Mulleres: máis invisibles no medio rural

Xa que se aproxima o primeiro de maio, coido que é bo momento para reflexionar sobre unha serie de cuestións:

As mulleres do rural raramente son o foco de atención, polo que os desafíos aos que se enfrontan  non soen ser tidos en conta, xa que non soen ser escoitadas nin as súas opinións valoradas. A “crise” volveu sepultar á poboación feminina nos fogares e na economía sumerxida. 

É primordial que se recoñeza non so a gran contribución das mulleres no campo, na produción agrícola, etc, etc. senón tamén que ese recoñecemento se traduza en políticas que transformen a realidade do rural coa presenza e participación activa das mulleres.

As mulleres do medio rural enfróntanse a grandes desafíos como as dificultades do acceso a diferentes recursos (propiedade da terra, educación, capacitación, créditos, etc.), á invisibilización do seu traballo (gran parte das actividades produtivas que realizan están ligadas ao ámbito doméstico, menos valorado socialmente que outros ámbitos), etc.

Coidar aos/ás fillos/as, coidar dos/as familiares maiores, asumir a xestión doméstica, traballar no campo, etc., son tarefas habituais que realizan maioritariamente as mulleres, carecendo en moitas ocasións de vacacións e do máis mínimo recoñecemento pola súa labor. Son moitas, pero invisibles.

A continuidade de determinados ecosistemas e formas de produción e vida no rural dependen do mantemento dunha estrutura social mínima e os seus cimentos básicos son as persoas, nomeadamente, as mulleres, que queren ter os mesmos dereitos polo mesmo traballo, que queren protagonizar as súas vidas sen depender de ninguén, acceder ao mercado laboral, ocupar postos de representación, formarse, informarse, etc., etc.

A modo de exemplo, a titularidade compartida é un primeiro paso para a visibilización do traballo de agricultoras e gandeiras nas explotacións familiares (titularidade que ata non fai tanto tempo era case exclusiva dos homes, alcanzando estes aproximadamente o 72%), pero a burocracia, desidia por parte das administracións e falta de información para as mulleres fixo que o seu espazo figurativo fose ínfimo.

Para fixar poboación no rural é preciso facer unha análise de cada contexto concreto, e adecuar as medidas á realidade social de cada un, inda que haxa eixos comúns:

É fundamental a procura, estímulo e impulso de novos xacementos de emprego, a atención ás aspiracións e expectativas das mulleres xoves que seguen no medio rural, a apertura á participación das mulleres en tódolos aspectos da vida local, non so en actividades agrícolas senon buscando fórmulas innovadoras, sen esquecer necesidades sociais que teñen vetas sen cubrir (ampliación de recursos de Servizos Sociais en servizos de proximidade, fomento do cooperativismo e a economía social no sector dos coidados, do fomento do turismo social, etc.).

Para que estas potenciais propostas teñan sentido pleno, é fundamental traballar e por en valor (no canto de desmantelar como se tenta facer dun tempo a esta parte) a descentralización de certos servizos, recursos e equipamentos. Un axeitado transporte público no rural e a conexión coas vilas e cidades próximas é algo esencial.

Non nos debemos deixar levar pola miopía diagnóstica de algún/has: que nunha lei ou nun plan haxa medidas xerais que rematen cun “con especial atención ao medio rural” non é abondo, a análise debe ser máis profunda, exhaustiva e transversal. Tódalas políticas públicas teñen que abordar e buscar solucións ás especificidades do medio rural, que son moitas e diversas (despoboamento, illamento, carencia de recursos públicos de proximidade, etc.). E unha cousa é segura: se perdemos de vista a perspectiva de xénero, as desigualdades seguirán reproducíndose. A débeda histórica da sociedade en xeral e da clase política en particular coas mulleres do rural é enorme.  

Hai vieiros e alternativas para mudar a situación actual. Como escoitei recentemente: “non está nas nosas mans facer da noite día, pero si somos quen de por farolas” para seguir camiñando, para seguir loitando pola equidade, polo rural... Porque é de xustiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.