Neogalego

Un recente libro: “Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual” (Consello da Cultura Galega, 2017), trata unha realidade linguïstica innegábel: a existencia dun galego actual, basicamente urbano, que non se corresponde con ningunha das áreas lingüísticas tradicionais. Unha fala xurdida da situación sociolingüística contemporánea de bilingüísmo obrigado e inelutabelmente influída polo castelán e o galego estándar.

A estandarización dun idioma é un fenómeno imprescindíbel para a supervivencia de calquera lingua no mundo actual, moito máis importante ca o seu número de falantes, e similar ao seu recoñecemento legal nun determinado territorio. Leva sempre consigo un grande avance no seu desenvolvemento como meio de comunicación, mais tamén a consecuencia negativa dunha perda gradual e inexorábel da súa variación dialectal. É o galego non vai ser unha excepción. Ende mal, a estandarización da nosa lingua é relativamente recente e ten en contra a súa non aceptación total. Algo parecido sofreu o basco, onde o éuscaro batua foi contestado polos defensores dos diferentes “euskeras” vivos como invento sen falantes reais que remataría co verdadeiro éuscaro –algo que nunca se lle achaca ao estándar castelán ou de calquera outra lingua de prestixio–. O catalán tivo a sorte de se estandarizar con anterioridade e dotarse dunhas normas en 1932, tamén de non perder a súa referencia da lingua medieval coma si sucedeu co galego, pero así e todo tamén tivo e ten a súa réplica por parte dos partidarios de diferenciaren as diferentes variedades –algo que non se reivindica para as variedades do castelán–.

Mais cales son as características máis rechamantes do neogalego? Dado que se trata en esencia dun galego adquirido por falantes de lingua castelá con gran concienciación galeguista, é no apartado fonolóxico onde máis se nota o influxo da lingua inicial, no caso desa maioría de castelanfalantes: transformando o seu galego nun sistema de cinco vogais, pois maioritariamente pérdese a distinción das vogais medias; e tamén a miúdo coa perda dos fonemas consonánticos fricativo palatal xordo /ʃ/ e nasal velar xordo /ŋ/ convertidos en /s/ e /n/ respectivamente; ademais da omisión total de seseo e gheada, malia que os neofalantes poidan vivir en plena zona de ambos os fenómenos; e a non elisión da vogal átona E ante a vogal seguinte ou a unión das mesmas vogais cando coinciden, fóra das contraccións recollidas na escrita. É dicir, axeitando a pronuncia galega á propia do castelán, agás na entoación, que é esencialmente galega coma sucede mesmo na maioría dos castelanfalantes monolingües galegos.

Tamén na área morfosintáctica se nota a influencia do castelán coa má colocación dos pronomes átonos, a equivocación no uso dos pronomes che/te, a utilización abusiva da preposición a + OD, e inclusive o emprego de tempos compostos etc. Mais tamén se dá unha recuperación de formas morfosintácticas en extinción: plurais das palabras agudas polisilábicas acabadas en –L, tempos verbais de Futuro do Subxuntivo e de Infinitivo Conxugado, anteposición dos pronomes perante o Infinitivo, resposta afirmativa con forma verbal etc.

E, sobre todo, hai algo moi positivo no campo do léxico, onde hai unha evidente mellora cun maior uso de vocabulario patrimonial, proveniente do estándar galego, en declive no galego popular rural ou mesmo hai tempo desaparecido a favor dos termos correspondentes casteláns. Incorporando moitos vocábulos inusitados no galego oral dos últimos séculos: Deus (Dios), pobo (pueblo), ar (aire), igrexa (i(g)lesia), mao/má (malo/mala), espazo (espacio), graza (gracia), reloxo (reló), estrada (carrete(i)ra), liberdade (libertá), cor (color) etc.; e unha chea de neoloxismos descoñecidos polo galego oral popular: beirarrúa, beiravía, orzamento, chinés, noruegués, mamila, peonil, salón de peiteado, pano de mesa, illa etc.

