Este martes, 29 de outubro, o Museo do Pobo Galego cumpre 36 anos de vida. O devandito día do ano 1977 inaugurábanse oficialmente as tres primeiras salas coa presenza do entón ministro de Cultura, o pontevedrés Pío Cabanillas Gallas. O paso inexorable dos anos convertería esa data nunha das efemérides senlleiras da historia contemporánea de Galicia.
Este martes, 29 de outubro, o Museo do Pobo Galego cumpre 36 anos de vida. O devandito día do ano 1977 inaugurábanse oficialmente as tres primeiras salas
A idea de crear un centro destas características debémoslla a Carlos García Martínez, Justo Beramendi, Rafael Baltar Tojo e Manuel Gallego Jorreto, que no mes de novembro de 1975 solicitan a axuda do Colexio de Arquitectos de Galicia para que actúe de aglutinante para a constitución do futuro padroado. Todos sabiamos da imperiosa necesidade dun museo antropolóxico, de que nos cadrou vivir nunha época crucial, nun intre en que a sociedade tradicional en xeral, non é que estivese a cambiar, senón que desaparecía para sempre a pasos de xigante (labores agrícolas, oficios artesanais, costumes, música, apeiros, ferramentas…). O transcurso do tempo axiña deu a razón aos fundadores do MPG, de que de non ser por el hoxe en día tería desaparecido para sempre boa parte da cultura e da memoria dos nosos devanceiros, sen posibilidade de seren coñecidas polas vindeiras xeracións.
No mes de xaneiro de 1976 celebrouse unha xunta con institucións e persoas relacionadas coa cultura, e o 31 do xullo seguinte xa se constitúe o padroado. O paso seguinte foi acadar a cesión por parte do Concello compostelán do entón abandonado e case ruinoso convento de San Domingos de Bonaval, feito de agradecer, tanto a aquela corporación, como ás seguintes que sempre amosaron interese por esta entidade.
Despois de 36 anos da inauguración das primeiras salas, o MPG é unha institución cultural de referencia dentro e fóra de Galicia, aberta a cantos intelectuais e curiosos desexan coñecer a nosa cultura tradicional e o pasado inmediato. Porque non é só o que se visita, o que está ao público, senón moito máis: os almacéns con miles de pezas catalogadas, a rica biblioteca (na que se custodian os importantes legados de Antonio Fraguas, Taboada Chivite, Familia Baltar, Rodríguez Fraiz, …), a hemeroteca, a cartoteca, o arquivo, a fonoteca …
Despois de 36 anos da inauguración das primeiras salas, o MPG é unha institución cultural de referencia dentro e fóra de Galicia, aberta a cantos intelectuais e curiosos desexan coñecer a nosa cultura tradicional e o pasado inmediato
Unha obra desta envergadura cultural, social e sen ánimo de lucro, unicamente é posible polo traballo constante, desinteresado e anónimo de moitas persoas, así como do altruísmo de cantos levan doado pezas, libros, documentos, gravacións, cadros…, poñéndoos a disposición de todos, agora e no futuro, para que se coñeza a cultura “material” e “espiritual” dos nosos avós, como querían os pioneiros do Seminario de Estudos Galegos, cando xa non forme parte da vida cotiá e non sexa máis que un afastado recordo.
Grazas a todas e a todos, particulares e institucións, que dun xeito o doutro fixeron posible que ao longo destes 36 anos o MPG manteña abertas as súas portas, e unha sentida lembranza para aqueles que xa non se atopan entre nós, pero que nos deixaron a súa ilusión, sabedoría e compromiso pola cultura, por Galicia.