Nin cos bos, nin cos malos

CC-BY-SA Praza Pública

Un coñecido contoumo o outro día. O seu avó, adulto novo na guerra civil, respondía cando el lle preguntaba con quen loitara: 'Non loitei nin cos bos nin cos malos'

Un coñecido contoumo o outro día. O seu avó, adulto novo na guerra civil, respondía cando el lle preguntaba con quen loitara: 'Non loitei nin cos bos nin cos malos'. A cousa pódese interpretar, pero a verdade ía con sordina e con sorna xogando coas palabras. Entre ‘o bo’ e ‘o malo’ estaría ‘o regular’: loitara integrado nun batallón de Regulares. E como se lembrará, os Regulares, corpo do exército español creado no 1911 e combatentes no Rif, participaron na guerra civil integrados no exército franquista. É dicir, poderíase interpretar que non importaba que os do propio bando foran bos ou malos. Sinxelamente, en xeral, aplicábase iso de que eran os 'meus'.

Grupo de militares golpistas, durante a guerra civil, en Cáceres en 1936 © Javier García-Téllez

Non sei nin quixen preguntar máis sobre as circunstancias particulares dese home nin o que podía entender el por bos ou por malos na guerra civil. Para o que vén ó caso, pouco importa. O que importa é que esa actitude, en teoría de non toma de partido, implica ao menos un dobre engano, quizais máis que implícito, autoinducido. Primeiro no sentido de que non é que o home non loitara, como parece indicar o descarte que fai no enunciado da resposta, senón que si que loitou, logo encadrado nun bando. E segundo, porque non especifica a identidade de bos e malos, referida en relación á mentalidade de quen é contertulio, mais tampouco o especifica en relación á súa propia mentalidade, á súa idea. Non só se trata entón dun engano para o resto da xente, senón dunha negación e engano que é interior a quen propón a resposta. Mais o esquema de bos e malos está presente (estaba e está), e actuando: de feito, a resposta establécese neses termos, de bos e malos.

É algo que parece que se volve levar moito hoxe en día e que representa un aliñamento tácito co poder, co que se percibe como poder, claudicando antes de poñer en práctica que as persoas somos o poder e que ese poder poténciase coa unión

Dun avó para un neto, unha resposta enxeñosa dunha vez, pode resultar un motivo dun sorriso, pero para o conxunto social, a construción da resposta e a súa asimilación representa unha toma implícita de partido. Diríase que por inacción, por non querer actuar para definirse. Pero só é unha inacción mental, quizais desencadeada por un espírito de supervivencia, de submisión a un poder que se ve como perigoso. Pode. Ó fin, é algo que parece que se volve levar moito hoxe en día e que representa un aliñamento tácito co poder, co que se percibe como poder, claudicando antes de poñer en práctica que as persoas somos o poder e que ese poder poténciase coa unión. E así nos vai.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.