No ecuador da lexislatura galega

Pleno do Parlamento durante o discurso de investidura de Alfonso Rueda, o 9 de abril de 2024 © Parlamento de Galicia

Estamos a piques de chegar ao ecuador da lexislatura galega xurdida das eleccións celebradas no mes de Febreiro de 2024

Estamos a piques de chegar ao ecuador da lexislatura galega xurdida das eleccións celebradas no mes de Febreiro de 2024. Dous anos despois da consecución dunha nova maioría absoluta por parte do PP -nesta ocasión liderado por Alfonso Rueda- non se perciben circunstancias da suficiente envergadura como para pensar nunha mudanza gobernamental derivada da cita coas urnas que previsibelmente terá lugar no comezo do ano 2028.

É ben coñecida aquela proposición de A. Gramsci invocando a cohabitación do optimismo da vontade co pesimismo da razón. O primeiro como actitude previa necesaria para buscar un cambio na situación política e social. O segundo como requisito esixido para actuar co realismo derivado dun adecuado coñecemento da realidade que se quere modificar.

En vinte e catro meses non houbo probas concretas de melloras solventes na evolución dos problemas estruturais mais relevantes aos que se debería enfrontar a equipa gobernamental presidida por Rueda

Como é sabido, no actual mapa parlamentar galego, están presentes catro forzas políticas: PPdG, BNG, PSdG e Democracia Ourensana. Só dúas delas ofrecen unha proposta de alternancia na administración das institucións de autogoberno. O caso da sigla que promove o actual alcalde de Ourense constitúe unha singular versión local da moda trumpista que, chegado o caso, actuaría como complemento aritmético para asegurar unha maioría parlamentaria conservadora, previo cobro das oportunas contraprestacións na estrutura de poder vixente en San Caetano. O partido de Rueda e Feijoo non agacha a súa pretensión de perpetuar o dominio que coñecemos dende 1981 (só coas descontinuidades vividas entre 1987/1989 e 2005/2009): ofrece unha sorte de contrato vitalicio ao corpo electoral galego.

Gómez Besteiro e a súa equipa dirixente teñen unha materia pendente: demostrar que son capaces de recuperar os consensos básicos no interior do seu partido e redefinir un proxecto que sexa quen de reconectar con aqueles segmentos sociais que no pasado mantiñan afinidades importantes con esta formación política

En vinte e catro meses non houbo probas concretas de melloras solventes na evolución dos problemas estruturais mais relevantes aos que se debería enfrontar a equipa gobernamental presidida por Rueda: o estado da sanidade pública, a marcha da demografía, o coidado das persoas maiores e dependentes, a situación lingüística, a insuficiencia de recursos da Facenda galega, a subordinación a intereses empresariais privados no deseño das políticas medioambientais (singularmente, no caso do proxecto promovido por Altri), a carencia de criterios de calidade e pluralismo na xestión dos medios públicos de comunicación... Todos estes asuntos non son descoñecidos para un partido que leva tanto tempo ocupando os despachos da Administración galega. A resposta practicada situase noutro plano explicativo: ou non queren ou son incapaces. Ou as dúas cousas ao mesmo tempo.

Dende un punto de vista programático, BNG e Partido Socialista teñen propostas coincidentes e, tamén, outras diverxentes. Entre as primeiras están algunhas que fan referencia ás cuestións sinaladas anteriormente (medidas para afortalar a calidade da sanidade pública, oposición á instalación de Altri, novos criterios de xestión para a Radio e a TV públicas, cambios significativos na política lingüística...). Existen discrepancias de certa entidade en determinados ámbitos que teñen incidencia na dinámica dunha eventual actuación gobernamental conxunta: o financiamento das CCAA, algunhas das políticas promovidas dende Bruxelas que impactan nos sectores produtivos galegos, os posicionamentos en certos aspectos das relacións exteriores (tanto no interior da UE coma noutros espazos internacionais). Avaliando o conxunto de factores enumerados non semella utópico pensar na viabilidade dun común denominador na fixación de prioridades que permitan configurar unha axenda programática capaz de suscitar apoios maioritarios no corpo social.

No caso do BNG o desafío ten unha dimensión notábel. A partir da necesaria consolidación da importante base electoral acadada hai dous anos arredor da figura de Ana Pontón, debería acometer a busca de camiños que lle permitan un maior achegamento a sectores que, até o momento, manteñen reticencias cara certos posicionamentos adoptados pola organización

Os retos principais que deben encarar socialistas e nacionalistas atópanse noutros ámbitos. Gómez Besteiro e a súa equipa dirixente teñen unha materia pendente: demostrar que son capaces de recuperar os consensos básicos no interior do seu partido e redefinir un proxecto que sexa quen de reconectar con aqueles segmentos sociais que no pasado mantiñan afinidades importantes con esta formación política. Se nos vindeiros meses non se reactivan as constantes vitais do PSdeG, vai ser practicamente imposíbel conformar unha alternativa ilusiónante entre as forzas que agora constitúen a oposición ao goberno da Xunta.

No caso do BNG o desafío ten unha dimensión notábel. A partir da necesaria consolidación da importante base electoral acadada hai dou anos arredor da figura de Ana Pontón, debería acometer a busca de camiños que lle permitan un maior achegamento a sectores que, até o momento, manteñen reticencias cara certos posicionamentos adoptados pola organización. Certamente, a presión social e mediática exercida dende os círculos de poder que controla o PP é moi poderosa e dificulta seriamente as posibilidades de éxito no desenvolvemento desa folla de ruta. Tamén é verdade que unha eventual chegada de Feijoo á Moncloa nos vindeiros meses -con pouca distancia temporal coa celebración dos comicios galegos- favorecería as posibilidades dunha repetición da hexemonía electoral do partido presidido por A. Rueda. En todo caso, semellantes dificultades non deberían anular a vontade práctica de acometer a realización dese obxectivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.