Nacionalismo como ideoloxía

O motivo destas liñas, procedentes dun profano da ciencia política, pretende pór en debate común o concepto do nacionalismo como ideoloxía. Non hai pretensión de sentar cátedra nin adoutrinar na idea única. Dito isto, expoñamos a nosa posición: A xénese do nacionalismo atópase fundamentalmente na mestura do liberalismo político co romanticismo cultural. Presentouse contra finais do século XVIII e dende dúas perspectivas que podemos exemplificar do seguinte xeito: na Francia revolucionaria Sièyes afirma que “a nación é o terceiro estado” fronte ao Sturm und Drang alemán teorizado por Herder a través do volksgeist (o espírito do pobo). Polo tanto, un concepto de nación sociopolítico (a cidadanía emancipada propietaria da soberanía expresada no estado) fronte ao cultural que asume a organicidade da nación (vive na paisaxe, nos costumes, na lingua etc. fóra do alcance humano).

O nacionalismo é unha expresión política necesitada de ideoloxía que a encha por dentro

Axiña se bifurcan entre o modelo do nacionalismo francés que considera o pasado como motivo de museo pero o futuro está por construír (dende unha postura que aspira á hexemonía mundial) e o nacionalismo alemán que, en parte como reacción ao imperialismo napoleónico, defende a volta ao pasado propio como o lugar orixinal da nación (prestando atención e protección á diversidade).

A nación é unha construción e non un ente vivo. Desterremos, pois, calquera axexo de recaída en teses do século pasado. A nación xorde da recuperación e elaboración dun pasado que lexitima as aspiracións modernas sostidas por un colectivo. Polo tanto, precísase da adhesión das persoas.

As vicisitudes históricas provocaron distintas interpretacións do nacionalismo que responden a distintos enfoques analíticos. Reparemos nos procesos de descolonización da segunda metade do século XX. Porque, e aquí é onde quero facer fincapé, o nacionalismo é unha expresión política necesitada de ideoloxía que a encha por dentro. Falamos de ideoloxía no sentido máis amplo: estrutura complexa de ideas que xorden da análise do mundo e fornece conceptos para interpretalo para ou ben conservalo ou ben transformalo.

Defender o nacionalismo espido de nutrientes ideolóxicos, que é senón un atrevido argumento de torres no ar

O nacionalismo sen ideoloxía non é máis que un sentimento primario de unidade co propio, unha querenza polo noso que sempre estivo aí, preto de nós. Pero isto, sabémolo, non é racional senón sentimental e, por ende, defender o nacionalismo espido de nutrientes ideolóxicos, que é senón un atrevido argumento de torres no ar.

Galiza está chea de elementos propulsores do romanticismo e perfectamente axustábeis á versión herderiana da nación. Resultaría doado facer un chamamento a prol da cohesión social por medio da lingua, da terra, da música ou dos costumes ancestrais. Coidamos que é un feito necesario para manter esa conciencia do diferente como algo que enriquece o universal. Estas demandas son acaidas para determinados contextos mais son difusas para a unidade política.

O nacionalismo per se non é razón para estarmos todos baixo a sombra da mesma sigla partidista

O nacionalismo per se non é razón para estarmos todos baixo a sombra da mesma sigla partidista. Primeiro, porque o nacionalismo é un movemento transversal que vai dende o sindical ao político pasando polo agrario, cultural, deportivo ou até gastronómico. Os que teorizan a sigla como hexemonía, a maioría como mazo do poder, o nacional como exclusivo acaban por crerse con dereitos de copyright sobre a historia galega ou propietarios dun patrimonio común a toda Galiza que de maneira inequívoca implica autoconsiderarse monxes custodios da esencia. Visión, canto menos, dogmática e relixiosa moi lonxe do que poida ser unha acción política concreta.

Segundo, porque o nacionalismo, como movemento amplo e plural, acolle no seu seo as contradicións sociais. Urxe que todos esteamos na mesma barreira á hora de promover a normalización da lingua galega: católicos, liberais, comunistas ou masóns. Dende posicións integradoras afastadas da histeria do control e do sometemento os intereses partidistas. Mais ten sentido que as devanditas persoas con diversas crenzas estean todas, absolutamente todas, integradas na mesma organización política?

Os que teorizan a sigla como hexemonía, a maioría como mazo do poder, o nacional como exclusivo acaban por crerse con dereitos de copyright sobre a historia galega ou propietarios dun patrimonio común a toda Galiza que de maneira inequívoca implica autoconsiderarse monxes custodios da esencia

A colocación da identidade como argumento político central dun partido, a súa promoción como tese de cohesión política é, no meu parecer, inestábel. Por sermos galegos, por defendermos a lingua ou a cultura propia, non por iso mantemos a mesma idea de estrutura de estado, política fiscal ou ambiental. Non hai saída “nacionalista” a esta encrucillada. Hai que ser un pitoño para non enxergar o uso da cuestión nacional realizada por CiU: unha tupida saba que releva na axenda mediática e social os graves recortes no sistema público. Falsa conciencia.

Hai que ser un pitoño para non enxergar o uso da cuestión nacional realizada por CiU: unha tupida saba que releva na axenda mediática e social os graves recortes no sistema público. Falsa conciencia

Aqueles que se afanan en chamamentos identitarios, nun período de recrudescencia neoliberal, volven coa teima da “casa común indivisíbel”, como se a tese da fronte nacional de liberación das antigas colonias puidese hoxe servir. Ese pensamento do único fogar implica a negación ou desprezo daquel que disinta, aínda que este sexa propiamente nacionalista. O discurso identitario, vougo de contido, tamén pode rematar nun irracionalismo que indique que o galego, por ser galego, ten máis dereitos en Galiza có marroquí, chinés ou boliviano. Afortunadamente, aquí aínda non asoman posturas xenófobas.

A conciencia nacional trabállase dende o estamento político pero máis importante é facelo dende a dinamización da sociedade para que calle na base social que debe termar da propia identidade e non coidar que esa é a tarefa duns dirixentes con poderes divinos.

Ese pensamento do único fogar implica a negación ou desprezo daquel que disinta, aínda que este sexa propiamente nacionalista

Finalmente, as alianzas tácticas (que non estratéxicas!) en períodos concretos son unha ferramenta exposta a ser empregada. Pódese errar na relación e fracasar. Tamén atinar e triunfar. Os que consideran o panorama político aferrollado están obrigados a experimentar porque o existente non os reconforta. Non facelo é síntoma de conservadorismo. Moverse, tanto na teoría como na praxe, é síntoma de estarmos vivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.