Mover os marcos

© Akin

Sempre me gustou a ciencia ficción, non polas aventuras e as loitas, senón por dúas razóns diferentes; unha é o fermoso que é marabillarse diante de novos mundos, e a outra é porque permite analizar problemas actuais movendo os marcos. Hai un libro de Arthur C. Clarke no que os nenos son educados polo estado, e só ven ás familias de cando en vez. E chegados aos 18 anos os nenos e nenas teñen dereito a decidir quen son seus pais, e poden ser os biolóxicos ou non. O libro non vai diso, senón doutras cousas, pero iso é presentado como a normalidade nesa sociedade.

Se escribiramos un libro así pero centrado no presente, habería que tratar de como se chegou a ese acordo, as reticencias, mesmo as loitas violentas contra diso, o papel das relixións, os dramas persoais de quen na primeira xeración ven apartados os seus fillos e fillas… O libro tería que tratar unicamente isto porque xa de seu enche de sobra unha historia. Pero se o escribes en clave de ciencia ficción, pódeste saltar todo o marco actual que condiciona a medida, e presentala aillada noutro marco diferente, onde non analizas a súa viabilidade, senón a súa idoneidade. E se chegas á conclusión de que sería desexable, entón comezas a considerar que cousas habería que mudar na sociedade actual para chegar a ese futuro ideal.

Do mesmo xeito que a escola pública nos garante o dereito constitucional á educación ou á sanidade pública o dereito á sanidade, nós pensamos na R.B.U. como o mecanismo que nos garanta o acceso a outros dereitos constitucionais que temos recoñecidos pero non garantidos, como o acceso á vivenda ou á alimentación

A ciencia ficción permite mover os marcos de pensamento que nos fixaron os medios de comunicación e a nosa educación, e buscar novos xeitos de pensar.

Cando falo da Renda Básica Universal (R.B.U.) coa xente, sempre atopo algunha resistencia “racional” e un par de resistencias “emocionais”. Sobre esas resistencias racionais (desincentiva o traballo, produciría subida dos prezos, non é financiable…) está case todo escrito e podedes falar con calquera persoa da Rede Renda Básica, ou dos Colectivos Cidadáns pola Renda Básica Universal de aquí de Galiza e preguntarlles sobre esas dúbidas. Veredes que teñen unha resposta doada. 

Pero permitídeme falar das reticencias emocionais, nas que as dúas máis frecuentes son “as persoas ricas non deberan recibila” e “eu non quero que lla dean á xente lerchana que a empregaría para non traballar”, expresadas con esas palabras ou con outras.

E por que a xente ten esas resistencias de carácter emocional? Porque ese é o marco mental (educativo, social) no que nos acostumaron a pensar ese tipo de cousas. Percibimos a Renda Básica Universal como percibimos agora as rendas tipo RISGA, como unha paga que se lle debe dar ás persoas na pobreza, pero só a cambio de que se esforcen en atopar un traballo. E ese é o erro. Os defensores e as defensoras da R.B.U.  non pensamos nela nese marco, senón como un novo dereito. Do mesmo xeito que a escola pública nos garante o dereito constitucional á educación ou á sanidade pública o dereito á sanidade, nós pensamos na R.B.U. como o mecanismo que nos garanta o acceso a outros dereitos constitucionais que temos recoñecidos pero non garantidos, como o acceso á vivenda ou á alimentación.

E eses dereitos, como dereitos constitucionais que son, deben ser para todo o mundo. Ninguén se cuestiona, ou non debería, que unha persoa rica teña dereito a enviar os seus fillos e fillas á escola pública, aínda que se poida pagar un colexio privado. Nin que poida acudir a un hospital público no canto dunha clínica privada. De feito é ao contrario, aplaudimos cando alguén que se pode permitir o privado aposta polo público. E de ningún xeito cuestionamos ese dereito. Pois da mesma maneira non deberiamos cuestionar que se a R.B.U. é un dereito para todo o mundo, tamén sexa un dereito para a xente rica, aínda que non o precisen. E digo isto porque o contraargumento habitual é explicar que aínda que tamén o reciben, a reforma fiscal imprescindible para aplicar a Renda Básica Universal faría que esas persoas ricas pasasen a perder cartos: recibirían a R.B.U. si, pero pagarían máis en impostos do que recibirían por renda básica, co que o saldo para eles sería negativo. É un argumento correcto, pero para min secundario, o argumento primario é que se é un novo dereito universal, un novo contrato social, non debemos cuestionarnos que tamén o sexa para eles e elas.

E imos coa segunda reticencia. Todo o mundo di coñecer a alguén que se cobrase “unha paguiña” non traballaría. Sobre iso teño varias cousas que dicir: unha é que xa hai moitos experimentos de renda básica que se fixeron, e que amosan que iso é mentira, ningún dato amosa que desincentive o emprego. E non, os españois e españolas non somos peores que eses cidadáns e cidadás dos países onde se fixeron os experimentos. A segunda é que se alguén recibe 700 euros ao mes e con iso vive ou cando menos sobrevive, pero lle ofrecen un traballo onde se sente ben, onde sente que sabe facelo, onde ninguén lle berra nin minusvalora, e que lle permite gañar outros 900 euros por riba dos 700 que lle dá o estado e que lle permitirían, ademais de sobrevivir, ter un coche, unha tele grande, e irse de vacacións un par de semanas ao ano a un hotel na praia… tede ben seguro que case ninguén rexeita traballar. Se alguén cuns ingresos non quere traballar,  a solución case nunca vai ser quitarlle eses ingresos, senón quitarlle os medos a buscar un traballo, porque case seguro que iso será o que lle impida traballar. Ou iso, ou que simplemente non hai traballo, e non é unha cuestión de ganas ou de formación, é que en España non hai empregos para todo o mundo. 

Aínda así algunha xente haberá, que nin cun bo traballo prefira traballar, por exemplo xente que prefira vivir con pouco e traballar de balde en ONG, ou que sexan creadores e creadoras e prefiran vivir con pouco e escribir os seus libros ou cancións, ou que simplemente prefira estar todo o tempo posible cos seus nenos e nenas, ou xente con problemas mentais inhabilitantes como problemas de ansiedade ou depresións… pois mira, mellor para todo o mundo, a maioría estará achegando  á sociedade doutros xeitos e todas as persoas diminuíndo o seu consumo e a súa pegada de carbono, que non deixa de ser algo moi importante socialmente falando.

Pero por riba de todo, se cremos na R.B.U. como un dereito universal, e no mesmo caso que dicía das persoas ricas, tampouco podemos cuestionar que as persoas que non queiran traballar poidan gozar dese dereito, do mesmo xeito que non cuestionamos que unha persoa desempregada teña dereito a ir ao médico.

Se eu tivese talento para escribir un libro de ciencia ficción falaría dunha sociedade coa R.B.U. implantada, para poder ver como sería e como todas esas resistencias emocionáis en realidade non teñen sentido. Como sería unha sociedade máis xusta, máis igualitaria, máis empática, sen pobreza nin marxinación... Pero carezo dese talento, unha mágoa.

Ao final, o importante é atrevernos a mover eses marcos mentáis que nos acotan o pensamento do que é posible e do que é desexable, así que como non podo invitarvos a ler un libro que non sei escribir, ao que vos invito é a que pensedes vós mesmos nesa sociedade imaxinaria na que hai unha R.B.U. e meditedes como sería, invítovos a que sexades vós mesmos quenes movades os vosos marcos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.