Non é un país para vellos

Lembrades a película dos irmáns Coen inspirada na novela de McCarthy? Seguro que sí, aínda que só sexa porque a protagonizaba Bardem (que é ver un español en Hollywood e saenos a todos unha vea patria que mete medo). Ben, pois porque sei que a novela é anterior á chegada de Rajoy ó Goberno, porque se non pensaría que o título llo suxeriu Bardem nun momento de morriña ao pensar na súa terra.

A situación actual de España véxoa dende a óptica que dan os vintetantos. É dicir, dende o punto de vista dos recortes en bolsas, a supresión da renda básica de emancipación, a suba de impostos, a conxelación do salario mínimo, o cambio por sorpresa do temario das oposicións, o retroceso en materia de saúde sexual e reprodutiva... E, desgraciadamente se quero, sigo así tres parágrafos máis. Pero meu avó dicíame hai un par de noites na cea: "que mal o tedes a xente nova". Eu asentín e seguín ceando, aínda que non puiden evitar pensar mentres apuraba o prato que os maiores non o teñen moito mellor.

Meu avó dicíame hai un par de noites na cea: "que mal o tedes a xente nova". Eu asentín e seguín ceando, aínda que non puiden evitar pensar mentres apuraba o prato que os maiores non o teñen moito mellor

En menos de tres meses o novo Goberno envioulles aos pensionistas dúas cartas. A primeira, dicindo que se lles subía en 1% a pensión, nun acto propagandístico que lle atribuía o mérito a Rajoy (digo eu que o Pacto de Toledo algo terá que ver nisto, pero iso a señora Fátima Bañez parece obvialo, ou
descoñecelo, tampouco me extrañaría moito). Ao mes seguinte, envíase de novo unha carta, dicindo que se lles sobe aos pensionistas o IRPF, co que se lles quita máis mediante impostos do que se lles daba coa suba da pensión. Total, que en mandar dous cartiñas a cada pensionista, para acabaren dicindo que perden cartos os de sempre, o Goberno se gastou sete millóns de euros. E se en vez de marealos, investisen ese diñeiro en non ter que sangrar os nosos anciáns?

Non será que que Rajoy está a esperar a que pasen as eleccións en Asturias e Andalucía para habilitar as Comunidades Autónomas a que introduzan o copago sanitario?

O certo é que eu miraba ao meu avó, pensaba na súa pensión, na enfermeira que ten que pagar do seu peto porque xa non ten dereito a axudas por dependencia (igual que outras 300.000 familias), e mirei, sen darme conta, cara a ese caixón que en hai en todas as casas onde se gardan as medicinas
(que se as pastillas da tensión, do rego, da memoria, as dos ósos...). Lembreime do telexornal, de que o copago sanitario era xa unha realidade en Cataluña, que cada receita valerá un euro, grazas ao silencio do Partido Popular. Recordei aquelas declaracións de Núñez Feijoo nas que dicía que era favorable ao copago sanitario, e veume un presentimento... Non será que que Rajoy está a esperar a que pasen as eleccións en Asturias e Andalucía para habilitar as Comunidades Autónomas a que introduzan o copago sanitario?

Rematei a cea cun nó no estómago, collín a súa man e díxenlle “tes razón avó, os mozos estamos fodidos. Pero o que está claro é que este non é un país para vellos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.