Necesitamos un tren eficaz que sirva para os desprazamentos cotiáns

Estación de tren CC-BY-SA Praza Pública

Necesitamos un tren que non teña que ser substituído por traslados en autobús por mor de mal mantemento de vías e vehículos, necesitamos máis persoal ferroviario e a recuperación de frecuencias eliminadas. Necesitamos un tren que vertebre o territorio e que cumpra a súa obrigación de servizo público para todos.

O 21 de decembro de 2021 entra en funcionamento o último tramo da liña de alta velocidade que une Ourense con Madrid. Desde a compañía pública ferroviaria anúncianse estes cambios como grandes melloras e avances para os viaxeiros, pero a realidade é que os usuarios sofren, cada vez máis, anomalías nos seus desprazamentos habituais na rede de media distancia, nas liñas convencionais e na rede de ancho métrico (antiga Feve). 

Os investimentos durante os últimos anos centráronse de maneira imperante nas liñas de alta velocidade e as liñas ferroviarias de Galicia que non forman parte do Eixo Atlántico sofren do esquecemento:

Ao fondo, viaduto para o AVE en construción nas proximidades de Puebla de Sanabria visto desde as vías convencionais CC-BY-SA Praza Pública

A liña A Coruña-Lugo-Monforte sofre unha continua eliminación de frecuencias que fai ineficaz o tren como transporte alternativo ao vehículo privado motorizado. Isto provoca que a cidade de Lugo teña unha exigua oferta de trens.

No caso da liña do Miño, tan só existe un tren diario en cada sentido entre Vigo e Ourense, o que impide que este medio sirva para o seu uso cotián.

E nas últimas semanas, liñas como A Coruña-Ferrol tiveron que prestar os seus servizos utilizando autobuses por problemas técnicos. O mesmo ocorreu coa liña de Feve entre Ferrol e Ribadeo, que sofre continuamente avarías nos trens, ademais de falta de persoal que rexistre o número real de viaxeiros, ao que se suma a redución de frecuencias.

O continuado peche de estacións segue representando un retroceso na utilización dun medio sostible como é o tren. Na provincia de Ourense tan só permanece aberta a estación da capital, feito representativo do abandono do tren convencional. É significativo que a única estación da provincia que prestará servizos, aparte da situada na capital, é a nova estación da Gudiña, que servirá exclusivamente para o Ave.

O 21 de decembro tamén entran en funcionamento os novos horarios no Eixo Atlántico para "adecualos" -segundo Renfe- ás conexións desde Ourense a Madrid. Este cambio está a ter unha protesta social dos usuarios que utilizan habitualmente a liña A Coruña-Santiago-Ourense, xa que saen prexudicados á hora de acudir aos seus postos de traballo.

Doutra banda, viaxar coa bici no tren, algo moi estendido en Europa, segue sendo moi difícil nos trens de Renfe e mesmo cada vez vólvese máis complicado. Se fai uns quince anos os trens que unían A Coruña e Ferrol dispoñían de espazo para bicicletas, actualmente non é posible levala.

Pero o que é máis inexplicable, é a política de Renfe de permitir levar bicis en función do nome comercial co que circule o tren, aínda que dispoña de espazo específico para levalas. Desta maneira, os vehículos eléctricos que prestan servizo ao Eixo Atlántico e ao tramo Santiago-Ourense, aínda que dispoñen todos eles de espazo específico para levar tres bicicletas, tan só permiten levalas se circulan co nome comercial de "Media Distancia". No caso de que circulen denominándose "Avant" (aínda sendo o mesmo tren á mesma velocidade) non permiten levar bicis, polo que o espazo específico para elas viaxa baleiro.

Nova estación da Gudiña-Porta de Galicia, que agora entrará en servizo © Adif

Desde VERDES EQUO Galicia esiximos un cambio nas políticas de Renfe, que converta ao tren nun medio accesible para todos, tamén no medio rural polo que discorren as súas vías.

Galicia necesita que as liñas caídas no esquecemento reciban investimentos e sirvan como eixo vertebrador cara a unha mobilidade sostible. Necesítase máis contratación de persoal, como veñen demandando desde hai tempo os sindicatos ferroviarios. A implantación do tren de proximidade en liñas como A Coruña-Ferrol é unha demanda social que permitiría reducir as emisións de CO2 nunha área metropolitana de case 400.000 habitantes.

Este 2021, Ano Europeo do Ferrocarril non debe ser o ano no que se deixen morrer liñas ferroviarias estratéxicas para a vertebración do territorio galego. A Alta Velocidade a Madrid non debe provocar o desmatelamiento dos trens que dan servizo ao desprazamento cotián.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.