Historicamente ás mulleres quitáronnos a voz. Primeiro, xa falaba o pai por nós e, despois xa o faría o noso marido. Sempre nos fixeron crer que era porque non tiñamos nada interesante que dicir. Seres absolutamente emocionais sen uso do intelecto e da razón, esaxeradas, incultas
Catro persoas diante de catro atrís. Tres señoros. Unha señora. Un debate. Tempos de palabra medidos. Verdades, medias verdades e mentiras. Argumentacións e cifras. Desacreditacións e insultos. Tratamentos formais coa fórmula de vostede para mostrar respecto. Un “y usted calladita”. Usted si. Pero calladita tamén. E para rematar: un señoro saíndo a defender á dama, porque ela non sabe poñer límites por si mesma.
Non vin o debate por saúde mental: demasiada rabia, noxo, medo e impotencia para ser xestionadas antes de ir durmir. Mais hoxe almorzando, imposible non saber do acontecido onte. Non debería haber debate sobre a existencia das violencias machistas (existen e punto) mais aínda así haino. E no espazo onde se están a poñer en cuestionamento, danse. Imaxinades a un señoro dicíndolle a outro señoro “y usted, calladito”?
Mentres me invade a carraxe, hai unha parte de min que me di: pero, onde está a sorpresa? Se é a historia repetíndose.
Xusto esta semana, Ángels Barceló recolleu un premio en recoñecendo o seu traballo á fronte dun espazo radiofónico que xa non existe. No seu discurso dixo que as mulleres (e as mulleres feministas) non teñen voz na radio española. Busquei datos, que sempre son toma de terra coa realidade. A 27 de novembro de 2026 hai tres presentadoras á fronte de tres programas nas cadeas principais (un é a fin de semana e os outros dous en horario de madrugada) e unha copresentadora. Os datos son abrumadores: dezasete presentadores e un copresentador.
Historicamente ás mulleres quitáronnos a voz. Primeiro, xa falaba o pai por nós e, despois xa o faría o noso marido. Sempre nos fixeron crer que era porque non tiñamos nada interesante que dicir. Seres absolutamente emocionais sen uso do intelecto e da razón, esaxeradas, incultas. Adornos, a poder ser, bonitos. Caladas e sorrindo. No espazo privado e no público. Submisas e pasivas. Compracentes. De tanto repetirse creouse a norma e a lei. Incumprir as regras tiña graves consecuencias. O noso rol, sempre secundario, pedindo permiso para dar un paso á fronte. Sentíndonos culpables por ocupar espazos físicos e sonoros. Estamos no 2026 mais fago unha proposta: cando esteas nunha formación, nunha charla, nunha presentación dun libro… observa, conta cantas mulleres collen o micrófono e falan. Colle un xornal e conta cantos artigos de opinión están escritos por mulleres. Mira nas recomendacións literarias dos medios de comunicación e conta cantos deses libros están escritos por mulleres. Cantas mulleres son directoras e guionistas. Cantas mulleres hai nos carteis dos festivais.
Quérennos caladas non porque non teñamos algo interesante que dicir, ao contrario. A nosa voz resulta incómoda, ameazante
Recollen as crónicas da época que en 1927, Concepción Loring foi a primeira muller en tomar a palabra no hemiciclo do Estado e o primeiro que fixo foi pedir desculpas pola “ousadía”. En 1842, Concepción Arenal colouse na facultade de Medicina vestida de home para poder asistir ás aulas. Ao ser descuberta e despois de demostrar mediante un exame o seu alto nivel académico (e intelectual), o reitor deixoulle seguir asistindo ás clases baixo unhas estritas condicións: acompañada do bedel, nunha cadeira apartada dos seus compañeiros e en absoluto silencio, non podería intervir nin facer preguntas.
Quérennos caladas non porque non teñamos algo interesante que dicir, ao contrario. A nosa voz resulta incómoda, ameazante. E ante a impotencia de non estar a altura, de non poder rebater, de ser incapaces de dialogar, de argumentar ao mesmo nivel a alternativa máis rápida e eficaz en base ao eixe de poder sistémico do xénero é (pretender) que calemos.
A nosa responsabilidade, é seguir avanzando, non dar nin un paso atrás. Cuestionarnos o famoso “síndrome da impostora”. Non esquezamos que estamos aquí grazas a que moitas mulleres abriron camiño sendo incómodas, poñendo voz e corpo cando había risco real por facelo. Votar é falar
Xa en 1910 hai constancia da primeira manifestación feminista convocada en Barcelona por Ángeles López de Ayala, pedindo educación laica e dereitos políticos para as mulleres. En 1931, grazas a toda a loita das mulleres sufraxistas que puxeron o corpo, aprobouse o voto feminino.
Dende hai anos comezamos a tomar as rúas berrando pola nosa supervivencia e pola nosa dignidade. Dende hai anos, segundo a lei, temos os mesmos dereitos. A nosa responsabilidade, é seguir avanzando, non dar nin un paso atrás. Cuestionarnos o famoso “síndrome da impostora” (ollo, en feminino que curioso) e darnos o permiso de ocupar os espazos con seguridade e determinación. Facer un exercicio de resistencia e confianza e falar dende a asertividade defendendo o que é noso, física e intelectualmente.
Non esquezamos que estamos aquí grazas a que moitas mulleres abriron camiño sendo incómodas, poñendo voz e corpo cando había risco real por facelo.
Votar é falar.
Mobilizarse socialmente é berrar.
Pase o que pase o domingo, non imos calar, caballeros.