Nin medo nin derrotismo

Lula da Silva, nun dos últimos actos da campaña do segundo 'turno' das eleccións brasileiras, nas que deu a 'virada' aos resultados © Lula

Após os días de loito pola terríbel traxedia de Toledo, unha deletérea mestura de medo e derrotismo paira sobre o campo de batalla da precampaña. Nin todo está feito nin todo está dito se a esquerda e o soberanismo son quen de colocar as cousas na súa xusta perspectiva

Após os días de loito pola terríbel traxedia de Toledo -tristeza e dor non respectadas nin por Abascal nin por Feijoo, que aínda non se rescataran todos os corpos e xa andaban a trabar na xugular de Sánchez-, unha deletérea mestura de medo e derrotismo paira sobre o campo de batalla da precampaña, ese perfume de xa todo está feito, xa está todo dito. Hai algo de racional niso, claro, mais tamén moito de visceral, de raiba tan comprensíbel como cegadora perante tantas perdas humanas irreparábeis. E o asunto é que, aínda que dicer isto sei que é remar contra corrente, quero manifestar aquí que nin todo está feito, nin todo está dito.

Nin todo está feito nin todo está dito se a esquerda e o soberanismo -e non me refiro só ás forzas políticas, senón ao corpo social que se identifica con unha e outra- son quen de colocar as cousas na súa xusta perspectiva. Urda non mudou o esencial do asunto e o asunto continúa a ser se o 29N ten sentido apostar no retroceso como  saída ao actual estado de cousas. Xestiona mellor a dereita (Prestige, Angrois, os pavorosos incendios forestais, a DANA...) as catástrofes? Os servizos públicos? A economía? A distribución do poder político entre os entes subestatais, val dicer, as chamadas comunidades autónomas? A política internacional? A relación cos Estados Unidos e Israel, a xenocida terminal do imperio en Oriente Próximo? O asunto aquí é se o 29N queremos colocar Feijoo como presidente e Abascal como vicepresidente. O asunto aquí é se o 29N queremos españolismo puro e duro en Madrid ou outorgámoslle máis forza ao nacionalismo galego no parlamento do Estado.

Pecaría de inxenuo se postulase que é doado achar antídotos, mais tamén sería inexacto dicer que nos abocamos fatalmente ao peor dos desenlaces e que a virada é un imposíbel (o que é imposíbel é non pensar en Lula). Dito doutro xeito: aínda fica marxe para lle darmos a volta

É obvio que non hai nada que facer se a xente votar con medo e derrotismo e é obvio que a imprensa amiga do dueto PP-Vox leva alimentando esa atmosfera con inquéritos adubados por cociñeiros antiTezanos desde practicamente o comezo da lexislatura. O medo paraliza e o derrotismo desmobiliza, a combinación perfecta para o triunfo da reacción. Pecaría de inxenuo se postulase que é doado achar antídotos, mais tamén sería inexacto dicer que nos abocamos fatalmente ao peor dos desenlaces e que a virada é un imposíbel (o que é imposíbel é non pensar en Lula). Dito doutro xeito: aínda fica marxe para lle darmos a volta.

Por exemplo: Iván Redondo, que nesta precampaña está asumir o papel que en 2023 interpretou magnificamente Zapatero, acaba de facer unha proposta ben interesante: sendo que a liberalización do transporte ferroviario ten sido máis un fracaso do neoliberalismo, renacionalizemos os camiños de ferro, algo que, por certo, xa fixo o Reino Unido no seu tempo.

Esta é a clave no campo da esquerda. Non tanto axitar o espantallo de velaí vén Abascal como vicepresidente, non tanto gabarse das boas cifras macroeconónicas, senón facer propostas en positivo, mostrar o roteiro do futuro e ofrecer solucións (realistas e viábeis) aos problemas sociais máis prementes, nomeadamente o da vivenda

Penso que esta é a clave no campo da esquerda. Non tanto axitar o espantallo de velaí vén Abascal como vicepresidente, non tanto gabarse das boas cifras macroeconónicas (as microeconómicas non dan para sacar peito), senón facer propostas en positivo, mostrar o roteiro do futuro e ofrecer solucións (realistas e viábeis) aos problemas sociais máis prementes, nomeadamente o da vivenda (ollar para Portugal e a plataforma Casas para Viver non sería má estratexia).

Se a bola se situar sobre ese relvado, a dereita extrema e a extrema dereita teñen non poucos problemas porque apenas son capaces de facer propostas e cando as fan ou son inverosímeis (construír un millón de vivendas) ou se se rabuña nelas (a reforma das pensións) acaba por emerxer o fociño do programa oculto reaccionario: a privatización como mantra, a motoserra de Milei en versión carpetovetónica.

Canto ao soberanismo galego, a mensaxe na precampaña é nidia e oportuna. O valor duplo do apoio ao BNG: freo á ultradereita (cunha mocidade galega felizmente cada día máis politizada no combate antifascista) e máis Galiza no Estado. O Bloque medra e, cada día máis preparado para gobernar o país, gaña credibilidade como única alternativa á hexemonía conservadora na Galiza, por ter á vez un programa social e nacional (cousa da que carece o PSdeG-PSOE, cada día máis PSOE e menos PSdeG, como se acaba de ver na súa alianza co PP no novo plano sobre o galego).

O Bloque medra e, cada día máis preparado para gobernar o país, gaña credibilidade como única alternativa á hexemonía conservadora na Galiza

A verdade é que na Galiza, a cousa está clara: non só está en xogo a calidade da democracia e a xustiza social, senón tamén o autogoberno. Non por acaso o españolismo neofalanxista de Vox -único aliado do PP- ten posto o soberanismo no seu albo. É a súa némese e perfectamente pode findar por ser a súa perdición: o auténtico talón de Aquiles do proxecto reaccionario chámase Catalunya, chámase Euskadi e comeza tamén a chamarse Galiza.

A obvia debilidade de Feijoo -cada vez que o entrevistan, o PP baixa en intención de voto- coloca Abascal como o home forte dun eventual goberno de dereita dura no Estado. A día de hoxe este é un dato incontestábel da realidade Mais non estamos condenados a que se materialice. Vai depender de que, cada quen no seu territorio, no seu ambiente familiar e amical, no seu posto de traballo, nas redes sociais, sexamos quen de artellar o noso particular Exército de Lula, sexamos quen de vencer o medo e o derrotismo.

Fágamolo. Consigamos que o propio 29N pola noite, o frustrado vice de Feijoo saia dicendo que lle roubamos as eleccións, a acompañar o ronsel de Trump, Bolsonaro ou o Likud de Netanyahu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.