Nacionalismo, a peste de Europa?

Polo xeral, cremos inxenuamente que nos escollemos os libros que lemos, aínda que cada vez me inclino máis a pensar que é ó revés, xa que non é a primeira vez que unha obra que estou lendo presentase como de rigorosa actualidade a pesar de ser redactadas en épocas xa pretéritas. Isto tamén podería deberse a miña interpretación subxectiva de obras un tanto ambiguas, sendo esta a non descartable segunda opción.

Este Nadal a obra que me escolleu foi La Peste de Albert Camus, publicada en 1947 e aparentemente cun mensaxe inocente e ambiguo, pero que a maioría de investigadores a relacionan cun relato alegórico da ocupación nazi na Europa da Segunda Guerra Mundial. Nesta obra preséntasenos un panorama non real pero de gran verosimilitude, xa que Camus consegue recrear un escenario totalmente posible na nosa sociedade contemporánea, que a pesar do transcurso do tempo segue moi vinculada ós momentos do seu nacemento (marcada polo inicio do ciclo de triunfo burgués dende a Revolución francesa e a Primavera europea de 1848) con todo o que isto supón socialmente. Camus retrátanos unha sociedade apática, que tarda en darse conta da magnitude da epidemia e cando o fai solo reacciona de maneira egoísta e individual. Durante o transcurso da novela a poboación de Orán pasa da incredulidade inicial, logo ó delirio interno e finalmente á indiferenza. O tema da indiferenza nas sociedades burguesas occidentais sería un interesante tema de estudo que o autor aborda de maneira secundaria pero moi precisa. Ademais preséntasenos unha serie de personaxes típicos das sociedades contemporáneas, de cuxo análise pormenorizado pódense extraer valiosas conclusións sociolóxicas. Na parte final da obra o autor fai un repaso do que supuxo a peste para a cidade, podendo lerse como un alegato contra a posibilidade de que mediante o esquecemento fenómenos como o nazismo poidan volver a vida e infectar á sociedade novamente, non esquecendo a indiferenza que a sociedade europea mostrou ante un fenómeno tan horrible e devastador como o fascismo. 

Tal como xa expresei, creo que poucos temas son máis actuais que ese clamor contra o fascismo denunciando unha sociedade mesquiña e desestruturada que carece dos sistemas de defensa inmunolóxica ante un virus desta magnitude, tal vez porque o propio virus encontrase na esencia desa mesma sociedade. E como sempre haberá grupos máis vulnerables ó virus que outros, como o proletariado, que continuamente bombardeado dende todos os medios con falsas ideas de nación e patria que no fondo non deixan de ser fantasías sentimentais que buscan un factor de unión entre explotados e explotadores que non existe. Polo tanto a lección particular que extraín da obra é a realmente interesante visión do fascismo (cuxa base lexitimadora é o nacionalismo burgués) como algo que está latente en todas as sociedades europeas xurdidas trala instauración da burguesía como clase dominante que impón o seu sistema social e económico. Polo tanto a labor que debemos emprender, non unicamente os historiadores, é a denuncia deste suceso encuberto polo sistema de pensamento global e os seus medios intelectuais, deixando claro que o único que acabaría co virus sería a destrución desa sociedade burguesa enferma e a creación dun modelo alternativo ó mesmo, que partindo da lóxica sitúe ós verdadeiros motores da sociedade na posición central que se merecen, como por exemplo o modelo socialista.

A relación entre a decadencia social europea e o auxe do nacionalismo son fenómenos que considero intimamente ligados. Ante un modelo que tras a segunda guerra mundial prometía felicidade e progreso ilimitados, a progresiva demolición do estado de benestar (paralelo ó durísimo castigo histórico que se lle impuxo ó Este europeo) ven a demostrar a imposibilidade de cumprir esa promesa dunha Europa como un paraíso terreal. Desta maneira preséntase máis claramente como o ambiente de triunfo do modelo europeo non era máis que un espellismo proxectado polas oligarquías do Vello Continente. Se a isto sumamos o factor de que os países que conforman a área continental circundante de Europa están sumidos en profundas crises estruturais (debidas na maioría dos casos á incidencia que as potencias europeas exercen aínda hoxe en día sobre as súas antigas colonias) comprenderemos mellor o interese polo feito de que se pretendan desviar a atención da poboación destes fenómenos e soamente apuntar cara cuestións de movementos de poboación irracionais e de invasións de poboas bárbaros cando a pacífica Europa non lles roubou nada. 

Ante todo preténdese que non se cuestione a noción de nación- estado, base sentimental dun modelo desacreditado, cunha sociedade desestruturada, que se comporta de forma case macabra e mesquiña, rexida por unha civilización en franca decadencia, que na senda do progreso ilimitado baleirouse de todos os seus valores orixinarios e só rende preitesía ó diñeiro. Se ampliamos aínda máis o foco de análise, o “choque de civilizacións” do que fala Huntington presentase como un fenómeno real, pero que parece xorden máis por intereses concretos que por xeración autónoma. Con nitidez vemos como o vello mundo pretende manter a súa supremacía, pero baseándose en ideas caducas e inertes dende fai moito tempo, alimentando así o resentimento dos pobos europeos que os levarían cara posturas filo-fascistas. Pero isto non nos debe facer tirar a toalla, paralelamente a este proceso de decadencia europea debemos apostar pola creación de modelos contrapostos, con ideas de patria alternativas a un conglomerado sentimental hipócrita que pretende a unión irracional entre explotados e explotadores. Esta idea de patria debe cimentarse na solidariedade social, sendo indispensable para isto a supresión da explotación capitalista. 

Por todo isto gustaríame recalcar que ante unha Europa que esquece moi rápido, o labor dos historiadores é imprescindible, debendo loitar contra o fascismo, non lavando a súa imaxe ou pasando de largo ante o auxe do mesmo como se fose un suceso que non vai con nós. Somos os que elaboramos a visión que a nosa sociedade ten do seu pasado, unha misión demasiado importante como para non comprometernos completamente con ela. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.