Notas de campaña (I). Man de seda en luva de ferro

Se en algo hai un consenso xeneralizado a respecto das Eleccións Galegas do 21-O é no seu carácter decisivo para o futuro inmediato tanto do noso país como do ciclo político a nivel estatal. Unha vitoria do PP –ou sexa, unha nova maioría absoluta– permitiría a Rajoy executar os novos recortes impostos pola troika cunha renovada lexitimidade e daríalle un balón de osíxeno no tocante á recentralización do Estado, reducindo o problema do encaixe de Cataluña e Euskadi ao plano das negociacións bilaterais. Porén, unha derrota da dereita –e a conseguinte, aínda que dificultosa, formación dun goberno liderado polo PSdeG– indicaría o final do ciclo político de Rajoy, que ten na súa propia casa os máis acendrados inimigos, ao tempo que insuflaría nos sectores máis progresistas a confianza de que se pode derrotar o PP e condicionar a acción política dun PSOE que tería en Galiza un pequeno oasis no medio da súa travesía polo deserto sen final á vista.

Unha derrota da dereita indicaría o final do ciclo político de Rajoy, ao tempo que insuflaría nos sectores máis progresistas a confianza de que se pode derrotar o PP e condicionar a acción política dun PSOE que tería en Galiza un pequeno oasis no medio da súa travesía polo deserto

A catro semanas das eleccións, é moi arriscado facer prognósticos, sobre todo nun tempo tan volátil como o que vivimos e cando están pendentes de celebrarse mobilizacións sociais –o 25S e especialmente accións sindicais– que poden alterar o panorama o suficiente como para facer oscilar o delicado equilibrio no que se move a aritmética electoral galega desde hai unha década. Porén, resulta menos aventurado lanzar algunhas ideas sobre erros a evitar por parte das candidaturas progresistas (que denominarei xenericamente esquerda ao longo do artigo), ben como sobre o cultivo dun ambiente social propicio ás súas propostas; e é niso que vou me centrar nesta primeira entrega.

Ese algo máis, na miña opinión, resúmese en dous puntos: explicacións honestas do que está a ocorrer; e propostas capaces de combinar audacia e viabilidade

O primeiro risco que debe evitar a esquerda é o de caer na autocompracencia dunha suposta superioridade intelectual –e mesmo moral– a respecto da dereita, a quen unicamente se lle recoñece capacidade mobilizadora. A explotación do medo á dereita é un recurso electoral finito e, a estas alturas, está esgotado ou a piques de chegar a tal estado, como proba a crecente desmobilización da base electoral de esquerdas. É, este, un sinal inequívoco de que se precisa de algo máis, e ese algo máis, na miña opinión, resúmese en dous puntos: explicacións honestas do que está a ocorrer, incluíndo as necesarias doses de autocrítica polas responsabilidades que niso lle corresponden á esquerda; e propostas capaces de combinar audacia e viabilidade, dentro dun horizonte temporal e dun marco competencial moi reducidos. De aí nacen a esperanza e a credibilidade, eses intanxibles que son os que deciden eleccións e consagran proxectos políticos e lideranzas; e se as forzas galegas de esquerda son incapaces dese labor, poden aforrarnos o patético espectáculo de lamentos e reproches con que costuman enfeitar as derrotas electorais, tachando o pobo galego de desnortado rabaño de ovellas que escolle unha matilla de lobos para ser gobernado.

Do referido complexo de superioridade intelectual da esquerda orixínase, con non pouca frecuencia, un irresponsable desprezo en relación á eficacia dos argumentos da dereita. Neste caso, como xa é hábito no PP, o argumentario é escueto, simple e contundente: (i) só o PP ofrece estabilidade, fronte a unha sopa de siglas cuxo único nexo de unión é desaloxar do poder a forza maioritaria; (ii) o peor xa pasou, e en Galiza o impacto foi menor que no resto do Estado, grazas á austeridade e á capacidade de anticipación e lideranza de Feijoo; e (iii) só quen liderou o país nos tempos difíciles pode sacarnos do fondo do pozo, fronte a unha oposición descabezada e inmersa en liortas internas. Sospeito que errará en cheo quen dubide da efectividade destes argumentos, mais o erro crucial consistirá en adoptar actitudes que acaben tornándoos certos, especialmente no caso do primeiro deles, de cuxa veracidade é complicado dubidar á vista dos feitos.

O permanente desafío electoral da esquerda consiste en demostrar que, desde a pluralidade, é capaz de articular unha alternativa, facendo primar o espírito de síntese sobre o de amálgama

A esquerda parte nestas eleccións cunha vantaxe da que non dispuña en 2009: os sectores máis críticos, cuxa desmobilización nas pasadas eleccións foi decisiva para a perda do Goberno galego, xa percibiron con toda clareza –e crueza– as diferenzas entre un goberno insatisfactorio e outro agresor, o que fai pensar que por ese lado se incrementará a mobilización, aspecto no cal tamén axuda a emerxencia de novas candidaturas capaces de atraer parte dos descontentos coas opcións tradicionais. Mais conta, tamén, cunha desvantaxe: esa mesma fragmentación, ademais de pór en risco a tradución dos votos en escanos –notadamente nas provincias interiores–, abre un novo desafío. Ou, mellor dicindo, fai aínda máis complicado o permanente desafío electoral da esquerda, a saber: demostrar que, desde a pluralidade, é capaz de articular unha alternativa, facendo primar o espírito de síntese sobre o de amálgama.