Coido que o neogalego vai moi unido ao aspecto visual da lingua, xa que non é casual como ao mesmo tempo que descende o número de falantes vaia crecendo o de leitores: xamais houbo tanta xente capaz de ler e escribir en galego coma hoxe. Os neofalantes aprenden a lingua sobre todo a través do galego escrito, que constitúe a súa principal referencia do idioma, que non a única. Isto explica porque teñen un mellor uso do léxico patrimonial ca os falantes vellos, tradicionalmente afastados do galego escrito. Mais esta referencia gráfica tamén explica a gran castelanización fonémica dos neofalantes, que aplican as regras de pronuncia aprendidas en castelán ao leren en galego, polo que unha ortografía estándar que non marca a maior ou menor abertura das vogais medias non axuda na asunción da súa pronuncia, mentres que as máis evidentes presenzas gráficas do X e do dígrafo NH contribúen mellor á súa pronunciación específica, aínda que non sempre. Por tanto, o neogalego vai, daquela, moi unido á asunción do galego estándar, e tamén do reintegracionismo para unha parte dos neofalantes, como modelos lingüísticos para o uso oral.

E quizais a TVG sexa a referencia oral máis importante do neogalego, como meio difusor principal en galego, onde xunto ao galego oral expontáneo e castelanizado dos paisanos que aparecen no meio, hai outro, o usado polos profesionais, máis formal e estandarizado que vai espallando as solucións morfosintácticas do estándar pero que ao mesmo tempo divulga unha fonética menos enxebre, máis achegada ao castelán.

Loxicamente o neogalego, propio do mundo urbano e de neofalantes, vai ir medrando dentro das variedades do galego conforme as variedades rurais vaian desaparecendo e o galego deveña en lingua minoritaria de Galiza, tal como antes sucedeu nas demais comunidades bilingües españolas. Coa inexorábel desaparición do mundo rural –algo que está a ocorrer xa mesmo–, a tradicional división dialectal do galego por bloques terá de ser revisada, porque o galego sobrevivente nas grandes vilas e cidades vai ser bastante homoxéneo en comparación co galego rural por mor do castelán e do estándar galego, este último inexistente cando se fixeron os estudos dialectais que deron lugar á clasificación tradicional.

No galego futuro, tal como indican todos os estudos feitos, desaparecerá todo o vocabualrio que non está recollido nos dicionarios e a morfosintaxe non normativizada nas gramáticas. Pois é evidente que o galego, seguindo o camiño dos demais idiomas estandarizados, vai ser unha lingua moito máis uniforme en todos os seus aspectos léxicos e gramaticais. O neogalego é o exemplo máis nidio disto. Así e todo, tampouco é unha fala estritamente uniforme, pois tan neogalego é o falado polos que seguen o modelo estándar oficial coma o usado polos que seguen os ditames do reintegracionismo, dado que ambas as falas se distancian en menor ou maior medida da fala oral popular, moi castelanizada morfosintáctica e lexicamente. En concreto, o reintegracionismo amosa un neogalego moi marcado, recuperando ou revitalizando formas e solucións hai moito desaparecidas ou en extinción (sufixos –zón/–son e –zóns/–sóns ou –zois/–sois [representados coa súa pronuncia, non coa súa ortografía], qualquer/quaisquer, escrever, receber, perceber, perfeito, correto, acidente, ocidente etc.) e incorporando innovacións procedentes do portugués (pl.: úteis, hábeis…, piorar, apresentar, inovar, órgao, imenso, hino etc.), sendo este o substituto do castelán como lingua modélica e fornecedora de neoloxismos (deslocar, ultrapassar, beterraba, amendoim, telefone, tabagismo, assassínio, are/hectare, cena/cenário, guardanapo etc.). Porén, tanto nos seguidores do estándar oficial coma nos do reintegracionismo hai graduación no uso dos respectivos modelos, mercé á interferencia tanto do galego oral popular coma do castelán, ambos os dous como posíbeis linguas iniciais dos falantes.

Comparto a opinión do lingüísta Johannes Kabatek cando di que “os núcleos do galego renovado, tanto urbano como rural, están en clara minoría. Pero estes núcleos son a forza do idioma, os seus falantes poden ser os garantes do futuro da lingua, sobre todo se non van en retroceso senón en expansión”. O exemplo do basco deberíanos servir como motivación, pois partindo dunha situación inicial moitísimo peor ca a nosa vai conseguindo aos poucos máis falantes, máis implantación territorial e maior prestixio no seu territorio. E todo isto grazas, principalmente, ao labor dos neofalantes do outrora atacado “éuscaro batua” ou basco unificado.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.