Mouros fóra!, de Goran Vojnović, unha provocación necesaria

Capa de Mouros fóra!, de Goran Vojnović, publicado por Rinoceronte © Rinoceronte

O libro foi publicado orixinalmente no ano 2008 e traducido agora ao galego por Jairo Dorado Cadilla, tradutor especializado en linguas balcánicas e publicado en Rinoceronte editora, en permanente aposta por traer o galego en coidadas edicións a literatura contemporánea independentemente da súa orixe. 

‘Čefuri’, é un termo despectivo empregado na fala coloquial eslovena, onde significa ‘orixinario das repúblicas meridionais da antiga Iugoslavia e non se refire en particular a unha relixión

Primeiro de nada, antes de entrar en materia, será mellor clarificar o que significa “mouros” no contexto de Eslovenia e moi en particular despois das guerras balcánicas. Así o fai o tradutor, para non deixar lugar a dúbida. “Mouros fóra” é a tradución de “Čefuri raus”! ‘Čefuri’ é unha palabra que designa un concepto difícil de extrapolar fóra do contexto dos Balcáns e, máis en particular, fóra do contexto xeográfico da antiga Iugoslavia e do contexto político que seguiu ás guerras dos Balcáns da última década do século XX. ‘Čefuri’, é un termo despectivo empregado na fala coloquial eslovena, onde significa ‘orixinario das repúblicas meridionais da antiga Iugoslavia e non se refire en particular a unha relixión. Para un esloveno, os orixinarios de Bosnia-Hercegovina (sexan eles serbios, croatas ou musulmáns), os kosovares ou aínda os cidadáns de Skopje, son čefuri, sen que isto indique cales son as súas crenzas relixiosas. Un pouco, como aquela restra usada por Quevedo de ‘xitanos, murcianos e xente de mal vivir’. A falta dun cualificativo específico na nosa lingua, o tradutor optou por ‘mouros’, que resulta ambiguo, mais efectivo.

Goran Vojnović ©

Como adianta o título, o texto móvese en permanencia no límite da linguaxe despectiva urbana, mais nos seus parámetros máis vulgares, altisonantes, de certo non académicos, e claramente contemporáneos. 

Mais como adianta o título, o texto móvese en permanencia no límite da linguaxe despectiva urbana, mais nos seus parámetros máis vulgares, altisonantes, de certo non académicos, e claramente contemporáneos. Velaí a primeira característica, a linguaxe dunha mocidade que vive en Eslovenia, mais que mora no barrio obreiro de Fužine, un dos barrios máis marxinais da cidade de Ljubljana, esa cidade a metade austríaca situada no norte da ex Iugoslavia. Esa situación non é fútil, pois o propio autor naceu nese barrio, ten dificultades para se sentir esloveno e vai todos os verán de vacacións a Bosnia, onde ten aínda moita familia. Esa proximidade á linguaxe dos barrios obreiros é importante, pois afástase da utilizada acotío no contexto literario e resulta, por tanto, para os lectores unha inxección de realidade, unha interpelación constante, un reto importante que non pode senón reflectir a separación en guetos (lingüísticos tamén), que se vive nunha cidade como Ljubljana, mais que ben se podería extrapolar (con prudencia) a calquera das cidades de occidente onde existe unha forte presenza de poboación non orixinaria, mais que previamente foi parte dunha mesma estrutura política (Neste caso o estado de Iugoslavia, xurdido logo da II Guerra Mundial e desintegrado na última década do século XX). 

O desenvolvemento da trama, que leva á dispersión dun fato de rapaces de secundaria, está estruturado en pequenos capítulos que teñen unha entidade propia. Poderíase dicir que a estrutura é de guión cinematográfico, pois se ben non inclúe detalles técnicos si anticipa a escenografía e os diálogos. O texto está narrado en primeira persoa, o que lle ocasionou ao seu autor problemas coa xustiza, cando as autoridades policiais confundiron a ficción que se conta coa realidade. Goran Vojnović foi encarcerado como consecuencia dunha denuncia da policía que, xa dixen, confundiu entre autor e personaxe (Marko Ɖorđić). 

