Nacionalismo e sociedade civil

Por que a crise provoca en Catalunya un reforzamento do nacionalismo e en Galicia unha implosión de tan difícil recondución? Poderíamos pensar nos déficits das estruturas partidarias e as súas culturas políticas e ata nas traxectorias e compromisos das respectivas “burguesías”, nas historias recíprocas, en fin, en mil e un factores, etc., pero unha das claves esenciais é a sociedade civil, algo que en Galicia é residual mentres en Catalunya é unha realidade viva, dinámica, conectada, comprometida, en fin, admirable en tantos sentidos.

O nacionalismo, que foi o grande motor da mobilización social nos anos finais do franquismo, acabou por facer de todo unha correa de transmisión e de todo canto se afastara diso, un problema e un desafío á súa certeza

Iso é asi en Galicia, en boa medida, porque o nacionalismo, que foi o grande motor da mobilización social nos anos finais do franquismo, acabou por facer de todo unha correa de transmisión e de todo canto se afastara diso, un problema e un desafío á súa certeza. Esa concepción “orientadora” e en grande medida utilitarista de canto se move, que leva a apreciar o que forma parte da súa rede e a ignorar tantas veces o que non, impide unha relación normalizada e respectuosa capaz de arbitrar sinerxías de valor mutuo. Esa é a clave do cambio para que o nacionalismo con capacidade de ser alternativa non se esgote na xeración que foi quen de relanzalo despois da guerra civil e o franquismo senón que prenda novamente nos afáns das novas comunidades que hoxe, mesmo no progresismo e no galeguismo, se afastan del.

Hoxe debe abordar unha reflexión profunda sobre o seu estado e as súas capacidades para sumar e definir obxectivos compartidos, tendendo pontes con esa ampla colectividade que non soporta tanto cinismo do poder

O nacionalismo, non só as organizacións políticas nacionalistas, segue a ser a principal forza transformadora  en Galicia, realmente asentada nas raíces do propio país, pero hoxe debe abordar unha reflexión profunda sobre o seu estado  e as súas capacidades para sumar e definir obxectivos compartidos, tendendo pontes con esa ampla colectividade que non soporta tanto cinismo do poder, que cre no país pero non nun liderado esgotado nas súas formas e tempos.

O que en Catalunya explica o non retorno do proceso soberanista non é só o compromiso dos partidos nacionalistas senón a existencia dunha ampla e forte sociedade civil

Ou o nacionalismo acaba por arbitrar unha relación non soberbia coa sociedade civil creativa (e non só a reactiva), recoñecendo que non todo canto obedece á súa disciplina é potencialmente adversario –ou peor, inimigo- e mesmo é quen de estimular a conciencia a independencia dos actores como un valor positivo e irredentista a fomentar, ou cabe imaxinar que o longo e ancho camiño cara a marxinalidade será difícil de evitar.

O que en Catalunya explica o non retorno do proceso soberanista non é só o compromiso dos partidos nacionalistas senón a existencia dunha ampla e forte sociedade civil que hoxe é quen de transcender mesmo a vontade dos partidos para condicionar ata os seus posicionamentos. É unha ampla masa social organizada, unha sociedade-area que permite a confluencia de militancias varias, na súa inmensa maioría non partidarias, pero capaces de converxer.

Autoconvencerse de que se está na remontada e non prestar debida atención á conformación dunha auténtica sociedade civil e a rachar cos tópicos dunha cultura política en grande medida obsoleta, non achega credibilidade

Sen sociedade que sustente o nacionalismo, a día de hoxe, calquera crise deste provoca un descalabro de proporcións dificilmente superables. Autoconvencerse de que se está na remontada e non prestar debida atención á conformación dunha auténtica sociedade civil e a rachar cos tópicos dunha cultura política en grande medida obsoleta, non achega credibilidade. Por mais que se exhiban as conexións cos problemas da sociedade e os movementos reivindicativos que xera, hoxe non é suficiente para crear política nova, para formular propostas en positivo, para xerar dinámicas atraentes que acheguen  outras lecturas  produto dunha vangarda alternativa que aflora desde abaixo.

O nacionalismo ten pleno dereito a recrear a súa propia sociedade e a reivindicar o seu esforzado compromiso cos movementos sociais nos que se inserta e ata enrocha, pero a sociedade civil, a enerxía cívica, a conciencia do país, transcende ese segmento e hoxe, en moitos casos, dálle as costas porque non se recoñece nel, traducíndose esa situación nunha multiplicidade fragmentadora, e por veces encanallada, que impide calquera avance. Os ocos deixados son aproveitados por outros.

Aumentarán en caso contrario os nacionalistas cívicos orfos, que non terán forzas políticas a quen votar, nin con quen comprometerse

Aumentarán en caso contrario os nacionalistas cívicos orfos, que non terán forzas políticas a quen votar, nin con quen comprometerse, se ben poderán construír país modestamente desde o seu ángulo, dende a súa leira, agardando contribuír á xeración da masa crítica precisa que alente o cambio que o nacionalismo organizado non é quen de propiciar. Pero farano tamén desde certa sensación de impotencia, de esforzo pouco rendibilizado e mesmo laiándose de tanta “recompensa” co desdén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.