Mirando o dicionario, di que nativo é quen nace no lugar, pero tamén quen se fai nel pola circunstancia que sexa, ou, en xeral, quen pertence a el. Aínda máis, contando con que ese facerse é debido á vontade de quen se fai.
Nativo ése, pero tamén se consolida máis por enfrontamento ó foráneo, sexa visitante, turista, veraneante, alleo... Aínda que cada un deses cualificativos teña matices diversos, que os diferencian entre si a pesar das cousas que podan aglutinalos. E aínda que eses cualificativos determinen clases que se solapan entre si. Ó fin, son máis determinantes en xeral as diferencias dese conxunto cos 'nativos'.
O nativo pertence (pertencemos) ó lugar máis que o lugar lle (nos) pertence, o que pode ser certo ou non en sentido de propiedade capitalista, e aínda que o sexa no sentido de estar imbricado en nós, determinando nosos sentimentos, guiando nosos pensamentos. Ou é que pensa e sobre todo, sente, o mesmo sobre a illa Pancha ou a Torre dos Moreno un nativo que un forasteiro?
Unha nota: non é o mesmo nativo que local. Por exemplo, o local pode coñecer un lugar, mentres que o nativo aporta o sentimento de pertenza.
Outra nota: hai nativos que non o aparentan. Son nativos de nacemento, pero non pertencen ó lugar, teñen sido contaxiados de xeito que as cousas 'de aquí' lles parecen alleas no mesmo sentido que se pasaran oito pobos máis aló, a menos que os toquen directamente. Naceron, pero se teñen comunidade aquí é só para sacar beneficio particular, non cun sentimento de beneficio común. Son un grupo que cada vez aumenta máis, e que se deixa ver máis (e os efectos que leva consigo esa visión) a medida que van ocorrendo fenómenos como a xentrificación das vilas ou a destrución da costa. Un fenómeno que vai cambiando a mentalidade xeral. Ou, non cambiou a idea xeral da sociedade sobre un símbolo ribadense como a Torre dos Moreno dende que o capital privado foi tomando a iniciativa e a propiedade? Non cambiou a visión sobre un emblema como a illa Pancha dende que foi permitida a privatización de parte dela e o funcionamento duns apartamentos e cafetería?
A invasión forasteira no verán supón un cambio pola ocupación do lugar, que varía en si, no uso, nas oportunidades para quen é veciño todo o ano (os ocasionais non teñen nin referencia para valorar os cambios) en troques de usuario pasaxeiro. Un cambio que pon patente a diferencia entre nativos e visitantes.
Para os nativos, o común, o comunitario, é tamén propio, e débeselle coidado. Se se privatiza, alléase e pasa a ser algo totalmente diferente. Nativo implica comunidade. En pensamento e cohesión. Con diferencias, si, diferencias enriquecedoras e conflitos ineludibles, tanto no pensamento como na cohesión. Pero con sentimento superior e consciente dunha unión, ás veces querida, ás veces só debida.
Se o propósito é a ganancia e o 'éxito', canta máis rivalidade e 'un mesmo', mellor. Nese caso, pode non serse visitante, mais como apuntei antes xa non se é nativo porque se considera un por riba 'desas cousas' locais, que, por contra, son os fundamento das más xerais, nunha sociedade máis extensa.
Un lugar de vida chamado 'casa' pode selo para os veciños, pero dificilmente no mesmo sentido para os turistas. Ou sinxelamente, para os non locais.