Desviemos a nosa atención dos axentes culturais por un momento, para adicala ás reaccións de quen, cicais, nunca escoitou a muiñeira. Se hai algo transformador nas manifestacións urbanas do mundo tradicional, iso é, sen dúbida, o xeito en que achega a raíz a quen vive desconectado dela
Cando as prazas e rúas das nosas vilas sexan tinguidas por saias e traxes de todas as cores, e o balbordo das cidades sucumba, tan só un intre, ante o unísono das gaitas, fixémonos entón no ollar dos espectantes. Desviemos a nosa atención dos axentes culturais por un momento, para adicala ás reaccións de quen, cicais, nunca escoitou a muiñeira. Se hai algo transformador nas manifestacións urbanas do mundo tradicional, iso é, sen dúbida, o xeito en que achega a raíz a quen vive desconectado dela.
Cómpre reparar na fascinación dos visitantes que, de forma inesperada, atopan no empedrado das urbes un pedazo da terra máis senlleira. Para eles -faltos dos prexuízos que nós mesmos temos cara o noso folclore- un grupo de pandereteiras tocando na praza, xa non só é a expresión das orixes dunha comunidade. É tamén un oasis, un escape das cidades homoxeneizadas nas que as franquías e tendas de souvenirs son sucedidas, unha tras outra, ata desposuír ás vilas da súa identidade. Pola contra, para un sector da sociedade galega que, nunha epidemia do síndrome do colonizado, renegou da pertenza a unha cultura de seu, un grupo de bailadores a pé de rúa supón un acto de reconciliación colectiva. Faise dona a tradición do espazo público e, por tanto, os transeúntes, parte inevitable dela. A aqueles que foron deprendidos dende a vergonza a quen son, preséntaselles o folclore coma unha fiestra valdeira, que lles recorda que onde resoen os puntos no chan, tamén o fará unha parte do seu ser.
É necesaria, por tanto, unha normalización cultural, que poña en contacto á xente coa raíz, ata que coñecer o patrimonio inmaterial que posuímos sexa tan común coma falar do fútbol
A raíz, por tanto, non se limíta ao plano cultural nas cidades, senón que se rixe coma un elemento arquitectónico e social, que cambia por completo a concepción de cada recuncho no que se mostra. Así é, por exemplo, xa inconcebible a entrada á Praza do Obradoiro sen o característico soar da gaita, que se impregna na memoria dos milleiros de peregrinos que a visitan cada ano. Debemos, entón, sacar ás rúas os nosos grupos e saír ao encontro de toda persoa que, a causa dos prexuízos que lle foron inculcados, non ten coñecemento do legado que herdou. O patrimonio inmaterial ha de ser transmitido de man a man, ata que ninguén adoeza a súa falta, pois este é, de todos, o dereito máis básico que debemos posuír: saber de onde, nós.
As bandas marciais e outros fenómenos que tratan que un gaiteiro sexa un bagpiper non son máis que un exemplo da hiperceltización, produto dun sentimento de inferioridade, ante o cal achegarse aos folclores escocés e irlandés serviu para lexitimar o papel e a validez da nosa música
Os novos formatos que se presentan no panorama musical galego do chamado mundo "tradi" encabezaron o rexurdimento dunha escea de noso, rematando coa quebra interxeracional e pasando, novamente, o testemuño da oralidade á rapazada. E é que aínda a día de hoxe temos que escoitar comentarios que desprezan a fartura do noso folclore e da nosa lingua, que é, de todas, a maior tradición que nos foi dada. A todo gaiteiro lle dixeron algunha vez iso de que "a gaita é un instrumento estridente". Apreciacións que non se adoitan facer doutros instrumentos coma o violín -o cal, sen anos de experiencia é imposible de afinar-, en parte pola falta de respecto que supon dicirllo a quen o toca, sí se fan dos nosos e aos nosos músicos.
É necesaria, por tanto, unha normalización cultural, que poña en contacto á xente coa raíz, ata que coñecer o patrimonio inmaterial que posuímos sexa tan común coma falar do fútbol. Non é continxente tampouco que, coma ocorreu coas gárgolas do Obradoiro en Santiago, a poboación teña un saber mínimo coma para identificar as inxerencias na nosa tradición e rexeitalas. As bandas marciais e outros fenómenos que tratan que un gaiteiro sexa un bagpiper non son máis que un exemplo da hiperceltización, produto dun sentimento de inferioridade, ante o cal achegarse aos folclores escocés e irlandés serviu para lexitimar o papel e a validez da nosa música. É hora xa de expurgarmos desta interferencia cultural, que, coma os castelanismos na lingua galega, deturparon o noso tocar. Non se ven na Irlanda grupos con gaitas e percusións da nosa terra, pois eles, a diferenza de nós, souberon valorar aquilo que é de seu.