Nin cen días nin cen horas

Non foi necesaria a intervención dunha brigada de información para rastrexar 30.000 chíos dos últimos anos coma no caso de Zapata. Tampouco foron respectados os 100 días de tregua que forman parte das normas non escritas dos sistemas democráticos europeos. Aínda non pasaran 100 horas dende a súa toma de posesión e os novos alcalde da Coruña e Santiago xa aturaron fortes descualificacións por non acudir aos actos da chamada “Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Señor Sacramentado” celebrados na cidade de Lugo.

Aínda non pasaran 100 horas dende a súa toma de posesión e os novos alcalde da Coruña e Santiago xa aturaron fortes descualificacións

Algúns dirixentes e cargos públicos do PP e do Partido Socialista encabezaron a campaña mediática convenientemente acompañados dunha boa parte dos habituais analistas de garda. Para uns foi un desprezo intolerábel sufrido pola comunidade cristián galega. Para outros resultou unha desconsideración grave coa cidade lucense. E houbo, tamén, un argumento compartido por todos eles:a non asistencia de Xulio Ferreiro e Martiño Noriega representou o inaceptábel incumprimento dunha tradición identitaria. Non estabamos só ante un agravio infrinxido ás crenzas relixiosas senón, ademais, ante unha traizón a esta vella práctica incorporada aos hábitos sociais e institucionais.

Para estes cruzados contemporáneos, as promesas contidas nos programas electorais dos novos gobernos non tiñan poder lexitimador suficiente para xustificar o seu comportamento. Claro que se fixeran algo distinto do que prometeran, daquela os ataques serían formulados cunha prosa diferente:estariamos, nese caso, ante a primeira proba da incoherencia e insolvencia políticas dos novos mandatarios municipais.

Que lugar debe ocupar a relixión na sociedade? Velaí a pregunta que cómpre responder

Que lugar debe ocupar a relixión na sociedade? Velaí a pregunta que cómpre responder se queremos ter un debate construtivo e non un acelerado axuste de contas promovido por aqueles que non son quen de asumir a contundencia da derrota sufrida no 24-M. O papel da relixión debe estar determinado por dous principios. O primeiro é a liberdade para se adheriren a unhas determinadas crenzas relixiosas, asociárense en diversas Igrexas, participaren no culto correspondente, expresaren publicamente ideas relixiosas ou concepcións agnósticas ou ateas. O segundo principio é o da independencia das Igrexas respecto ao Estado e deste en relación con aquelas.

As formacións políticas que ofrecen proxectos transformadores non poder asumir acriticamente  todas as tradicións que integran a herdanza recibida dos nosos devanceiros

Polo demais, as formacións políticas que ofrecen proxectos transformadores non poder asumir acriticamente  todas as tradicións que integran a herdanza recibida dos nosos devanceiros. A identidade dunha sociedade concreta non está definida dunha vez para sempre. Evolúe mediante o exercicio libre e creativo das persoas que conforman ese corpo social. Nese sentido, hai tradicións concretas que deben ser rexeitadas ou fondamente modificadas. Defender, hoxe, no nome do mantemento dunha identidade colectiva, prácticas que consagran a subordinación da muller, celebracións baseadas exclusivamente no maltrato de animais ou actos relixiosos que involucren expresamente ás institucións políticas representativas, non sería de recibo para quen desexamos construír proxectos de vida en común non debedores de hipotecas históricas que non se compadecen cos valores dunha sociedade democrática avanzada do século XXI.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.