“Un pequeno paso para o home,un gran salto para a humanidade”. Así foi como Neil Armstrong amplificou o fito da conquista da Lúa, colonización dun novo espazo para o Imperio. O poder visual desa ocupación engaiolou a medio mundo, como tamén o fan as imaxes satélite que reconstrúen o mapa nocturno da nosa Terra. Cada punto representa a iluminación dunha cidade. O conxunto amosa a distribución xeográfica da constelación postmetropolitana e mesmo pode ser unha cartografía da condensación enerxética do poder.
Nesta nova Cosmopolis de cidades globais converxen simultaneamente procesos de desterritorialización e reterritorialización. A revolución tecnolóxica dos medios de comunicación derrubou os vellos límites cidade/campo, centro/periferia, interior/exterior. Empresas transnacionais seguen o carro da deslocalización da produción trasladando a man de obra a rexións menos desenvolvidas, pero concentrando o traballo non material e o núcleo de comando nalgún punto desa constelación de cidades globais, producindo o que Saskia Sassen sinalou coma novas xeografías da centralidade.
As nosas cidades teñen mudado privilexiando a construción de grandes centros comerciais, recluíndo a cultura en museos e fundacións privadas, transformando a paisaxe urbana para prosperar no ranking e seducir o turista de asfalto. Especulación inmobiliaria, procesos de densificación e xentrificación, segregación urbana e guetización. Crises das institucións disciplinarias que modulaban os modos de vida da etapa fordista. Xa non hai traballo para conter a vida. Esta desbordouse nese espazo aberto que é a cidade posibilitando a emerxencia de novos dispositivos de seguridade que xestionan o risco.
A finais dos 70´ Richard Sennett advertira sobre a decadencia e progresivo declive da vida pública nas cidades como consecuencia dunhas reformas neoliberais que supoñían a mercantilización e privatización do espazo público. A cidade é ese espazo que a moitas nos tocou habitar e que sempre foi visto como terreo de liberdade e autonomía individual, pois posuía unha capacidade infinita de enunciación de promesas vinculadas á idea de progreso, individual en canto a autodesenvolvemento e colectivo en canto a capacidade de xeración de imaxinarios nos que o individuo sempre mantiña a súa especificidade.
Vivir na cidade era escapar das ríxidas codificiacións do modo de vida campesiño, mergullarse nos fluxos mercantís e expoñerse ós vapores das tabernas disolvendo as identidades tradicionais que nos ataban á gemeinschaft.
O 15 de maio do 2011 producíase un xaque ó complexo institucional e corporativo que estaba a xestionar esta reestruturación económica e espacial. Os cyberactivistas facían corpo ensamblando coñecementos e prácticas coas xentes da praza. O #15M aparecía en escena desafiando o urbanismo ortodoxo trazando novas xeometrías e invertendo o significa das nosas prazas . As primaveras árabes, o #15M e #Occupy utilizan unha lóxica de reprodución fractal. Un fractal é un obxecto que repite a diferentes escalas a súa estrutura fragmentada e irregular. Que é construír máis que acelerar a vida dun lugar? A forma na que se producía este ataque á centralidade, acampando, amosaba como a conquista dese espazo público é de vital importancia para a democracia. Unha praza non é praza ata que é construída pola xente cos seus diálogos, os seus afectos e interaccións.
Transcorreron xa nove meses dende a irrupción nas nosas cidades do movemento #15M. Se ben é certo que xurdiron iniciativas como as de La Marcha Indignada ou Rurales enREDadxs co obxectivo de estender o movemento no medio rural visibilizando e revalorizándoo, promovendo formas de vida sostibles o redor de proxectos agroecolóxicos, o movemento revelouse coma fenómeno eminentemente urbano. Tanto é así que probablemente poderíamos sinalar a #vdevivienda ou #stopdeshaucios coma apéndices visibles do movemento que máis actividade e continuidade amosaron. O pasado 8 de febreiro a plataforma pola mobilidade, integrada por diversos colectivos da Coruña e da que participa a Rede de Asambleas do 15M da Coruña, ocupaba as distintas liñas de bus transmitindo necesidade dun transporte público que minimice os problemas de mobilidade ruído e contaminación.
A batalla polo espazo apenas comezou. O movemento interpretou perfectamente a necesidade contemporánea de lograr espazos de autogoberno e autonomía. O movemento saberá ler tamén como cortocircuitar os dispositivos do poder. Cando para salvar a democracia hai que apostar polos barrios e as prazas en contra do actual réxime de partidos, a folga ten que ser tamén reinventada. Máis aló das vellas fábricas e dos sindicatos, a folga consistirá nunha paralización das conexións metropolitanas, así como unha apropiación produtiva do seu tecido. O que onte foron os proletarios, hoxe o son os precarios, os migras, o cognitariado. A metrópole, física e virtual, é a nosa fábrica. Se Heidegger definiu a relación entre ser e tempo coma un dos principais problemas para a filosofía de principios do século XX, hoxe, neste mundo globalizado, o problema desprázase á nosa relación co espazo.