Para visibilizar a alternativa á dereita, as candidaturas de esquerdas deben pór en común polo menos dous discursos: un, o dunhas cantas liñas de crítica ao goberno saínte; o outro, un espazo de entendemento capaz de alicerzar unha acción de goberno

O máis grave erro que poden cometer as forzas de esquerda é enlearse nunha disputa pola primacía –en votos, en propostas, en lexitimidade, en radicalidade...– da alternativa  fronte ao PP, ao invés de dedicaren as súas enerxías a construíla e a facela visible. Para iso, é de todo punto ineludible que as candidaturas de esquerdas poñan en común polo menos dous discursos: un, o dunhas cantas liñas de crítica ao goberno saínte que todos eles repitan a xeito de mantra (ataque aos servizos públicos, desprezo polo autogoberno e pola identidade, falsidade da austeridade, depauperación da situación económica herdada...); o outro, un espazo de entendemento capaz de alicerzar unha acción de goberno (instrumentos financieiros públicos, política fiscal progresiva, compromiso co benestar social e co reforzo do autogoberno, transparencia na xestión...).

Salvo grave erro de percepción pola miña parte, nin a sociedade dun modo xeral nin a base social e electoral da esquerda están preparadas –hoxe, o cal non significa que o acontecer futuro non poida mollar un solo xa abonado– para o discurso da excepcionalidade, do cambio de réxime, das proclamas soberanistas, da radicalidade revolucionaria ou mesmo da analoxía con Grecia e Portugal. Máis que nada, porque para que eses discursos triunfasen, sería precisa unha presentación de proxectos que a esquerda –en xeral, e a partidaria en particular– está lonxe de ter sequera rascuñados, máis alá da súa gratificante e estéril enunciación retórica.

A miña proposta é sinxela: inverter o ditado e aplicar unha sorte de man de seda en luva de ferro. Ou sexa: contundencia e radicalidade na crítica, conxugadas con propostas viables competencial e financieiramente

Cunha esquerda carente da iniciativa na batalla das ideas e dos relatos sociais, cal debe ser a estratexia para vencer? A miña proposta é sinxela: inverter o ditado e aplicar unha sorte de man de seda en luva de ferro. Ou sexa: contundencia e radicalidade na crítica, conxugadas con propostas viables competencial e financieiramente. Sinceramente, non creo nin que a tan traída e levada maioría social pida máis, nin que as forzas de esquerda estean en condicións de ofrecer algo mellor para mobilizar o seu electorado potencial.

Mais mesmo desde a humildade, a esquerda está obrigada a transcender o horizonte da noite electoral, pois se calla a impresión de que o que se xoga o 21-O se reduce a pór Pachi no lugar de Feijoo, a escoller os socios de goberno do propio Pachi, a decidir a correlación de forzas no nacionalismo e a amolar as navallas no PP galego, é ben posible que moitos electores progresistas desistan de entrar nese xogo. Sen perder pé da realidade e das propias capacidades e limitacións, a esquerda debe ofrecer un programa para catro anos, a partir do cal se poida inferir unha ambición de cambio substantivo que todos sabemos que levará tempo para se asentar, ao tempo que asume o compromiso de ser un contrapoder fronte aos ditados neoliberais procedentes de Madrid e de Bruxelas. Menos que iso, non se pode pedir.

Estamos ás portas dunha campaña electoral que case con certeza resultará determinante para os resultados do 21-O

Xa que estamos ás portas dunha campaña electoral que case con certeza resultará determinante para os resultados do 21-O, a súa concepción pode maximizar ou estragar os logros da esquerda. O ideal, ao meu xuízo, sería compaxinar unha campaña de proximidade, aberta e con moito corpo-a-corpo, que reduza a sensación de distancia entre a cidadanía e a esfera institucional; cunha activación dos movementos sociais, non como correas de transmisión senón como axentes impugnadores da (des)orde establecida e da acción de goberno perpetrada polo PP desde a Xunta (e desde Moncloa, referente inevitable nesta convocatoria). O segundo, obviamente, só será posible se a esquerda social sente que ten suficientes motivos para o compromiso, e iso pasa por albiscar unha alternativa, como foi dito máis arriba.

Para concluír, non estaría de máis que nesa alternativa se enxergase como algo natural a convivencia de diferentes proxectos políticos cuxas diverxencias non teñen visos de traducirse en diferenzas na acción política nin na próxima lexislatura nin en varias que veñan. E é que unha das maiores virtudes das inminentes eleccións é a súa contribución á normalización do mapa político do país, xa que pola primeira vez en moito tempo a oferta electoral é ampla tanto no plano ideolóxico como no nacional; e aínda que no Hórreo non haberá desta volta espazo para todos, podemos estar a asistir ao primeiro capítulo dunha nova etapa. Quen vivir, verá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.