Normalidade

Concentración en repulsa polo asasinato de Diana Quer Dominio Público PFG

Abro hoxe, seis de xullo, un xornal impreso. Portada e dúas páxinas principais dedicadas ao asasinato homófobo de Samuel Luiz Muñiz. Palabras de rexeitamento, imaxes das manifestacións e concentracións ateigadas en todas as vilas e cidades galegas. Comenta o meu compañeiro que é moi bo sinal que a nosa sociedade reaccione e se indigne ante este acto terrible, violento, de odio. Concordo. Pensamos no moito que evoluímos e, malia o tremendo drama que supón, alédome de que esta sexa a única resposta social aceptable nos tempos presentes. 

A cinco de xullo, o portal do goberno de España recollía corenta e dous asasinatos de mulleres por violencia de xénero. Sáeme un balance de sete por mes, entre xaneiro e xuño. Logo, unha muller foi asasinada cada catro días e medio

Continúo a lectura e atopo, varias páxinas máis adiante, a noticia do asasinato dunha muller. Leo e descubro que se trata dunha septuaxenaria que foi violentamente agredida, posiblemente no decurso dun roubo. Semella que non se trata de violencia de xénero. Mais unha muller maior, soa, é unha boa vítima. É ben sabido, e quen entrou a roubar coñecía esta realidade. 

A cinco de xullo, o portal do goberno de España recollía corenta e dous asasinatos de mulleres por violencia de xénero. Sáeme un balance de sete por mes, entre xaneiro e xuño. Logo, unha muller foi asasinada cada catro días e medio. Nos últimos cinco anos, a media de asasinadas na Galiza foi de tres ao ano. En 2019, confirmáronse en España 15.338 delitos contra a liberdade sexual, dos que 1.878 foron agresións sexuais con penetración. Unha violación cada media hora.

Na prensa, noticias en páxina par. Moitas veces, nas seccións de sucesos ou sociedade. Apenas portadas. Asasinos confesos son tratados de “presuntos”. A veciñanza comenta que eran moi amables. Sinalan que “non había denuncias previas”. Nas fotos das protestas, cando se lles deu cobertura informativa, sempre as mesmas caras. Sempre grupos escasos de mulleres, e algúns homes, que saen á rúa. Concellos e institucións que paran un anaco e fan un minuto de silencio cando o asasinato cae preto. 

O dicionario da Real Academia Galega define o adxectivo normal como “conforme á norma, ao que é máis frecuente ou habitual”. A segunda e terceira acepcións son “que segue as normas da especie” e “que se corresponde loxicamente coa súa causa”.

Os asasinatos cotiáns de mulleres son barbarie. Fascismo. Intolerancia. A misoxinia é odio. E como todo odio, daniña e cáustica. Desafortunadamente, na nosa sociedade son acontecementos normais. E como tais, pasan desapercibidos e nin remexen, nin asustan

O asasinato de Samuel é barbarie. Fascismo. Intolerancia. A homofobia é odio. E como todo odio, daniña e cáustica. Afortunadamente, na nosa sociedade é un acontecemento anormal. E como tal, remexe, asusta, indigna. Mobiliza mareas de protestas, páxinas en prensa.

Os asasinatos cotiáns de mulleres son barbarie. Fascismo. Intolerancia. A misoxinia é odio. E como todo odio, daniña e cáustica. Desafortunadamente, na nosa sociedade son acontecementos normais. E como tais, pasan desapercibidos e nin remexen, nin asustan nin, semella, indignan abondo como para mobilizar mareas de protestas, páxinas en prensa. 

Normal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.