No país que marcha ben

Digan o que digan os inconformistas de turno, Galicia é un país que marcha ben. Os seus cerebros, marchan, e as súas mans, tamén. Os traballadores do metal, en Vigo, marchan de vez en cando a Santiago a pedirlle á Xunta que faga algo para non teren que marchar de Galicia. As plataformas ecoloxistas, marchar, tamén marchan: marchan dende a súa comarca a Santiago, tamén, de vez en cando, a pedirlle á Xunta que faga algo para non teren que marchar despois do enésimo ecocidio. A pesca artesanal e de subsistencia, marchar, xa marchou hai un tempo, e as vacas, co paso do tempo, terán que marchar tamén dos eidos, onde levaban vida de vaca durante 12 ou 13 anos, e emigrar disciplinadamente á produción leiteira intensiva enganchada ao agro-business, onde poderán vivir un máximo de 5.

Digan o que digan os inconformistas de turno, Galicia é un país que marcha ben. Os seus cerebros, marchan, e as súas mans, tamén

Nunha sociedade inhumana, incapaz de reconciliarse coa súa condición animal, é difícil levar vida humana. Mais, tamén, non o dubiden, é difícil levar vida de vaca - en concreto - e de animal - en xeral -.

Marchar, o que se di marchar, Galicia marcha, que dúbida cabe! O capital especulativo non só marcha desde Galicia para el mundo, tamén chega desde el mundo para Galicia. Cando sucede o primeiro, desaparecen, por arte de maxia, as plusvalías de 5 emprendedores, que aparecen, azarosamente, na banca suíza, xunto con 150 parados, que aparecen, simultánea e diacronicamente, por azar, en Galicia. E que acontece despois?; pois nada, que a eses 150 parados vánselle sumando outros 150, e outros 150… e así, ata dárense de conta de que para traballar terán que marchar a algún sitio, aínda que non saiban moi ben a onde. Porque, marchar, o que se di marchar, ops, caros amigos, do Reino de Galicia tamén marcha a información, e non só iso, tamén os informadores.

A Galicia que marcha de Galicia, semella non interesar moito á Xunta, e a Galicia que está sempre marchando en Galicia, tampouco semella interesarlle moito

Dende que teño uso de razón, marchar, o que se di marchar, as cousas sempre marcharon de Galicia, mais poucas veces atopei a galegos que se preguntasen - e investigasen - seriamente porqué non marchan en Galicia. A Galicia que marcha de Galicia, semella non interesar moito á Xunta, e a Galicia que está sempre marchando en Galicia, tampouco semella interesarlle moito. Así pois, marchosos, o que se di marchosos, os galegos somos bastante. Do contrario, só nos quedaría unha solución : o suicidio colectivo.

Marcha de Galicia a meirande parte da electricidade que se produce a nivel estatal, sí, como fixeron marchar, no pasado, a golpe de razón de estado e de coacción violenta, aos centos de miles de familias que vivían e traballaban na contorna do máis de medio centenar de encoros que se construíron nas veas abertas de Galicia: os seus ríos. Marchan, sí, como marchan hoxe as persoas de carne e oso que nacen nos núcleos de poboación cercanos a estes encoros, nos que o pequeno comercio desaparece progresivamente. Marchan, como marchan á cidade os fillos das noutrora familias campesiñas que tiveron que abandonar a agricultura por non entenderen que a modernidade pasaba por multiplicar milagrosamente o seu número de vacas, o seu número de hectáreas e o seu aval monetario dispoñible para mercar tecnoloxías e métodos de cría de alto rendemento produtivo.

Ninguén lles preguntou nunca como e canto querían producir. Ninguén se molestou nunca en tomarse a paciencia suficiente para levar a modernidade ao seu anacrónico estilo de vida. Nos chismes populares de taberna aínda existe algún papón que representa estas familias como aldeáns rudos e incultos incapaces de entender as milagrosas vantaxes de acomodar a produción agraria das súas casas - produción de subsistencia, auto-consumo e venta en mercados locais – ás esixencias que viñan dos funcionarios da Europa neoliberal para facer reformas estruturais en economías domésticas e modos de vida que descoñecían por completo.

Conviría seguir marchando para organizar plataformas locais que funcionen como freo cívico ao ecocidio sistémico legalmente xustificado nas institucións autonómicas

A fachenda e a ignorancia do ser humano, non ten límites, mais cando se manifesta na clase política, ademais de banal, é perigosa. Por iso, supoño, conviría seguir marchando deste país no que todo marcha. Conviría seguir marchando para reivindicar a profunda necesidade que temos dos cerebros e as mans que marchan. Conviría seguir marchando á Xunta, como quen peregrina á Meca, para recordarlle que o dereito a non emigrar é un dereito internacional, e o deber de facelo unha imposición dos poderes públicos para desatomizar, disgregar e dividir á sociedade civil dos países diaspóricos. Conviría seguir marchando para organizar plataformas locais que funcionen como freo cívico ao ecocidio sistémico legalmente xustificado nas institucións autonómicas.

Conviría seguir marchando para organizar movementos de denuncia, información e concienciación sobre os circuítos de especulación financeira e evasión fiscal en Galicia. Conviría seguir marchando, coma se fósemos nin máis nin menos que o que somos, unha nación diaspórica e subalterna que nunca tivo entidades de representación política propias que emanasen como consecuencia das súas necesidades concretas.

Marchar, o que se di marchar, é algo que os galegos facemos moi ben, individual e colectivamente

Marchar, o que se di marchar, é algo que os galegos facemos moi ben, individual e colectivamente. Xa só fai falla preguntarlles aos nosos poderes públicos, á RAG, ao parlamento de Galicia e ao sistema universitario galego, se é a sociedade galega a que ten que adaptarse á súa actividade, ou se a súa actividade ten que ser un reflexo das demandas da sociedade galega. Así, quen sabe, poderíamos ir marchando algo mellor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.