Non era isto

Sánchez, que só se referiu ao seu partido na comparecencia deste luns, decidiu a súa continuidade erixíndose a xeito de único referente e líder do traballo de rexeneración democrática que seica di querer desenvolver dende hoxe

O proceso de decisión en diferido aberto por Sánchez Pérez-Castejón o pasado mércores era arriscado en termos de creto internacional e mesmo de desgaste político. Malia todo, era moi difícil non empatizar co político madrileño diante da enxurrada de ataques persoais sofridos pola súa dona, agravados coa admisión a trámite polo xuiz de instrución nº 41 de Madrid dunha querela redixida por unha organización extremista(Manos Limpias) que se estreou hai 20 anos contra o presidente do parlamento vasco Juan Mari Atutxa e contra a plataforma Nunca Máis, Unha querela só baseada en novas de prensa e, xa que logo, inhábil segundo reiiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo para abrir unha investigación criminal.

Certo é que tanto Sánchez como o PSOE asistiran con certa pasividade e mesmo, ás veces, aberta complicidade á desaquelada persecución xudicial dos líderes soberanistas cataláns dende 2014, á deshumanización sofrida polo president Puigdemont e por Pablo Iglesias, a lawfare sofrida por Mónica Oltra (Compromís) e polo propio Atutxa (PNV) e ás mentiras sobre da existencia de contas en Suiza deitadas sobre o entón alcalde de Barcelona Trías e presidente da Generalitat, Artur Màs. Á deshumanización dende a difamación persoal sofridoa tamén por Anxo Quintana (BNG) no 2009 e que, canda o caso Atutxa, sinalou o comezo tanto da técnica complexa (require acusacións populares e do desaquelado funcionamento dalgúns órganos xudiciais) do lawfare como da “barra libre” da difamación. 

Mais cumpría sermos quen de transcender esa historia-mesmo de trascender do apoio de Sánchez e o PSOE ao 155 no 2017- e afrontarmos a crise con grandeza democrática. Porque o que tocaba era defendermos a democracia fronte aqueles que, nomeadamente, negan o dereito de partillar na gobernanza a aquelas forzas soberanistas que representan millóns de votos de cataláns, vascos, navarros e galegos. Que negan o dereito do PSOE a implementar, co acordo cos seus socios soberanistas e da esquerda española, medidas a prol das liberdades e das maiorias sociais, desenvolvendo esa vocación republicana e federal que di ter no canto de facer de equilíbrio do duplo pivote do bipartidismo dinástico.

Ogallá esta comparecencia siga coa definición desta política plural de pacto da maioria absoluta plural no Congreso para aprobar leis e leis orgânicas que constrúan esa política e afondamento na calidade democrática e nas liberdades e de axuste plurinacional do Estado. Mais se só atendemos ao que vimos de escoitar este luns o certo é que non agardábamos isto. Non era isto

Neste contexto a demisión sería moi comprensíbel no persoal, malia que no político o máis positivo era unha decisión de continuidade que tentase nuclear un pacto de rexeneración democrática verdadeiramente transformadora. Esta decisión esixía sen dúbida dun debate parlamentario plural, probábelmente a xeito de cuestión de confianza, que puidese definir a axenda lexislativa dun pacto, agora si, de lexislatura entre as forzas que investiron Sánchez e suman 178 deputados, máis da maioría absoluta do Congreso.

Mais Sánchez, que só se referiu ao seu partido na comparecencia deste luns, decidiu a súa continuidade erixíndose a xeito de único referente e líder do traballo de rexeneración democrática que seica di querer desenvolver dende hoxe, esquecendo aos millóns que souberon transcender da súa prevención ao PSOE e ao propio Sánchez para se unir solidariamente á necesidade de rexeneración. Proxectando na sociedade española que só él é o “Deus ex machina”, canda ese seu “benquerido partido”, esquecendo que a maioria que pode desenvolver esta rexeneración democrática é plural e plurinacional.

Botouse de menos, tamén, que medidas concretas (derrogación da “lei mordaza”, da prisión pemanente revisábel, dos delictos de inxurias á Coroa, atribución a un Ministerio Fiscal máis independente da instrución penal ficando os xuíces de instrución como xuices de garantías, modificación do sistema de elección do Consello do Poder Xudicial que posibilite a súa inmediata elección, supresión da chamada “Audiencia Nacional”, internalización autonómica do Poder Xudicial...) han alicerzar esa rexeneración e defensa da democracia.

Ogallá esta comparecencia siga coa definición desta política plural de pacto da maioria absoluta plural no Congreso para aprobar leis e leis orgânicas que constrúan esa política e afondamento na calidade democrática e nas liberdades e de axuste plurinacional do Estado. Mais se só atendemos ao que vimos de escoitar este luns o certo é que non agardábamos isto. Non era isto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.