Os títulos dos capítulos dan unha idea do grao de incomodidade, desesperación e desánimo que viven a súa condición de efuri/mouros un grupo de rapaces que mora nun barrio obreiro de Ljubljana, que acusan os cidadáns orixinarios de Eslovenia, de clasistas e racistas

Os títulos dos capítulos dan unha idea da temática e do enfoque da novela. Así ‘Por que non son de ningún equipo de fútbol’, Por que non sentamos diante do bloque coma sempre’, ‘Por que a policía eslovena é unha merda’, ‘Por que non hai peor raza cá dos emigrados’, ‘Por que os mouros sentan sempre no pupitre do fondo’ ou ‘Por que Bosnia non é para os mouros’, dan unha idea do grao de incomodidade, desesperación e desánimo que viven a súa condición de efuri/mouros un grupo de rapaces que mora nun barrio obreiro de Ljubljana, que acusan os cidadáns orixinarios de Eslovenia, de clasistas e racistas. Por suposto, ideas que son tan caras ao noso pensamento politicamente correcto, están nas antípodas da realidade vivida, comezando pola emancipación feminina, que segundo o texto ‘nin está nin se espera’. 

Un par de pequenos parágrafos como exemplo:

‘Non hai nada mellor. Ir no Mercedes moqueándose de todos. Iso si é vida, e non o esquí, o bádminton, a sauna, os birlos e todas esas paifocadas eslovenas’. 

‘Fužine é un barrio raro. Andas un pouco e as caras son outras, e todos te miran preguntándose que carallo es, dándose aires de xente perigosa e facendo ver que lisques canto antes se non queres levar’. 

Ou aínda: ‘Se un esloveno te fode, apandas, por que sabes que te poden foder de por vida e non tes outra. É o seu país e tes que agachar a crista. Pero se quen te fode é un mouro, tes que fodelo ti a el sen piedade para que se saiba. Non podes deixar que un mouro te foda, porque entón darache polo cu toda a vida’.

Se non estou mal informado, esta é a primeira tradución do esloveno ao galego. Son moitas as decisións que o tradutor, Jairo Dorado, tivo que tomar no proceso de verter o texto esloveno

Quer na temática, quer na estrutura, quer na linguaxe encontrámonos diante dun texto contestatario nas opcións políticas, efectivo na súa estrutura por capítulos/escenas e anovador (no que fai a contemporaneidade) no que se refire á linguaxe. Poderíase cualificar dun texto de iniciación (esa aventura vivida polos catro rapaces na súa mocidade), que falan unha lingua vulgar mais comprensíbel (sen unha xerga específica, que faría envellecer de contado o texto). 

Capa de Mouros fóra!, de Goran Vojnović, publicado por Rinoceronte © Rinoceronte

Xa saben que non recomendo libros, alá cadaquén cos seus estándares de lectura, mais coido en pensar que sería máis proveitosa para a nosa mocidade a lectura de libros que reflectiran a realidade do que acontece nos seus barrios

Se non estou mal informado, esta é a primeira tradución do esloveno ao galego. Son moitas as decisións que o tradutor, Jairo Dorado, tivo que tomar no proceso de verter o texto esloveno ao galego. A primeira dar nome ao que en cidades españolas se coñecerían, salvante todas as distancias, como ‘cipaios/sipaios’ ou ‘charnegos’. E por descontado trasladar a linguaxe dun barrio de Ljubljana a un barrio obreiro dunha cidade galega, para que nos soase familiar. As notas a rodapé introducidas axudan coas nosas carencias en coñecemento da gastronomía, da música popular ou aínda da política máis recente despois das guerras de fragmentación de Iugoslavia. 

Dicía Spinoza, que os homes son na súa meirande parte maos e tristes. Pois iso é o que hai que aprender na escola, que o mundo é un lugar difícil, cheo de xente mala e triste; maos porque basean a súa vida na posesión de obxectos que non poden ser de varios a un tempo, como as honras e o diñeiro, aos que a felicidade de outros os volve tristes, e que non poden estar alegres se non están rodeados de xente que sufre. De aí, desa combinatoria de maldade e tristura xurde a envexa, o odio, as inxurias, as calumnias, a violencia e as guerras.

Xa saben que non recomendo libros, alá cadaquén cos seus estándares de lectura, mais coido en pensar que sería máis proveitosa para a nosa mocidade a lectura de libros que reflectiran a realidade do que acontece nos seus barrios que a meirande parte desas ‘paifocadas para eslovenos’, que eles mesmos rexeitan (vaian senón a un rastro e vexan de que libros se desprenden con facilidade os nosos mozos e de cales non) . 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.