Nós

O BNG compuxo para a súa campaña ás elección xerais un excelente tema músico-vocal (Nós  porque este soño…) en consonancia co engadido “NÓS candidatura Galega”. Ese tema contén un poema precioso, emotivo, expresión viva das  arelas reivindicativas do que se quere ser á vez que musicado dun xeito ledo, vibrante e  moi pegadizo cun remate repetitivo que lle daba moita forza ao pronome persoal “nós” converténdoo nun simbólo de recoñecemento colectivo do noso ser galego. Era realmente un himno. Penso que esta canción debería permanecer no tempo e que a palabra NÓS fose tomando corpo cada vez máis transformándose nun leitmotiv  xeralista e identitario do noso pobo.  NÓS reflicte unha unidade, e unha unidade expresa unhas características que nos vinculan a todos.  Efectivamente, en NÓS caben todos os galegos e galegas cun mesmo corazón, cun mesmo soño: o de ser NÓS, “por sempre NÓS”.

Non é casualidade que outro partido nacionalista como o irlandés Sinn Féin  tamén chámese Nós. Tampouco o é que na nosa historia  xurdise un grupo de grandes intelectuais que escollesen o nome de NÓS para difundir literariamente as súas actividades culturais informativas e formativas de carácter  galeguista.

NÓS, debería formar parte dunha iconografía que nos abranguese a todos polas súas connotacións integradoras e reafirmadoras do que somos como galegos e galegas, e porque pode abrir as posibilidades dunha identificación máis acaída para conseguir reconstruír a irmandade nacionalista desartellada que padecemos

A palabra NÓS, de doada representación gráfica, vigoroso son e preclaro significado en canto expresión símbólica do que pretendemos ser,  deberíamos botala a voar por cada recuncho da nosa Terra, do xeito que sexa, como unha das formas -remedando a Castelao- de petar na alma do noso pobo ata conseguir  conciencia de Nós mesmos na procura dunha Galiza nosa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.