Na defensa da nosa ría por terra, mar e aire

Esta semana recibimos a vergoñenta nova de que o Goberno do Estado lle prorrogou á Ence 60 anos máis na nosa prezada ría. E aínda que non deixo de ser inxenuo e sempre penso que é posíbel que impere o sentido común, as ameazas das que viñamos alertando dende o Goberno Local acábanse de cumprir.

O Goberno do Estado acaba de regalarlle á empresa privada Ence unha cifra superior aos 1.000 millóns de euros, ao concederlle continuar na nosa ría por 60 anos máis, o que hipoteca o futuro dos nosos fillos e netos –cando menos-. E logo falamos de corrupción…

O Goberno do Estado acaba de regalarlle á empresa privada Ence unha cifra superior aos 1.000 millóns de euros

E nós aquí, sen agardar nada, sen esperar nada, e sen saber nada. Porque as decisións sobre Ence foron, son e serán centralizadas. A decisión tomouse lonxe de Galiza e, por suposto, de Pontevedra porque se tomou ao máis alto nivel, dentro do aparato do Estado, sempre ao servizo do gran capital.

Estamos a falar da decisión máis transcendental do futuro de Pontevedra. E foi así: tomada a última hora, de forma vergoñenta, cun Goberno en funcións que tiña de prazo para resolver esta prórroga até o ano 2018. Esta forma de actuar amosa a incapacidade da Xunta de Galicia para tomar decisións que afectan ao seu propio territorio, deixando que sexa un poder centralizador, ao servizo do gran capital, o que adopte medidas sobre Pontevedra similares ás peores épocas do colonialismo das peores industrias de enclave. Isto non o consentiría ningún país europeo. E non pedimos nada que non se fixera en Bilbao, en Barcelona… Estamos indo en contra do que se está facendo no resto do mundo.

A prórroga de Ence tómase en contra do sentido común e do interese xeral favorecendo a unha empresa privada, que ten no seu Consello de Administración a membros do PP

É difícil de entender esta decisión porque os políticos debemos adicarnos a intentar mellorar o ambiente que recibimos, o noso territorio, a traballar polo futuro de todos. Sen embargo a prórroga de Ence tómase en contra do sentido común e do interese xeral favorecendo a unha empresa privada, que ten no seu Consello de Administración a membros do Partido Popular, por iso consegue que se modifiquen as leis, que se incumpran directrices aprobadas pola Xunta de Galicia sobre a protección do litoral ou a ordenación do territorio… e logo se sorpréndese o PP que non teña con quen pactar.

Dentro do respecto aos dereitos de todo o mundo a defender o seu posto de traballo, nin os postos de traballo de Ence son tantos, nin van a resolver os problemas desta cidade. Esta cidade ten 37.000 persoas traballando e 7.000 parados. Ence ten 260 postos de traballo directo, e os indirectos podemos inventar tantos como queiramos. Até podemos atribuírlle os postos de traballo relacionados cos que apagan os incendios forestais.

Dentro do respecto aos dereitos de todo o mundo a defender o seu posto de traballo, nin os postos de traballo de Ence son tantos, nin van a resolver os problemas desta cidade

Non está demais lembrar que esta decisión supón un agravio comparativo con outros empresarios que teñen que comprar os terreos para montar o seu negocio, pero a Ence o PP lle permite gozar duns terreos libres de calquera carga durante 60 anos máis.

Vivimos nun sistema hipócrita e corrupto. Fanse directrices pola defensa do medio, estamos preocupados polo cambio climático, fálase de sustentabilidade, de feísmo, pero do que realmente están preocupados é de tirar unha tolva en terreos de Costas a nome dunha empresiña, pero cando nos topamos co gran capital fanse leis específicas para eles.

Son moitas as cousas que temos por facer para dar marcha atrás a esta falcatruada

Son moitas as cousas que temos por facer para dar marcha atrás a esta falcatruada. Temos que  presionar ao Partido Popular, forza política que tomou a decisión en funcións, e conseguir o compromiso das forzas alternativas, que teoricamente están en contra desa permanencia, para que revoguen esta decisión.

A pesar deste duro golpe, o Concello de Pontevedra loitará para evitar que esta decisión sexa firme, así que actuaremos pola vía política, administrativa, xudicial e social porque a maioría dos pontevedreses creemos que a nosa vila e a súa bisbarra teñen futuro, e o seu futuro está mirando a súa ría sen Ence.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.