Non á equidistancia

Na análise mediática do asasinato de Jimmy, o seareiro deportivista guindado ao Manzanares na mañá do 30-N, abrollou con forza dende Madrid  xa nos primeiros momentos unha teoría da equidistancia: Riazor Blues e Frente Atlético eran todos extremistas, uns de dereita e outros de esquerda e partillaban os mesmos medios violentos. Mesmo algúns (e non sempre só os media da dereita madrileña) atrevíanse a formular a tese de que o principal responsábel era o proprio morto, por viaxar a Madrid. O presidente da Liga de Fútbol Profesional, antigo militante da extrema dereita inconstitucional, chegou  expresar o que moitos pensaban: “Teríamos suspendido o partido se o morto fose un seareiro normal”. Despois cesaría Lendoiro do seu cargo na devandita Liga, simplemente por se achegar ao enterro de Jimmy expresar as súas condolencias, como adoitamos facer a inmensa maioría dos galegos, sexa de quen fóra ao velorio.

Non é certo que os Riazor Blues e o chamado Frente Atlético sexan iguais

Non é certo que os Riazor Blues e o chamado Frente Atlético sexan iguais. Os atléticos profesan unha ideoloxía e simboloxía neonazi ou, cando menos, de extrema dereita españolista. E son coñecidos os vencellos de varios dos seus membros con actividades delitivas ou, cando menos, “lumpen”. Agardaron polos deportivistas con premeditación e bateron neles con alevosía, armados de paos, bates, nunchakos e outras armas.

Canto aos Blues é certo que algúns dos seus membros non fan exhibición de bo criterio e non dan bo exemplo. Mais semella que non son delincuentes nin profesara unha ideoloxía de odio, violencia ou exclusión. Mesmo nin se pode dicir que exista unha ideoloxía común entre os seus seareiros, de non ser a afección incondicional polas cores brancas e azuis deportivistas.

Cómpre que dende Galicia non merquemos os relatos que dende Madrid constrúen para nos explicar a nós propios

Xa que logo, non é posíbel equipararmos os uns cos outros. Non é posíbel a equidistancia entre os que mallan na xente armados e os que se defenden. Non é admisíbel xulgarmos ninguén pola súa fasquía exterior. Non é presentábel botarlle a culpa do crime ao proprio morto.

E cómpre que dende Galicia non merquemos os relatos que dende Madrid constrúen para nos explicar a nós propios. Compre menos preguiza mental, máis capacidade de análise e máis autoaprezo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.