Cando falamos de emprego, e máis se falamos de emprego xuvenil, temos a tendencia a considerar que estar sen traballo, estar en paro, é responsabilidade da persoa que non o ten. Cando falamos de Ninis, persoas que nin estudan nin traballan, aparece un claro compoñente valorativo da súa actitude. Se falamos de excluídos estamos dándolle ao termo unha responsabilidade do conxunto da sociedade e do propio poder que os exclúe. É importante ter clara a situación da mocidade para valorar se son Ninis ou excluídos.
En sete anos perdéronse seis de cada dez horas que habitualmente traballaban os mozos e mozas en Galicia, o equivalente a 120.000 empregos a tempo completo
Se miramos a grandes rasgos a súa situación en relación co emprego, podemos ver que entre o segundo trimestre de 2008 e o de 2015 en Galicia destruíronse o 58,4% das horas que habitualmente traballaban cada semana. En sete anos perdéronse seis de cada dez horas que habitualmente traballaban os mozos e mozas en Galicia, o equivalente a cento vinte mil empregos a tempo completo. Ademais a crise tivo o mesmo efecto destrutor no emprego xuvenil ca reforma laboral: entre 2008 e 2011 a caída foi do 36% das horas e dende 2011 ata agora, foi do 35%. É dicir, unha parte importante da súa situación obedece a unha regulación legal.
A perda de horas de traballo, transformouse en paro e actualmente unha de cada tres persoas mozas está en paro, o 34,2%. Se desagregamos a taxa de paro por tipo de estudos, está parada unha de cada catro persoas que teñen estudos de tipo profesional, un ciclo ou unha titulación universitaria, o 27%, fronte ás dúas de cada cinco que non teñen ese tipo de formación, o 43%.
Un segundo aspecto a introducir é a situación demográfica de Galicia: en 2020, segundo o crecemento vexetativo que tiñamos en 2009, a previsión era unha perda de mocidade equivalente a todos os que había nas provincias de Lugo e Ourense. Parece claro que a primeira prioridade, diante deste cataclismo é poñer as medidas que faga falta para que non se vaia ningún mozo máis.
Pero as claves están no que se fai diante desta situación. O nivel de protección por desemprego, as prestacións que percibe a xuventude parada é alarmante: se en 2011 soamente un de cada cinco mozos e mozas percibía unha prestación, o 21%, no último trimestre foi un de cada dez, o 10%.
Cando en 2009 chegou Feijóo á Xunta, o orzamento que había para políticas activas de emprego era duns 384 millóns de euros, o que supuña un investimento por persoa parada de 3.552 euros. Con estes orzamentos, a mocidade, polo seu peso no conxunto do paro, corresponderíanlle 125 millóns de euros. Cos orzamentos de 2015 os 384 millóns iniciais quedan reducidos a soamente 171 millóns, 601 euros por persoa parada e á mocidade correspóndenlle 45 millóns de euros.
Dende 2008 a mocidade veu como perdía seis de cada dez horas de traballo; os parados que recibían prestación reducíronse á metade e os fondos para políticas activas de emprego que lles corresponden, á terceira parte, este é o escenario que teñen os mozos e mozas en relación co seu emprego. As alternativas que lles quedan son moi reducidas.
Un de cada cinco mozos que traballan faino por menos de vinte horas e tres, cun contrato temporal
Uns emigran. Para marcar ese camiño Feijóo regalaba unha maleta aos sesenta expedientes máis brillantes das universidades galegas e a ministra Báñez regulaba subvencións para cubrir os gastos de procesos de selección noutros países. Outros entran e saen por horas e por días no mercado de traballo: un de cada cinco dos que traballan é por menos de vinte horas e tres cun contrato temporal. Un de cada dez está con un contrato de formación e non sabemos cantos son becarios sen alta laboral na Seguridade Social. Estes son os privilexiados que teñen traballo que non chegan a ser a metade da mocidade. Hai 158 mil ocupados fronte aos 168 mil desocupados. Os máis ou volven estudiar ou botan unha man na casa e a moitos destes son aos que lles chamamos Ninis. É o seu xeito de sentirse útiles.
hai que facer que a estrutura de idades nas empresas sexa similar á da sociedade e nese camiño só dá resultados penalizar o incumprimento
Para saír da situación de exclusión que ten a mocidade, precisamos dar volta ás medidas tomadas. Hai que investir en formación para o emprego e en políticas activas (hai 113 millóns menos) en prestacións para que a xente permaneza nesas políticas. Pero, sobre todo, hai que facer que a estrutura de idades nas empresas sexa similar á da sociedade e nese camiño só dá resultados penalizar o incumprimento. Hai que volver ás xubilacións anticipadas coa súa substitución para dar cabida aos que se lles nega a entrada. O maior risco paro o sistema é que non haxa futuro e coa situación actual da mocidade négase ese futuro.