Segundo din todos os días, os voceiros do poder, “a lealdade non está reñida coa crítica”, claro que só o aplican ás palabras e aos feitos de Feijóo para con Sánchez, pero disto todos podemos falar e poder explicar o por que de chegar á situación na que estamos agora, a 23 de marzo do 2020
Como é posible que de urxencia, se contraten “médicos” que non terminaron a súa formación, que se contrate a “especialistas” que aínda non teñen de forma oficial a especialidade, e antes, cando tamén facían falta profesionais e o mesmo Feijóo o dicía - “non temos médicos nin pediatras”-, non se fixera. Así, agora pode facerse e fai un ano, dous, tres, cando tamén facían falta e non estabamos cunha pandemia de coronavirus non se facía. Agora, tamén é posible que se recuperen os profesionais que estaban xubilados (e aos que o propio Feijóo prohibiu que seguisen traballando ao cumprir a idade regulamentaria). Vaia, vaia!
Se derivamos pacientes á sanidade privada, cunha lei creada polo señor Feijóo e chamada eufemisticamente “Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias” que o que provoca é que non investindo o suficiente na Sanidade Pública, os servizos deterióranse e así temos a desculpa para incumprir os prazos que a lei establece e que eles crearon (o PP en solitario e en contra de todos), temos a cuadratura do círculo: o PP é responsable de que se deriven os doentes, pois creamos unha Lei que non somos capaces de cumprir, porque non investimos o suficiente nela.
Cando falamos de precariedade laboral, referímonos a profesionais contratados polo Sergas en réxime de escravitude: contratos por horas en lugar de días, de luns a venres, sen contar sábado e domingo aínda que continúe o mesmo persoal por meses, encadear centos de contratos por horas, días ou semanas cando chegado a un tempo determinado debería pasar a persoal fixo nese posto... Se o señór Feijoo é capaz disto, como pode dicir que “agradece enormemente o labor dos sanitarios?". É un hipócrita que só pensa no seu futuro político, do que leva vivindo toda a súa vida, dende director do Insalud, de Correos, da man de Romay Beccaría ata presidente dun goberno monocor do PP que foi e é responsable dos recortes máis importantes realizados á Sanidade Pública Galega nos últimos 11 anos. A súa maior crítica ao goberno de Sánchez estes días é pola falta de material, cando el privatizou o “Servizo de Subministración e Loxística á empresa Severiano Servizo Móbil”.
A pandemia de coronavirus está poñendo de manifesto que a política sanitaria en Galicia foi un despropósito, foi algo irresponsable, algo que o PP provocou a nivel de profesionais, de infraestruturas e que conseguiu manter tantos anos polo adormecemento dunha sociedade que o votaba maioritariamente e unha oposición dividida que non foi capaz de articular unha estrutura política que lle fixera frente o poder omnívodo do PP. Tamén está relacionado co control e dominio de medios de comunicación tan importantes en Galicia como a RTVG e La Voz de Galicia. Inxectando cartos e controlando con comisarios políticos estes medios, a sociedade estaba na ignorancia (ou mesmo manipulada polos seus voceiros-tertulianos nestes medios) e non chegaba a pensarse que a política sanitaria dun grupo político podería ser privatizar e desmantelar o ben máis prezado que temos, que é a nosa saúde.
Que sentido ten a presenza militar nesta crise sanitaria? Para que se necesitan os tanques e unhas metralletas que meten medo de só miralas? Por que non se invisten os cartos que se desbaldan en avíóns militares, acorazados, portaavións, armas, etc...en máscaras, luvas e equipos de protección fronte ao coronavirus. Por que non se inviste en promover unha vacina eficaz, un tratamento axeitado, investindo os cartos en científicos, profesionais da saúde e investigadores en lugar de algo que non nos pode defender do máis básico: da nosa saúde?
Un dirixente que non é capaz de exixir a Madrid que se blinde, esta cidade que é o foco principal de transmisión do virus, e que por razóns persoais e políticas non é capaz de blindar Galicia, esa Galicia da que se enche a boca cando fala dela, pero que á hora de defendela é o primeiro en non facelo. Coa súa política, os dirixentes prefiriron non blindar sete millóns de persoas e expandir un problema a 57 millóns na península ibérica: vaia irresponsabilidade e esperaremos que algunha xustiza tome cartas neste asunto debido á ignominia dos que toman as decisións nestes momentos.
Unha sociedade como a galega, onde Ourense ten un 31% de persoas maiores de 65 anos, está desamparada ante a perda de calidade dos servizos sanitarios. Unha sociedade envellecida, que ten as pensións máis baixas do Estado español, que ten os salarios máis baixos e coa súa sanidade está en precario, temos que poñelo na responsabilidade do señor Feijóo, ese mesmo que agora se enorgullece dos sanitarios e desa sociedade á que está levando a ser de segunda, cun goberno que non inviste en sanidade, pensións e en mellorar da calidade de vida da súa xente...E aínda así, ten maiorías absolutas!
Se non mudamos o rumbo da historia neste tema, teremos uns servizos públicos deficientes, con morbilidade e mortalidade en aumento e a perspectiva de que para moitos será irreversible. O futuro noso e o dos nosos fillos está en perigo!