Non son unhas eleccións máis porque, en función do que a xente votar, a extrema dereita saudosa da ditadura pode acabar aterrando no poder executivo do Estado. Teríamos o goberno máis facha desde a morte do tirano
Lembro xa moi vagamente as aulas de xornalismo da Autónoma de Bellaterra, así que dubido se é moi ortodoxo comezar un artigo co mesmo retrouso que levaches ao titular, mais o corpo pídeme escribir xustamente iso: as do 29N -e consigno isto o primeiro día de campaña- non son unhas eleccións máis, o que hai en xogo non é o que convencionalmente se pon en xogo nunhas eleccións convencionais. É máis. Moito máis.
Non son unhas eleccións máis porque, en función do que a xente votar, a extrema dereita saudosa da ditadura pode acabar aterrando no poder executivo do Estado. Teríamos o goberno máis facha desde a morte do tirano. Teríamos como vicepresidente o líder dun partido que aspira a eliminar as comunidades autónomas -isto é, o autogoberno da Galiza- e ilegalizar as forzas soberanistas -isto é, no noso caso, a forza que lidera a oposición política e social, o Bloque Nacionalista Galego.
O 29N vai sobre o reparto do poder no Estado. Sobre se o centro se impón á periferia e, ao imporse, baleira de contido os autogobernos
O PP pactaría sen o dubidar nin un instante con Vox, se a aritmética electoral o permitir. A cousa é máis grave: a letra non escrita do pacto levaría o selo da formación de Abascal, o auténtico partido guía da dereita española: ver no inmigrante un delincuente potencial -e causa da carestía da vivenda (!!!)-proferir vivas a Israel e até xustificar o xenocidio de Gaza -a culpa é de Hamás-, perseguir as linguas romances que se falan na Península distintas do castelán -prioridade, eliminalas do Congreso, xa o anticipou Cayetana Álvarez de Toledo, dirixente que non se sabe se milita no PP ou en Vox, un pouco como Ayuso- e caracterizar como ditadura aquilo que se deriva de acordos parlamentares entre a esquerda estatal e o soberanismo e, ao tempo, non ter ningunha opinión definida sobre o franquismo, que é o mesmo que si a ter, inequivocamente favorábel.
Non é pouco, verdade?, o que arriscamos nestas eleccións que non son unhas eleccións máis. O que se vai testar é a resposta social a esta ameaza. Unha resposta garantida nas nacións sen Estado -Catalunya, Euskadi, tamén Galiza-, porén con moitas incertezas nos territorios de fala e cultura castelá. Non por acaso a extrema dereita ten problemas serios de aclimatación no espazo Galeuscat -embora en Catalunya podan ficar por diante do PP- e, en troca, o seu españolismo rampante sitúase nunha expectativa de voto que rolda o 20% no resto do Estado. Mais unha vez, vemos como en España a política non se pode analizar exclusivamente en clave dereita-esquerda (ou, se o preferirdes, capital-traballo), senón que a contradición soberanismo-centralismo (ou, se o preferirdes, centro-perifeira) explica boa parte dos acontecementos: se desde 2018 a dereita non goberna o Estado é grazas ás forzas nacionalistas, mesmo aquelas que representan segmentos sociais acomodados.
A democracia tal e como a coñecemos está seriamente ameazada e trátase de ver se somos quen de conxurar esa ameaza. Non, non son unhas eleccións máis. Estou seguro de que actuaremos en consecuencia e digo isto con máis certeza, tamén con máis esperanza, após o grande suceso de mobilización da folga xeral deste 11N, especialmente exitosa no noso país
O 29N, por tanto, vai sobre o reparto do poder no Estado. Sobre se o centro se impón á periferia e, ao imporse, baleira de contido os autogobernos, nunha sorte de proceso neoconstituínte de carácter reaccionario. Vai sobre se as elites se enriquecen aínda máis (non deixaron de o facer durante o goberno progresista) e se as clases populares ven aínda máis deteriorada a súa situación (cunha maior degradación dos servizos públicos). Vai sobre se definitivamente se renuncia a calquera abordaxe do problema da vivenda que pase por embridar o mercado ou, polo contrario, se asume que a vivenda ten que ser para viver e non para especular.
A democracia tal e como a coñecemos (equilibrio de poderes entre centro e periferia, as liberdades cívicas, os tímidos avances sociais para as clases populares...) está seriamente ameazada e trátase de ver se somos quen de conxurar esa ameaza.
Non, non son unhas eleccións máis.
Estou seguro de que actuaremos en consecuencia e digo isto con máis certeza, tamén con máis esperanza, após o grande suceso de mobilización da folga xeral deste 11N, especialmente exitosa no noso país.