NAZA. No cerebro dun xenocidio

Imaxe do documental 'Naza' ©

A construción de Israel non foi a empresa luminosa que moitos quixeron imaxinar. E é que Israel xamais percibiu os palestinos como unha poboación estruturada e lexitimamente estabelecida, e despregou contra eles un impresionante arsenal represivo que inclúe detencións e expulsións masivas, malos tratos, torturas e asasinatos, limitacións das liberdades políticas, anexións, demolicións de vivendas e destrucións de vilas

A construción de Israel non foi a empresa luminosa que moitos quixeron imaxinar. E é que Israel xamais percibiu os palestinos como unha poboación estruturada e lexitimamente estabelecida, e despregou contra eles un impresionante arsenal represivo que inclúe detencións e expulsións masivas, malos tratos, torturas e asasinatos, limitacións das liberdades políticas, anexións, demolicións de vivendas e destrucións de vilas, a imposición dunha nova toponimia etc.

En Cisxordania, convertida nun territorio trufado de asentamentos de colonos (preto de 150 e interconectados por estrada) e de centos de postos de control do exército, parece que Israel, no marco da súa política de limpeza étnica, conseguiu facer inviábel a construción dun Estado palestino. O territorio de Gaza, pola súa banda, ten 360 km2, é dicir, unha extensión non moi superior á do Concello de Lugo. Alí, as condicións de vida xa eran terroríficas moito antes do 7 de outubro de 2023, cando Hamas e outros grupos palestinos fixeron unha carnaxe en territorio israelí con 1.219 asasinados (dos cales máis de 800 civís) e 251 secuestrados. Cunha densidade de poboación que multiplica por máis de 40 a de Galiza, naquel territorio bloqueado e ocupado de facto por Israel non había nin un só indicador de desenvolvemento aceptábel. Era, xa daquela, un lugar literalmente inhabitábel.

A mera exposición desta situación adoita ser desautorizada por Israel como antisemita; reacción que non pode ser entendida cabalmente sen termos en conta a idea de que a shoah foi un acontecemento que provocou entre os xudeus –seis millóns dos cales, non o esquezamos, foron aniquilados– un sufrimento específico e máis intenso que o das demais vítimas dos nazis. Este excepcionalismo etnonacionalista é indisociábel do pretendido carácter ontoloxicamente especial do pobo xudeu –o pobo elixido–, que sería titular de dereitos igualmente especiais. Enténdese así que o sionismo, nado como un movemento de salvación fronte ao antisemitismo, acabase amosando axiña a súa anacrónica faciana supremacista e colonial que xustifica a violencia extrema. Na burbulla en que semellan vivir hoxe os israelís imperan o medo e o silencio cómplice, os palestinos están invisibilizados, a ocupación, o apartheid e mais a limpeza étnica están plenamente normalizados e apenas hai espazo nin para o sentimento de culpa nin para a compaixón.

Para faceren o documental NAZA (acrónimo do termo hebreo nezek agavi, que significa dano colateral, con que o exército israelí se refire ao número de mortos civís que vai producir un ataque), os directores Yuval Abraham e Rachel Szor, entrevistaron 24 militares israelís que, tras o 7 de outubro, participaron no castigo colectivo contra a poboación gazana

Para faceren o documental NAZA (acrónimo do termo hebreo nezek agavi, que significa dano colateral, con que o exército israelí se refire ao número de mortos civís que vai producir un ataque), os directores Yuval Abraham e Rachel Szor, que xa traballaran no moi premiado No Other Land (2024), entrevistaron 24 militares israelís que, tras o 7 de outubro, participaron –a meirande parte deles en tarefas de intelixencia– no castigo colectivo contra a poboación gazana cuxas vítimas ascenden a 75.000 mortos –a meirande parte deles civís, incluídos polo menos 20.000 nenos–, máis de 175.000 feridos e 1,9 millóns de desprazados. A maioría destes militares son, paradoxalmente, membros da clase media progresista contraria ao primeiro ministro Benjamin Netanyahu.

O anguriante documental, coproducido por The Guardian, engádese así ao material probatorio que fai xa totalmente imposíbel negar os gravísimos delitos cometidos por israelís que, dun xeito perfectamente consciente e intencionado, violando masivamente os valores morais básicos e amosando a faciana hipertecnolóxica da maldade, mantiveron en marcha a maquinaria de exterminio do seu país dirixida contra miles de obxectivos deshumanizados, reducidos a simples NAZA. Israel controla por completo a infraestrutura de telecomunicacións de Gaza, pode manter a poboación perfectamente vixiada e, mediante o uso da intelixencia artificial, montar unha eficiente estrutura de cálculo, planificación e implementación para o asasinato a grande escala de civís –todos eles perdas aceptábeis, posto que son vidas sen valor–, é dicir, un sistema xenocida que funciona coa fría e covarde rutina burocrática e coa asepsia técnica que se desenvolve ante as pantallas dos computadores; ou coa adicción que, ante esas mesmas pantallas, provoca a diversión dos videoxogos. O mal, isto xa o sabiamos, pode ser así de banal.

A xulgar pola reacción das elites políticas israelís –gobernamentais e da oposición–, o documental deu no albo

A xulgar pola reacción das elites políticas israelís –gobernamentais e da oposición–, o documental deu no albo. Considerado unha ameaza contra a seguridade nacional, reflectiría o autoodio de Abraham e Szor, que residen agora fóra do seu país para preservaren a súa integridade física. Netanyahu propuxo a perda forzosa da nacionalidade israelí de ambos e ordenou unha investigación por delitos graves contra a seguridade de Israel, entre outros. Manifestantes de extrema dereita xuntáronse ante a casa dos pais de Szor para esixiren a pena de morte para os xornalistas. Os mesmos medios dominantes que espallaron a idea de que en Gaza non hai persoas inocentes retratan a Abraham e Szor como traidores e inimigos do Estado. E os xefes militares, á fronte do que seguen a cualificar de «exército máis moral do mundo» –como repite o documental propagandístico NAZA. A historia real, que Israel está a difundir na internet para desacreditar o traballo de Abraham e Szor–, denunciaron as supostas falsidades de NAZA.

Yuval Abraham e Rachel Szor procuran afastarse da tradición israelí de «yorim ve bochim» («disparar e chorar»), é dicir, de retratar soldados que se arrepinten de levaren a cabo accións moral e legalmente aberrantes; soldados que só fan exame público de conciencia cando o mal xa está feito, procurando redimirse pero sen asumiren unha responsabilidade persoal ou instar a persecución xudicial de quen impartiu as ordes. En NAZA só hai tres ocasións en que se intúe a manifestación dun certo remorso. Abraham e Szor non se interesan tanto polos valores morais e as ideas políticas dos perpetradores, que parecen verse a si mesmos, no mellor dos casos, como meros elos dunha cadea; fíxanse moito máis nos seus actos. Quedan fóra do documental os testemuños das vítimas, que Israel mantén fóra do alcance do xornalismo de investigación e cuxas experiencias intentan reflectir docudramas como o imprescindíbel Sawt Hind Rajab, de Kaouther Ben Hania (2025).

Todas as entrevistas de NAZA foron filmadas en terrazas e de noite. Poucas cousas hai máis escuras e permanecen máis ocultas que a dexeneración moral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.