Na hora de xuntar para gañar

Moita xente comprometida na batalla contra a ofensiva de radicalización neoliberal vive con auténtica vertixe a espera do incerto desenlace das eleccións do 21-O. Tanto polas consecuencias prácticas inmediatas como polo que pode significar no plano político-ideolóxico. Un eventual trunfo do PP que revalidase por maioría absoluta un goberno que foi pioneiro no ensaio da estratexia de radicalización da dereita española ao calor da crise significaría a validación desa estratexia. Porque non debemos esquecer que Núñez Feijóo (xunto con Aguirre en Madrid) foi o primeiro en ensaiar a política de “austeridade” e recortes nesgados até estrangular a economía produtiva e foi tamén o que primeiro se apuntou ao discurso -e  práctica- acirradamente neocentralista, con ataques aos nosos sinais de identidade e con proclamas –unhas veces implícitas e outras explícitas- contra o autogoberno e a favor da recentralización, devolución de competencias e “reunificación do mercado nacional”.

Un eventual trunfo do PP que revalidase por maioría absoluta un goberno que foi pioneiro no ensaio da estratexia de radicalización da dereita española ao calor da crise significaría a validación desa estratexia

Por que niso leva razón leva razón Feijóo cando reivindica que el foi o “primeiro”, pari pasu con Esperanza Aguirre, con quen, sen dúbida, comparte credo e maior medida que co propio Rajoy. O significado político-ideolóxico dunha reválida nas urnas dese programa ultraliberal e neocentralista sería, certamente, de alcance. Co agravante de ter sido, ademais, un goberno manifestamente incompetente, con conselleiros mediocres e sen iniciativas para impulsar a economía do país.

O que máis incomoda é que tal desenlace poida producirse non tanto porque a maioría da poboación realmente o referende como porque o irresponsábel xogo das forzas de oposición llo poña en bandexa, especialmente coa súa fragmentación

Por iso, a moita xente que non estamos tan preocupados pola intrahistoria e as entretelas das organizacións como pola correlación de forzas na sociedade e nas institucións, preocúpanos antes que ningunha outra cousa que poida outorgarse esa reválida. E o que máis incomoda -e desespera- é que tal desenlace poida producirse non tanto porque a maioría da poboación realmente o referende como porque o irresponsábel xogo das forzas de oposición llo poña en bandexa, especialmente coa súa fragmentación.

Todo parece ter acontecido como se o balbordo da crise económica e política disparase o desconcerto e abrise a caixa de pandora das expectativas desmesuradas e das frustracións mal dixeridas. Parece que se tiveran disparado as oportunidades para todas as singularidades. Como ocorre case sempre na esquerda, os momentos de crise crean a ilusión de que calquera cousa é posíbel e enseguida agroman as sete escolas, cos seus misterios e os seus sacerdotes. Ninguén parece estar disposto a perder a oportunidade de fundar unha escola. En fronte, a pragmática dereita deleitase co espectáculo e mesmo pode ofrecerse a organizar os xogos florais e os torneos para que cada escola e cada sacerdote teña o seu minuto de gloria. Entre tanto o monopolio político da dereita pode capear a máis nefasta xestión e administrar en beneficio propio as turbulencias até situar a nave no punto que lle interesa.

Sería unha mágoa que as irresponsabilidades dispersas nos núcleos dirixentes puideran acabar desembocando nunha carta branca para que a dereita máis reaccionaria e centralista puidese envolver Galiza na bandeira española

Nese sentido, sería unha mágoa que as irresponsabilidades dispersas nos núcleos dirixentes quer da esquerda estatal quer do nacionalismo puideran acabar desembocando nunha carta branca para que a dereita máis reaccionaria e centralista puidese envolver Galiza na bandeira española coma se fose un adorno para o cocido madrileño no que queren converter o estado das autonomías, descontando, claro está, as xa irredutíbeis e perdidas nacións catalá e vasca.

Si, co dramatismo xusto, compre dicir que neste lance Galiza xógase ao mesmo tempo dúas cousas vitais: unha saída progresista á crise do neoliberalismo e a preservación e profundización do seu autogoberno. Non digamos xa as posibilidades de pensar a nosa soberanía ou a nosa independencia. Cun Núñez Feijóo empeñado non só en ser un disciplinado conxurado da ultracentralista política do PP español senón tamén en crecerse no seu papel de ariete contra os nacionalismos catalán e vasco, non é difícil entrever cal vai ser a deriva do xa cativo e mermado autogoberno galego.

Cáusame mágoa e mesmo certo desasosego ver a moitos amigos e compañeiros nacionalistas afanados en ver se poden recadar uns centos de votos máis ou menos, mesmo sabendo que non van sacar ningún representante, cando menos nalgunhas das circunscricións

Por iso, cáusame mágoa e mesmo certo desasosego ver a moitos amigos e compañeiros nacionalistas afanados en ver se poden recadar uns centos de votos máis ou menos, mesmo sabendo que non van sacar ningún representante, cando menos nalgunhas das circunscricións. Cómpre erguer a mirada e ver que do que se trata, amigos, non é diso. Sacar uns votos máis ou menos pero sen representación é absolutamente irrelevante, sobre todo se somos –ou foramos- conscientes da fondura e radicalidade do proxecto do PP nesta altura. Dito con claridade, o que realmente conta é que a dereita non continúe co controle do goberno, coa ocupación da Xunta de Galicia. O resto, con todos os meus respectos, arderá na fogueira das vaidades.

Se todos os dirixentes do nacionalismo e da esquerda estiveran á altura do desafío farían un chamado aos seus seguidores a concentrar o voto naquelas opcións con posibilidades reais de obter representación

Se todos os dirixentes do nacionalismo e da esquerda estiveran á altura do desafío que nos coloca o PP neste lance, farían un alto no seu camiño, farían un balance cru das posibilidades e opcións reais que están enriba da mesa e farían un chamado aos seus seguidores a concentrar o voto naquelas opcións con posibilidades reais de obter representación. Circunscrición por circunscrición.

Aquí non pasa como noutros países, coma Francia, nos que hai segunda volta. Aquí hai que anticipala. Se non o fan os dirixentes e candidatos, farano en moitos casos os electores pola súa conta. Iso é seguro. Pero outros miles de votos irán estragarse na irrelevancia e o gran monopolio da dereita será a directamente beneficiaria en todos os casos. Como país, como nación, como esquerda, perderemos todos. Tamén perderán os grupos en cuestión, cuxo futuro nun escenario como o previsíbel terá ben pouco percorrido.

Sempre queda confiar na sabedoría do elector, preocupado polo proxecto, polo sentido da corrente e non polos remuíños

Se houber un destello de brillantez, valentía e xenerosidade, cando menos agora, gañaría a nación e gañaría a esquerda. Tamén os grupos en cuestión.
Senón for así sempre queda confiar na sabedoría do elector, preocupado polo proxecto, polo sentido da corrente e non polos remuíños.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.