Non nos intimida acariñar o elefante

Captura do vídeo-poema 'Intimidación' © Xerais

Adoita presentarse o traballo poético coma unha angueira individual, non exenta de misticismo e de consabidos halos bucólicos. Como moito, unha suma antolóxica e taxada de varios creadores exentos. Poucas veces se fala do elo que une autores e autoras, do traballo horizontal que nos alimenta

Adoita presentarse o traballo poético coma unha angueira individual, non exenta de misticismo e de consabidos halos bucólicos. Como moito, unha suma antolóxica e taxada de varios creadores exentos. Poucas veces se fala do elo que une autores e autoras, do traballo horizontal que nos alimenta, da conexión, da confluencia, das pontes que nos conectan.

Sen menosprezar o esforzo individual, deberiamos recoñecer cando menos que a literatura ten moito máis peso colectivo do que se lle outorga, e que a autoría é unha creación relativamente moderna que medra ao amparo do selfie e do copyright. De seu, a escrita colectiva non se crea superpoñendo ladrillos cunha argamasa de unión matemática; poida que se asemelle máis ben ao xogo do tetris ou a un crebacabezas, buscando ocos, mellorando a habitabilidade e os fluxos, ocupando aqueles espazos que delatan eivas, carencias, hipérboles e outros vicios ocultos da construción.

Capa do libro: 'Intimidación' © Xerais

Voces transgresoras, lúdicas, provocadoras, que cuestionamos o statu quo, que manifestamos abertamente a presenza dun magma intimidatorio que nos abafa

Nesa liña de intervención colectiva participamos na experiencia do libro Intimidación, asinado como Colectivo Maiakovski, e que nos xuntou a dez autoras e autores. A orixe deste macrotexto nace da poética fundacional, asertiva e indagadora ao mesmo tempo, de Xerardo Quintiá, que se vén unir á serenidade incisiva da palabra de Baldo Ramos. Vaise estendendo coa achega de voces variadas, desde a ollada social de Daniel Salgado á fina perspectiva feminina de compañeiras poetas que enriquecen a linguaxe como Elvira Riveiro, Tamara Andrés ou Lara Dopazo; desde a mestura de texto e imaxes poderosas de Cristina Ferreiro, á atenta sensibilidade suxestiva de Carlos Negro ou ao cuspe de furia necesario de Lois Pérez. Ganduxándoo todo, voando moi por enriba, coma un cóndor, a poesía emprestada de Maiakovski. 

Versos épicos, versos humorísticos, versos que magoan co seu realismo, co seu ton, ora irónico, ora lúdico; esmiúzanse falsos idearios, iconas, linguaxes preelectorais e falsarias ao carón de imaxes de beleza intimidatoria que queren significar en definitiva, canto nos amedrenta a ramificación da linguaxe da Besta.

Dixo algunha vez o Conde de Lautréamont que a poesía debe ser feita por todos, non por un(ha) só. Na autocrítica, meses despois da edición, subxacen as dificultades de cohesión, as esixencias de gardar un ton, o desafío de acadar un resultado global, heteroxéneo, e asemade unido

Voces transgresoras, lúdicas, provocadoras, que cuestionamos o statu quo, que manifestamos abertamente a presenza dun magma intimidatorio que nos abafa. No texto, a ameaza bifúrcase en planos que se cruzan mimeticamente: o ámbito político, a cultura intervida, a utilización orwelliana da linguaxe nos medios, as fake news, a violencia de xénero, a expresión da identidade, a soidade forzosa, a enfermidade que dobrega a nosa autosuficiencia, etc. 

O medo á Besta é senlleiro e transversal. Mais non se constrúe un poema común con parcelas acoutadas de arrós e valados, senón que debemos dotalo desde o primeiro momento dunha permeabilidade suficiente que dea paso á intervención allea. Esixe un aquel de humildade no feito de entregares a túa creación para que, se cadra, outra voz a deconstrúa, a mellore, a enferruxe ou a mutile. Un texto circular que finalmente erga, con todas as achegas, un enunciado coherente, unha respiración acompasada, única, un corpo de animal que trota e descansa. 

Seica tamén deixou dixo Lautréamont: “O elefante déixase acariñar, o piollo non” Linguaxe do atrevemento. Nada nos arreda. Obviamente, ningún fin utilitario, coma calquera artefacto literario que se prece

Dixo algunha vez o Conde de Lautréamont que a poesía debe ser feita por todos, non por un(ha) só. Na autocrítica, meses despois da edición, subxacen as dificultades de cohesión, as esixencias de gardar un ton, o desafío de acadar un resultado global, heteroxéneo, e asemade unido; procurar en todo ese mosaico un predio habitable polas nosas emocións, un coliving consciente. 

Por enriba de todo, o pracer de escoitarse, a experiencia de labrar xuntos un texto poliédrico de sensibilidades variadas, de matices na súa interpretación e lectura. O xogo, o caligrama, as palabras agochadas, o intertexto, o poema antinómico. A autoría diluída nunha anonimia infinita, só acoutada temporalmente por dez nomes e catro movementos. Vivimos en pequenos apartheids. Apreixalos en palabras poéticas é un xeito de expulsión; nomealos, de entendemento. 

Seica tamén deixou dixo Lautréamont: “O elefante déixase acariñar, o piollo non” Linguaxe do atrevemento. Nada nos arreda. Obviamente, ningún fin utilitario, coma calquera artefacto literario que se prece.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.