurrichan na separación de poderes, a democracia e a cidadanía. Porén, debería servir de referente a deriva da xustiza en Bélxica que, diante dun caso que achou incongruente e nomeadamente extemporáneo, parou máquinas, desviou o asunto cara á xurisdición axeitada para, en derradeiro termo, ditaminar a súa obsolescencia e oposición aos dereitos humanos.
"Dentro da súa liña grotesca a xustiza española promoveu, sen querelo, un cambio lexislativo no país de flamencos e valóns. Iso si, deixando vítimas de por medio"
Dentro da súa liña grotesca a xustiza española promoveu, sen querelo, un cambio lexislativo no país de flamencos e valóns. Iso si, deixando vítimas de por medio, facendo anacos a vida de Josep Miquel Arenas, alias Valtònyc, rapeiro mallorquino refuxiado desde maio de 2018 en Bélxica tras ser condenado pola Audiencia Nacional a tres anos e medio de cárcere por enaltecemento do terrorismo, inxurias á coroa e ameazas. España pide a extradición de Valtònyc, pero os seus avogados recorren ao Tribunal de Apelación de Gante. A corte flamenca pide aclaracións ao Tribunal Constitucional belga para, o pasado 28 de outubro, ditaminar o anacronismo do delito de “inxurias á coroa”, que estima contrario á Constitución e, aínda máis importante, á Convención Europea dos Dereitos Humanos. Porque, argumenta a corte constitucional, os tratados en materia de liberdades e dereitos atópanse por riba das propias cartas magnas dos estados membros da UE.
"Por se restaban dúbidas, e todo grazas a España, en Bélxica desde agora xa o teñen claro: insultar o rei non é delito, nin en Flandes, nin en Valonia, nin en Bruxelas!"
Até hai uns días as “inxurias á coroa” era un delito tipificado polo código penal belga, susceptible de penas de entre tres meses e catro anos de cadea, en virtude da Lei de Lesa Maxestade de 1847, promulgada poucos anos despois da independencia de Bélxica. Agora ben, en case 175 anos de vida da normativa tal malfeito nunca chegou a ser xulgado por tribunal algún do país porque, a pesares multiplicarse exemplos de excesos verbais contra os sucesores de Leopoldo I, impuxéronse en todo momento o sentido común e a liberdade. Precisamente por isto o Tribunal de Apelación de Gante non tiña claro se tal infracción seguía a existir no código penal e, no caso de existir, se era necesaria a súa aplicación. É dicir, nunca antes en Bélxica se abordou unha tal casuística e, para colmo, a primeira vez que chega aos tribunais nin tan sequera concirne a un indíxena! Tal honra é imputable á alta curia xudicial española que, nas costas do bo de Valtònyc, foi a que removeu a anódina costume belga de deostar o monarca da quenda.
Por se restaban dúbidas, e todo grazas a España, en Bélxica desde agora xa o teñen claro: insultar o rei non é delito, nin en Flandes, nin en Valonia, nin en Bruxelas! O involuntario protagonista desta historia non é outro que Josep (Valtònyc), un rapaz que empezou a traballar desde moi novo na súa Mallorca natal, de extracción humilde, concienciado polos problemas da súa contorna, afeccionado á música e rapeiro no seu tempo libre, a quen o exceso de celo e represión dos gardiáns do templo hispano converteron en “terrorista”, en “ameaza”, en criminal. A chegada a Bélxica non foi doada! Deixar atrás a familia, sen recursos, agochado, vixiado polas autoridades, dependente dos demais, da boa xente, que sempre hai, aínda que sempre vixiante. Unha historia persoal non exenta de épica, de indefectíbel militancia, de sacrificio e de drama, imposibilitado para asistir ao funeral da súa propia nai. Un home sinxelo devido indeliberado heroe, agora vencellado ao Consell per la República de Puigdemont e aplicado estudante no seu escaso tempo libre, quen nunca esquece as súas sinxelas orixes, xeneroso e solidario.
Per això, moltes gràcies, Josep!