Ninguén quere saber

No século XVIII naceu na conciencia da cidadanía o desexo de saber. Ou o que é o mesmo: a reivindicación da maioría de idade da Humanidade, farta da tutela eclesiástica. Kant, de feito, cando tivo que explicarlle aos seus coetáneos o que era a Ilustración, dixo que o lema que podía resumila era Sapere aude, ou sexa, Atrévete a saber. Con ese movemento ilustrado comeza a abrollar a necesidade entre a cidadanía de sacarlle ao clero, posuidor absoluto do coñecemento, o patrimonio intelectual. E por iso A Enciclopedia vai convertirse na gran obra desta época e no gran proxecto intelectual no que van comprometerse as grandes figuras filosóficas e científicas do momento. Ao tempo, instaurase con toda a forza a imprenta, cada vez máis entregada á difusión de toda clase de materiais, non só os de uso relixioso e, xa que logo, axuda a que comece unha lenta, aínda que imparable, transmisión do ámbito das verdades das elites (relixiosas e académicas) ao común das xentes.

Esa necesidade de saber é algo consustancial a nós. E por iso, nas épocas difíciles como son as das ditaduras, aparecen sempre, a pesar dos medos, a pesar das posibilidades de morte, a pesar das represións todas, órganos, ata o de agora escritos e hoxe dende a Rede

Esa necesidade de saber é algo consustancial a nós. E por iso, nas épocas difíciles como son as das ditaduras, aparecen sempre, a pesar dos medos, a pesar das posibilidades de morte, a pesar das represións todas, órganos, ata o de agora escritos e hoxe dende a Rede, de expresión cidadá que o que queren é darlle aos que queren saber e o necesitan eses coñecementos alternativos que demandan. Por iso no franquismo a xente sintonizaba na onda curta das radios as emisoras estranxeiras, ou metía clandestinamente (ou editaba, con risco claro para as súas vidas) materiais como revistas e periódicos, ou mesmo libros, nos que atopar outras visións, novas perspectivas, xeitos distintos de analizar a realidade. E datos. Os que aquí se agochaban. Por iso, tamén, as censuras todas e os intentos continuos (agora resucitados por eses políticos que dan roldas de prensa sen preguntas) de impedir que a realidade chegue ás persoas. O poder -ditatorial ou non- sempre prefire que a xente viva nunha nube beatífica de irrealidade feliz (o soma do Mundo Feliz Novo de Huxley, o fútbol de hoxe, o Tele5 de hoxe, o Hola de hoxe) que poñela directamente diante da verdade descarnada. Esta última opción considérase sempre perigosa pois cando a xente sabe adoita avaliar. E logo adoita decidir que non lle gusta o que sabe. E, polo xeral, apostan por cambialo todo de arriba a abaixo.

O poder -ditatorial ou non- sempre prefire que a xente viva nunha nube beatífica de irrealidade feliz

A pregunta que cómpre que nos fagamos agora é se a xente quere seguir sabendo ou quizais xa non. O tópico di que o coñecemento produce dor, así que parecería que é moito mellor non enteirarnos do que pasa e vivirmos felices na tranquilidade infantilizada dos biosbardos. Mais non o é menos, que só dende o coñecemento das cousas e a comprensión da realidade podemos ter unha vida plena e consciente. Unha vida de nós.

A miña sensación é que, en termos xerais, a xente non quere saber. Cando menos iso é o que se conclúe cando un visita as páxinas web que analizan as audiencias da televisión día a día, por mes ou por ano. A canle Tele5, que non destaca precisamente polo formativo ou coidado dende un punto de vista intelectual dos seus contidos, é a líder absoluta, en especial programas como o que fan pola tarde e que é todo un exemplo de idiocia elevada á enésima potencia. Ou se un pasa polo twitter e ve os famosos TT, é dicir, o que á xente lle preocupa.

A miña sensación é que, en termos xerais, a xente non quere saber. Cando menos iso é o que se conclúe cando un visita as páxinas web que analizan as audiencias da televisión día a día, por mes ou por ano

Polo xeral adoitan ser asuntos vanais, frívolos, circunstanciais e absolutamente prescindibles. Ou ben van sobre fútbol, sobre televisión ou sobre as fotos espidas de tal ou cal famosa. Quizais por iso, tamén, os xornais escritos a cada día que pasa son máis delgadiños, con menos análise e máis foto e, sobre todo, máis centrados nos asuntos morbosos (o que se fixo co caso da nena Asunta pasará a historia como un exemplo -falo en termos xerais- de mala praxe xornalística) que en información útil para a sociedade.

Igual non deberiamos renunciar a saber.

A escravitude, incluso política, que nos espera tras tal renuncia, semella inevitable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.