Nacionalismo electrointensivo

Instalacións de Alcoa en San Cibrao Dominio Público CIG

O mesmo que non pido a continuidade de Ence en nome dos traballadores da multinacional celulósica tampouco podo pedir privilexios públicos para esta multinacional e menos ainda por ser grande consumidora de eletricidade

Entrementres os turistas e romeiros deslumbran coas xanelas de aluminio do casco monumental compostelán, nas tendas non se atopa unha tixola que non leve o prolífico metal e unha nai le abraiada do perigo desta neurotoxina presente en todo, desde as vacinas ate os dentífricos, que afecta aos nosos miolos con níveis moi altos en pacientes de Alzheimer e cancros.. entrementres Néstor Rego, o nacionalista que acaba de recuperar unha cadeira no Congreso, rexistra como primeira iniciativa a urxencia do Estatuto da industria eletrointensiva co fin de garantir o mantemento dos postos de traballo de Alcoa-San Cibrao, complexo adicado á produción de Alúmina-Aluminio e outras externalidades

Non vou ser eu quen deixe de me solidarizar cos traballadores de Alcoa e con toda a Mariña luguesa. Faltaría máis. Pero o mesmo que non pido a continuidade de Ence en nome dos traballadores da multinacional celulósica tampouco podo pedir privilexios públicos para esta multinacional e menos ainda por ser grande consumidora de eletricidade.

Pode o nacionalismo galego darlle as costas á chegada da bauxita polas portas abertas ao mar da piratería occidental? Bauxita procedente da costa dos escravos

Que tipo de nacionalismo pode entrar no congreso con semellante proposta e apoiar a un tempo as manifestacións internacionais -nas que Galiza fai parte activa- que demandan medidas efectivas para deter o cambio climático?. Nacionalismo eleitoralista, burgués, colonizado? Que proposta de nazón espella a petición do nacionalismo galego ao governo español para favorecer ao xigante estadounidense do aluminio Alcoa por despilfarrar enerxía elétrica a custa do erario público? Foi para iso que nos desfixemos de Inespal, da industria española do aluminio? Canda menos esta era pública. Que nacionalismo solidario é aquel que acepta gasoductos para reducir os custes dunha empresa estranxeira que trae ese pó albo de terra roiba do colonialismo da Guiné Conakri? Pode o nacionalismo galego darlle as costas á chegada da bauxita polas portas abertas ao mar da piratería occidental? Bauxita procedente da costa dos escravos, terra rica en minerais, diamantes, ouro e aluminio do que seu povo fuxe en pateras cara o noso mundo expoliador e xenófobo. Pateras de bauxita para un nacionalismo miope.

Esa Guiné que, á morte de Sekou Turé, líder do anticolonialismo, voltou ser expoliada polas larvas do norde. Terra dos ghinawen, da xente queimada tamén pola epidemia do Ébola, ese virus de raigames biotecnolóxicas da europea Marburg. (A guerra bacteriolóxica de control xeopolítico). 

Electricidade a borbollóns para os lambiróns que esfregan xa as maus de luva verde en reviravolta lucrativa ecofascista?. 

Electricidade a borbollóns, porque ser nacionalistas obríganos a incentivar das arcas públicas á multinacional de Cervo que deslocalizou xa os seus negocios de A Coruña e Avilés e segue a pedir privilexios estatais

O nacionalismo reclama no Congreso, e en defensa da nazón galega, a electricidade a borbollóns para que unha empresa estranxeira se lucre no mercado global co aluminio das tixolas, xanelas, portas, tubaxes, fibra, automóbiles, a metade dos utensilios de cociña, láminas papeis, envases, dentífricos... ate as lixeiras bicicletas, no canto de defender un programa de industria ecolóxica galega alternativa a este abuso. Entramentres, nas palestras do capitalismo verde defenden o consumo responsabel e incluso permítense criticar os préstamos ás empresas da megaminería nos suplementos dominicais.

Electricidade a borbollóns, porque ser nacionalistas obríganos a incentivar das arcas públicas á multinacional de Cervo que deslocalizou xa os seus negocios de A Coruña e Avilés e segue a pedir privilexios estatais como ese Pai Larva do videoxogo que cando lle arrecadamos os seus fillos é para comelos de contado. 

Será esa economía circular a noria na que a Galiza e a Guiné como larvas cativas moeremos o pó branco para aluminizar o planeta e abrillantar as xanelas dos mercados?. Entrementres os nacionalistas para non deslumbrar na noite, coas curtas sempre acesas, ano tras ano, no Coliseo dos Insensatos, a defender a un tempo o escravo e a tralla.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.