Dende o pasado 7 de outubro, a cidade enteira de Belén semella un deses presebes de adorno: unha imaxe conxelada, nun recuncho, visitada por milleiros de ollos que cantan ao seu carón mentres envellece e perde cor. Desarmada das liturxias da teoloxía do imperio, manexada polo vencedor predicador, xa non se laia das lembranzas dun pasado mellor, só treme
Este Nadal, celebrado o 25 de decembro, o católico; o 6 de xaneiro, o ortodoxo; ou o 19 de xaneiro, o armenio; as rúas de Belén non son lucecús de xentes e festexos. Non é por mor das cifras, que lembran persoas falecidas sen sequera nome, senón polos últimos tres meses dos últimos 75 anos dos dous últimos séculos. Ao mesmo tempo, outra parte do mundo fixo unha paréntese e deixou de berrar pola liberdade da memoria e lembrou presebes, á vez que o berce do máis importante destes permaneceu calado, rodeado de incerteza, cemento e metralla.
Dende o pasado 7 de outubro, a cidade enteira de Belén semella un deses presebes de adorno: unha imaxe conxelada, nun recuncho, visitada por milleiros de ollos que cantan ao seu carón mentres envellece e perde cor. Desarmada das liturxias da teoloxía do imperio, manexada polo vencedor predicador, xa non se laia das lembranzas dun pasado mellor, só treme. Mais entre tremelicares de medo e frío, agroma o sumud, a perseveranza, e mais a resiliencia.
O reverendo Munther Isaac lembrou a ausencia de sons que acalan a algarabía que debía haber durante estas festas, na súa mensaxe de Nadal na igrexa evanxélica luterana de Belén. Preguntou polos motivos dese silencio e mais polos berros que empuxan a baleirar Gaza e mandar a xente palestina a Exipto ou a Xordania ou mesmo ao mar, e facer unha limpeza étnica «unha milagre ou unha milagre divina, como a deron en chamar».
Na súa prédica, o relixioso visualizou a imaxe de Xesús a día de hoxe e expúxoo aos cascallos da realidade. É así como se representa este ano, como un bebé entre entullos e envolto no pano tradicional palestino, a kuffieh. Deste xeito, únense pasado e presente á resistencia que proclama o pobo da kuffieh, tanto no deseño desta peza de roupa como no quefacer diario: as oliveiras representan a forza, a perseveranza, a resiliencia e mais a paz; a rede amosa a importancia da pesca e a proximidade ao mar; as liñas anchas forman as rutas comerciais e as estreitas a longa historia de Palestina. Unha historia que segue a trazar liñas de vida e a erguerse cada mañá, como berra a poeta Rafeef Ziadah, para ensinarlle ao resto do mundo vida.