Mossèn Vázquez

Paco Vázquez, o wertlanguiano e infeliz ex-embaixador español na Santa Sede vén de facer unha homilía en Foro Aberto (TVG) con ese aquel tan individualizado que lle forneceron dous decenios como alcalde da Coruña, após fracaso do PSOE na súa cidade, en GZ e no Estado todo. En pleno delirio intelectual, no seu intento por debullar o que a inmersión lingüística catalá encerra,  revelou que os miúdos cataláns sofren grave punición por falaren castelán no patio. Home viaxado, abofé que coñece algún miúdo catalán -debeuno buscar con lupa - castigado por falar a lingua de Intereconomía. Xa ten gañado praza, alí ou en El Mundo.

O condutor de Foro Aberto, Carlos Luís Rodríguez, porén, agardando a enxurrada dialéctica de quen se gaba dunha carreira política alicerzada no escándalo, non amosou fruición ningunha en levarlle a contraria ao auténtico socialdemócrata

Nunha volta de porca, Francisco Vázquez achegaba así unha solidaria e erudita explicación da reforma Wert: “non hai diferenza entre un xudeu coa estrela amarela perseguido polos nazis e un miúdo catalán castigado por falar castelán no patio da escola”. O condutor de Foro Aberto, Carlos Luís Rodríguez, porén, agardando a enxurrada dialéctica de quen se gaba dunha carreira política alicerzada no escándalo, non amosou fruición ningunha en levarlle a contraria ao auténtico socialdemócrata. Nun acto de constrición, debeuse lembrar de cando entrevistou a Carlos Callón, daquela si que fixo valer o pracer da insidia armándolle unha cilada.

Perante a escalada filosófica da homilía e vendo que ían tomando corpo en min as ideas máis opresivas de Rosseau, corro arrepiado ao encontro do meu fillo, que mora en Girona e frecuenta cada día os “campos de concentración” dunha escola pública, para abrazalo ignorante eu dos perigos de tan maquiavélica cilada. O fillo tranquilízame cunha breve palmadiña nas costas que me libera automaticamente do peso de o denunciar por comparación indebida ou de opinar sobre se é ou non esaxerado o símil,  malia non sermos xudeus nin especialistas en recepción derridiana nas teorías literarias. Como querendo ceibarme tamén a min da crispación e da tentación de banalización,  recórdame: “Papai, xa sabes...somos galegos”. 

Alentado pola indulxencia filial tento escoitar mellor procurando así achar tino hermenéutico ás palabras de Vázquez: “en Cataluña vulnéranse os dereitos das persoas coa inmersión lingüística” entanto, subliña, en Galicia nunca houbo ningún conflito coa lingua

Alentado pola indulxencia filial tento escoitar mellor procurando así achar tino hermenéutico ás palabras de Vázquez: “en Cataluña vulnéranse os dereitos das persoas coa inmersión lingüística” entanto, subliña, en Galicia nunca houbo ningún conflito coa lingua. E o neno acrescenta: “é un inútil”(sic). Xaora, inútil é limitarmos a discusión a opinar sobre os excesos da comparación, consume moito esforzo  e enerxía. “Xa sabes que o único lugar onde non podo xogar en galego é cando os feriados os paso na  vila dos avós. No patio da escola falamos de todo”.

O asunto permitiría moi diferentes glosas, desas que a cotío se poden escoitar nas prazas vilegas:

Que salvaxes! Xa cho dicía eu, cando vas a Barcelona sonche ben maleducados, sempre falando catalán !
Niño, no hables gallego si quieres jugar con nosotros- espetoulle unha miúda o  verán pasado na vila mariñeira do seu pai ao chamado de catalán, catalán !

O creador de realidade Francisco Vázquez dille aos galegos que en Galicia se fala galego e se resposta en castelán... esquecendo mossèn Vázquez que ao revés non, pois non hai conflito ningún onde sempre son os mesmos os que renuncian aos seus dereitos

O creador de realidade Francisco Vázquez dille aos galegos que en Galicia se fala galego e se resposta en castelán... esquecendo mossèn Vázquez que ao revés non, pois non hai conflito ningún onde sempre son os mesmos os que renuncian aos seus dereitos.

Se houbera que punir a todos os miúdos que en Galiza falan castelán, romanés ou árabe non habería currunchos  para debruzar a tanto infractor. Teríano máis doado para aliñar contra a parede ao exército de miúdos galego falantes.

Trátase de ir deixando cargas de profundidade e así ir delimitando o espazo do que hai que falar. Sábeo ben quen acumulou centos de recursos administrativos contra a castelanización do nome da cidade da que foi alcalde

Falar do opudeismo de mossèn Vázquez non é doado. Non hai bibliografía especializada e as súas mensaxes ao límite do doentio funcionáronlle sempre coa eficacia do spot publicitario de trinta segundos. Trátase de ir deixando cargas de profundidade e así ir delimitando o espazo do que hai que falar. Sábeo ben quen acumulou centos de recursos administrativos contra a castelanización do nome da cidade da que foi alcalde.  Logo de escoitar a mossèn Vàzquez, véñenme ao maxín as tristes palabras do pallaso Tortell Poltrona: El món és ple de pallassos moribunds.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.