Non podemos mercar Apple, nin Google, nin...

CC-BY-SA Praza Pública

'Nós'. Consideremos ese nós como España. Co que se produce en toda España nun ano (co que custa, non co que se gana na produción e venda), non se pode mercar ó valor actual nin Apple, nin Microsoft, nin Aramco (se non che soa, a compañía estatal de petróleos de Arabia Saudí), nin Amazon, nin Alphabet (Google)... Coido que debera dar que pensar. Case cincuenta millóns de persoas non somos capaces de producir o que vale unha desas empresas no mercado actual.

Dende que comezou a usarse o diñeiro, os poderes políticos mantiveron o seu poder sobre el, a súa regulación e creación, pero tamén cada vez máis, baseándose nel, no seu uso. E iso deu pé a unha diversificación do poder, cun aumento relativo paulatino da importancia do 'poder económico'. Algo que pasou das persoas, ás familias, e logo, ás compañías. Hoxe, as compañías poden crebar ou ser absorbidas por outras, pero non morrer, coma nós: como entidades, están fóra do ciclo biolóxico como o comprendemos; aínda que se poda falar da bioloxía das compañías, o seu poder atravesa as nosas xeracións: o poder das persoas remata coa morte; o das compañías, ó non verse afectadas pola morte, pode seguir acumulándose ó ritmo de acumulación dos cartos. Por certo, que esa acumulación financieira prodúcese con moita frecuencia a un ritmo maior que o que medra a economía dos países. E o método de incremento, non importa. É dicir, medran máis as empresas que os países. Ou sexa, chega un momento no que a concentración - de cartos e poder - que ten algunha delas, o seu 'valor' (hai que ver que diferentes significados pode ter a palabra 'valor'!) supera á produción dun determinado país. E logo, doutro máis grande ou máis 'desenvolto'. E doutro, e...

Iso plasma un feito: o que as compañías vaian ganando en poder ós estados. E, se en tempos se impoñían só os 'estados bananeiros', agora ese termo ampliouse, e un estado como o español quedaría dentro desa categoría para un puñado de multinacionacionais. Por iso quizais non deban estrañarnos os procesos de descomposición que a estrutura do estado, as institucións e as persoas representativas por estar en determinados postos (sexan elixidos, designados ou por herdanza) comecen a parecerse ó que tiñamos como idea asociada a un estado bananeiro. As circunstancias concretas poden variar, mais o sentido xeral coido que vai máis aló desas circunstancias particulares: dende que os cartos son máis importantes -vía poder- que as persoas, algo certificado polo valor das compañías e a produción das persoas nesta economía que temos, as lealdades cambian. Xa non son lealdades ás persoas e ó sistema de que se dotaron para rexirse, senón ós cartos e a quen os ostenta. Os casos puntuais son só exemplos concretos dun sistema xeral.

E, polo do medre relativo, a cousa tende a ir a peor...

Por certo, cando as entidades públicas son máis pequenas que os estados, o volume das empresas necesario para facer un razoamento relativo tamén diminúe, non é necesario que sexan tan grandes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.